Skip to Content

Curso 2021-2022

O 27 de abril remata o prazo para os concursos da A. C. Os Matos

Aberto o prazo dos concursos anuais da nosa asociación cultural Os Matos. Ata o 27 de abril. Anímate e participa. Hai primeiro e segundo premios nas tres categorías. Lembra: en lingua galega.

XV Concurso literario     
    + de relato curto 
    + de poesía
 
XIII Concurso de Imaxe

Concurso Portada Maruxía nº 28

Xoga e aprende no acuario do Perdouro!

O alumnado de 4º ESO de Tecnoloxía participou no proxecto D´Tec: Explorando os mundos virtuais, organizado polo CIS de Ferrol. Empregando recursos innovadores, iniciáronse no mundo da Realidade Aumentada (AR) e da Realidade Virtual (VR).

Utilizando estas ferramentas achégannos ao acuario do IES Perdouro, de xeito que podemos coñecer as plantas e peixes que o habitan e xogar coa información aprendida. 

Atréveste? Para empezar a xogar diríxete AQUÍ.

@Xunta @galiciacrece @axenciaGAIN #programaDtec #MundosVirtuais 

 

Burela sostible en Realidade Virtual e Realidade Aumentada

O 25 de setembro de 2015, os líderes mundiais adoptaron unha serie de obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos/as. 
 
Cada obxectivo ten unhas metas e todos/as debemos facer a nosa parte. 
 
O alumnado de 2º BAC de TIC estivo a traballar con estes obxectivos relacionándoos coa súa vila, Burela, e realizaron unha serie de traballos empregando a Realidade Virtual (VR) e a Realidade Aumentada (AR). 
 
Se queres coñecelos, dá un paseo virtual por cada un!
 
@Xunta @galiciacrece @axenciaGAIN  #programaDtec  #MundosVirtuais 







Coñece a Ledicia Costas

O alumnado de 2º ESO de Investigación e Tratamento da Información elaborou esta pequena presentación sobre a traxectoria de Ledicia Costas, autora tan lida no noso centro e que estará connosco este xoves 7 de abril.
 

Medida de parámetros do acuario do IES Perdouro

Como iniciativa do Departamento de Bioloxía, decidiron levar ao alumnado de distintos cursos a visitar o acuario unha vez ao mes para comprobar distintos parámetros. 

A última vez que fomos, comprobamos tres parámetros: o pH, o GH e os NO2. A maioría son moi sinxelos e só hai que seguir unhas cantas instrucións para cada parámetro. Ademais, fixemos quendas entre os compañeiros para que todos puidesen participar. 

Por exemplo, para comprobar o pH só hai que tomar unha pequena mostra de auga e botar dúas gotas de reactivo. Logo, hai que comparar a cor da auga cunha táboa graduada. Como resultado obtivemos que o pH era de 7,5. 

Despois, comprobamos o GH, é dicir, a dureza da auga. Neste caso, axudounos a nosa antiga profesora de Xeografía e Historia, Maribel. Para obter a dureza só hai que botar un pouco de auga e contar as gotas de reactivo que fan falla para que a auga se volva de cor verde. 

Por último, comprobamos o valor dos nitratos (NO2). É necesario botar 4 gotas de reactivo e axitar e, máis tarde, botar outras catro e volver a axitar. Tras comparar coa táboa, obtivemos que había 0 mg por cada litro.

Podedes ver máis fotos AQUÍ

Nicolás Sixto Guisasola - 1º Bacharelato A

Encontro literario con Ledicia Costas

Este xoves recibiremos á escritora Ledicia Costas. É un encontro moi agardado, pois hai dous anos, antes da pandemia, iamos reunirnos con ela e non puido ser. 

Agora, despois destes dous cursos, por fin poderemos compartir con ela as nosas impresións sobre as súas novelas: O corazón de Xúpiter, Unha estrela no vento, Escarlatina, a cociñeira defunta...

Estamos desexando que chegue o día!

 

Gañamos a fase autonómica da III Olimpíada Xuvenil Española

Gañamos por segunda vez consecutiva a fase autonómica da Olimpíada Científica Xuvenil Española.

A III Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixonante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

 Na fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 24 e 25 de marzo de forma telemática, participaron 2 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Nacho Andía López, Alexandre García Pousa e Hugo  Gorgojo Basanta de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.

Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Valencia os 11, 12 e 13 de xullo de 2022. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

Para saber máis: https://quintescience.es/ijso

O Día das Artes Galegas 2022: Laxeiro

O Día das Artes Galegas de 2022 está dedicado a Laxeiro, unha figura central da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística, 25 anos despois do seu falecemento, segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pero a pegada de Laxeiro non só se circunscribe a este ámbito. O artista lalinense conseguiu a aprobación popular dos galegos máis alá do ámbito pictórico e académico. 

Fonte: Cultua Galega

Acceso á web Fundación LAXEIRO

O alumnado de 4º de ESO de Educación Plástica e Visual investigou sobre Laxeiro e fixo unhas infografías e o mural aquí exposto.

Recollemos aquí a infografía de Lidiana de Pina.

 

8M: Antía Yáñez e a súa novela Senlleiras

O martes 8 de marzo (Día Internacional da Muller) tivemos a visita de Antía Yáñez, autora do libro Senlleiras que lemos na primeira avaliación de Lingua Galega.

A escritora falounos da orixe deste libro. Un día, escoitando un podcast de “Cuarto Milenio”, oíu que unha muller fora atopada morta e o seu bebé xogando xunto ao cadáver; a isto sumáselle que na última fotografía publicada dela víase unha man pantasma. Por iso, ela decidiu escribir un libro que empezara cunha morte e que os feitos se foran desencadeando ao longo da historia. Nese momento ela sabía pouco da violencia machista mais decidiu entrar nese tema para entendelo mellor. A súa intención era escribir sobre mulleres da súa idade coas que sentirse identificada, xa que o común na literatura é que os papeis protagonistas sexan para homes (como exemplo puxo a Harry Potter, unha das sagas que a introduciron no mundo da lectura, xunto coa serie de libros de “Los cinco”; sobre estes últimos libros contounos que sempre se identificou cunha das protagonistas (Georgina), pero que ela non quería deixar de ser muller para facer o que Georgina facía, posto que a protagonista quería ser un rapaz para correr moitas aventuras). 

Amosounos diversos exemplos sobre o papel da muller na literatura, como o caso da autora de Harry Potter, quen non puxo o seu nome completo nos libros porque, se o público masculino sabía que era unha muller, non os lerían. 

Con respecto á violencia machista, ao longo da charla ensinounos algúns titulares de noticias redactados de maneira agresiva cara ás mulleres, mentres que, no caso dos homes, moitas veces se intentaba diminuír a importancia da situación. A violencia convértese nun circo mediático que parece esconder os agresores e intentar suavizar os delitos que se cometen contra as mulleres. 

Tamén nos presentou algúns dos lugares que aparecen no libro como “Vila Chorima”, que agora está en ruínas e que era o lugar a onde Alana foi servir coa súa nai, e onde vivimos a súa infancia. Tamén falou da Rúa Betanzos e da Praza de Lugo, lugares onde se desenvolvía a vida de Alda e Alana, e o Hotel de Francia, que actualmente é o Blue Coruña. 

Gustoume moito a charla xa que a escritora fusionou temas do libro coa realidade da violencia machista que estamos vivindo na nosa sociedade. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Sandra Lopes Monteiro, 1º BAC-B

Agradecemento de Cristian Gómez e Noemy Cardoso ao Modelo Burela en La Voz de Galicia

O luns 21 de marzo recibimos no centro a visita da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para asistir a un acto no que se presentou o documental Aquí medra a lingua e canda ela interviñeron a directora do audiovisual, Cristina de la Torre;  Natalia Irimia, coordinadora do EDLG e a nosa directora, María José Pardiñas. Estiveron acompañadas por unha representación do alumnado do centro: Cristian Gómez e Noemy Cardoso Borges. 

Para os que non puidestes asistir á presentación, aquí tedes as súas intervencións, que foron publicadas na sección de Opinión de La Voz de Galicia, como mostra de agradecemento do seu paso polo IES Perdouro e da súa participación no Modelo Burela.

Aquí tedes o enlace ao sitio web do Consello da Cultura Galega onde está o noso documental. Nesa mesma páxina web van ir estreando cada luns durante 5 semanas os audivisuais dos restantes centros seleccionados polas súas actuacións en materia educativa e de dinamización lingüística. Podedes velos aquí

Percorrido por Burela e visita de Maribel a 3º ESO PMAR

O pasado 11 de xaneiro, o grupo de alumnos de 3º ESO PMAR realizamos unha saída por Burela acompañados dos profesores Bernardo, Sonia e Fernando. 
 
Visitamos a parte máis antiga de Burela e vimos recunchos con moita historia como a casa na que viviu o Mariscal Pedro Pardo de Cela ou o cuartel que tiñan as tropas de Napoleón cando se produciu a Guerra da Independencia, o cal, por certo, atópase nun estado lamentable. Tamén vimos varios exemplos de feísmo urbanístico e revisamos vocabulario do galego que se está a perder nas xeracións máis novas como os distintos nomes cos que se coñece un hórreo: cabozo, celeiro ou espigueiro. 
 
Sen dúbida, foi un día formidable no que puidemos saír da aula para aprender cousas ben curiosas da vila na que vivimos, así como conversar con algún veciño. 
 
Por outra parte, o mércores 16 de marzo, recibimos a visita da gran exprofesora de Xeografía e Historia do IES Perdouro, Maribel. Entre todos fixémoslle unha entrevista na que lle formulamos preguntas sobre as súas orixes, a súa formación, a súa carreira profesional, as súas vivencias no noso centro, as súas afeccións, os seus desexos tras a xubilación... Recordamos tamén moitos momentos graciosos vividos con ela nas súas clases ou excursións. Encantounos volver vela e escoitala. 
 
Sen dúbida, foi unha experiencia moi fermosa.
 
Alumnado de 3º ESO PMAR.

Obradoiro de xoguetes naturais

O luns día 7 de febreiro do 2022, José Manuel García Fernández veu á nosa clases ensinarnos os seus xoguetes naturais e de paso fíxonos facer un xoguete a nós. 

O primeiro xoguete que nos ensinou e que fixemos foi un barquiño feito cun xunco (que é unha planta que se pode encontrar en zonas húmidas), con espiñas de acacia que suxeitaban o xunco e con follas de loureiro, que tiñan o papel de vela do barco. 

O segundo xoguete que nos ensinou foi o saltón. Era un obxecto de madeira que tiña un mecanismo que facía que o obxecto saltara dando unha viravolta. 

O terceiro xoguete chamábase rinrán. Era un xoguete feito con noces, un pau e un fío groso. Funcionaba a base de tirar do fío con forza e a noz encollía o fío de novo para dentro. 

O cuarto xoguete foi como o primeiro pero mellor feito e moito máis complicado, tamén feito con xuncos.   

O quinto e o sexto xoguete foron unha boneca e un cabalo feitos de folla de millo que estaban moi ben decorados. 

O sétimo xoguete era un colar feito con bólas que un tipo de avespas poden crear nos carballos. Había un máis grande e outro máis pequeno. 

O oitavo xoguete era o tiratacos. Funcionaba cunha bóla de papel mollada e cun pau da medida correcta. Poñíanse dúas bóliñas de papel molladas e o pau empuxa a segunda bóla para que o aire se comprima e a primeira bóla saia disparada. 

E o noveno e último xoguete chamábase foguete cun xunco. Funcionaba separando un pouco a casca do xunco pola súa base. Logo, collíase unha parte da casca e tirabas da outra con forza para abaixo e o xunco saía como un foguete. 

Na miña opinión, foi unha actividade bastante divertida e na que puidemos aprender cousas novas e todas as cousas que se poden facer con elementos naturais. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Antía Montenegro González – 2º ESO D

Receitas para aproveitar todo e non tirar nada

Para colaborar co proxecto Generación ECO promovido por EcoVidrio, o alumnado de 1º de ESO, coa súa profesora Carmen Castro, elaborou unha guía cunhas receitas de aproveitamento culinario para así non ter que tirar nada ao lixo. 

Con esta actividade, conseguen reducir o impacto da pegada hídrica e de carbono e obter o nomeamento de "Responsable de sostibilidade na casa". A adquisición de hábitos sostibles vai moito máis alá do noso centro educativo. Tomar decisións e levar a cabo accións que teñan en conta o coidado do medio é o primeiro paso para levar un estilo de vida sostible, dentro e fóra da aula.

Probade a facelas! Están deliciosas!

 

 

Petición ao alcalde: mellora do transporte público e carril bici

O pasado luns María, Álvaro e Henar, alumnos de 3º de ESO, fixeron entrega ao alcalde de Burela dunha carta cunha petición ben clara: a de protexer o medio ambiente reducindo as emisións de CO2 dos vehículos, favorecendo a circulación en bicicleta por Burela ou vindo ao instituto andando.

Excelentísimo Sr. Alfredo Llano: 

Escribímoslle en nome do alumnado do IES Perdouro para que vostede fose tan amable de escoitar unhas cantas propostas en canto á melloría do transporte público e a construción de carrís de bicicletas polo centro urbano de Burela para poder chegar ata diferentes lugares do pobo. Estas propostas están relacionadas co propósito de poder mellorar a nosa posición fronte á contaminación do medio ambiente. Ademais, así teriamos unha mellor mobilidade pola nosa vila, á par de máis medios de transporte para moverse pola Mariña Lucense. 

1. Todo o alumnado está a favor da melloría do transporte público pola Mariña Lucense. Sabemos que isto non depende só do Concello, pero sería interesante preguntar e intentar buscar unha solución acorde a este problema. Sería un gran avance para o noso pobo, unha gran axuda para a xente con necesidade de trasladarse dun sitio a outro. Ademais, sería unha modesta pero influente fonte de ingresos.
Para a mellora disto, expoñemos os seguintes puntos: 

- O aumento de viaxes por día, para poder reunir máis persoas e así difundir o bo funcionamento do transporte público. 

- Máis variedade de destinos; deste xeito habería máis lugares aos que viaxar, polo que máis persoas estarían interesadas.

2. En canto aos carrís de bicicletas, pensamos que isto podía incrementar a actividade física entre a xuventude, ao igual que a da xente que para desprazarse dun lugar a outro de Burela vai sempre en coche. Con estes carrís, incitariámolos a cambiar este hábito tan contaminante para o noso ambiente. Sabemos que sería algo custoso, pero tamén sabemos que á larga, terá resultados moi positivos para todos. 

En resumo, sabemos que o que estamos a pedir é complicado, que estas medidas non se poden levar a cabo dun día para outro. Sabemos que supón un gasto económico considerable. Pero temos claro que, se estas peticións dan froito, seriamos un pouco máis solidarios co medio ambiente e así mesmo, estariamos a mellorar o funcionamento dun servizo como o transporte público. 

Esperamos que as nosas peticións sexan recollidas con gusto por vostede. E tamén sirvan para mellorar e axudar en algo. 

Grazas pola súa atención.

Alumnado do IES Perdouro.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

Axuda ao medio ambiente e hoxe non uses o coche!

Onte celebrouse o Día Internacional dos bosques e para contribuír a non contaminación e preservación dos mesmos, o alumnado de 3º ESO proponnos ir camiñando a todas partes dentro da nosa vila. 

Hoxe moitos compañeiros viñeron andando ao instituto, outros compartiron coche ou deixaron o coche máis lonxe para vir andando máis tempo e dese xeito contaminar menos. 

Esperamos que a xornada sexa un éxito e que nos deixe moitas imaxes dos vosos percorridos a pé no día de hoxe. 

Distribuir contido


by Dr. Radut