Skip to Content

Curso 2012-2013

ACE curso 2012-2013

Obradoiro de pinturas rupestres

REGRESO  AO PASADO

Cun obradoiro de arqueoloxía, os alumnos de 2º da ESO viviron por unas horas o xeito que tiñan os homes primitivos de levar a cabo as súas expresións artísticas , os recursos  dos que dispoñían e o material que eran capaces de elaborar.

Dun xeito diferente houbo unha aproximación ás pinturas rupestres e aos gravados na pedra, á súa finalidade última e á maneira de conseguilo. Toda unha experiencia histórica!!!


Obradoiro na Fundación Tic

Un grupo de 27 rapaces e tres profesores procedentes da localidade de Janzé, na Bretaña francesa, visitaron o 18 de marzo as instalacións da Fundación TIC.

Os estudantes están en Burela con motivo dun intercambio de estudos co IES Perdouro de Burela dentro dun convenio de 2 anos de duración chamado “A nosa ecocidade cidadano verde”. Estarán en Burela 10 días.

Ademais de coñecer a Escola de Imaxe e Son, único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia audiovisual, os estudantes participaron na grabación do “Ticodiario”, un programa informativo realizado e editado polos alumnos da Escola e Imaxe de Son de Lugo.

Ticodiario enmárcase nun programa de visitas e actividades organizado pola Fundación TIC, para achegar as novas tecnoloxías ós mais novos. Cerca de vinte centros educativos de toda a provincia asistirán ata o mes de xuño a algunha das gravacións deste novo programa de televisión.

Acto musical

A aula de música do IES Perdouro de Burela recibe este mércores día 20 a visita de Eva Cajide Pedreira, artisticamente Evinha.

Esta moza luguesa de 21 anos é unha das tres representantes da provincia de Lugo que disputan as últimas fases dos Recantos da TVG, un concurso orientado á descuberta de novos valores musicais. Con este encontro musical, a área de Música do Instituto Perdouro pretende ofrecer unha actividade práctica ao alumnado en cuestións como a composición e interpretación musicais. A súa xornada didáctica comezará ás 9:20 da mañá. Posteriormente gravará con Matías Nicieza unha breve colaboración coa iniciativa pedagóxica “Modelo Burela” e, xa en horario de tarde, participará no programa radiofónico Proxecto Neo, onde coincidirá cos alumn@s que participan no seu club de fans, moi especialmente cunha das súas impulsoras, Xeila Villarino Coto.

Fallo do xurado do concurso de Banda Deseñada 2013

Foron fallados os premios do concurso de creación de BD no marco dos V Encontros de Banda Deseñada na Mariña.

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 14 ANOS

    o 1º premio foi obtido por Andrea Barro Rodríguez do IES Perdouro coa obra "A casa pantasma"

    o 2º premio foi para Carmen Manuela Suárez García do CEIP de Cervo coa obra "O gato gatiño"

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 18 ANOS

    o 1º premio recibironno Sara Palomino Arnanz e Myriam López Otero do IES San Rosendo de Mondoñedopola banda deseñada "O segredo da pintura"

    o 2º premio foi para unha obra titulada "Unha viaxe redonda" presentada por Antía Fernández Fernández e Aurora Rodríguez García, alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo.

CATEGORÍA ABERTA

    o 1º premio foi obtido por Nicolás Martín Alessandro (Guionista) & Julián Rocha (Debuxante) coa obra "Azar"

    o 2º premio foi para Inés Vázquez Ramallal coa obra "Por unha presa de grelos"

A organización quere mostrar o seu agradecemento a todos os participantes e especialmente aos docentes e alumnado dos centros educativos que amosaron o seu interese por estes Encontros.

Reunión do xurado do Concurso de Banda Deseñada

Nesta edición as obras do concurso dos V Encontros de Banda Deseñada na Mariña proveñen mesmo doutros lugares de Europa e América.

Continúan as actividades relacionadas coa Banda Deseñada organizadas polo IES Perdouro de Burela.


O xurado do concurso reuniuse hoxe para comezar a valoración das obras participantes nesta quinta edición. Os organizadores dos Encontros queren destacar a calidade dos traballos presentados e tamén a súa cantidade. É salientable, por outra parte que, nesta ocasión, a procedencia das distintas creacións é moi diversa: Portugal, Arxentina, etc.

O fallo do xurado terá lugar o próximo luns 18 de marzo no IES Perdouro. 

Intercambio - Visita a Galicia 2013

No marco do noso proxecto europeo Comenius "Mon Écoville", un grupo de 27 alumnos de 3º do Collège Jean Monnet de Janzé permanecerán en Burela ata o 21 de marzo.

Chegaron o 12 de marzo, e espéralles unha semana chea de visitas turísticas e actividades medioambientais.

 

Foto de grupo dende o mirador Monte Castelo

8 de marzo - día da muller traballadora

Inés Pardo Parra e Eva Pernas Fernández, alumnas de 3º de ESO, gañaron o Concurso de Lema co galo de celebrar o Día da Muller Traballadora convocado polo Departamento de Orientación do centro.
 
Non envelenes o amor con violencia.
 
Ás veces o corazón pesa demasiado por culpa das cicatrices que deixas nel.

Mentalízate - Campaña de sensibilización sobre enfermidades mentais

A asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña impartiu ao alumnado de 4º de ESO e 4º PDC este xoves 7 de marzo unha charla divulgativa co obxectivo de sensibilizalo ás enfermidades mentais.

Mentálizate é unha campaña para informar e sensibilizar aos mozos/as sobre saúde mental e enfermidades mentais. Esta actividade que se desenvolve a nivel nacional vai dirixida fundamentalemente aos rapaces de entre 14 e 20 anos. Pretende promover hábitos e estilos de vida saudables e a prevención de problemas de saúde mental, concienciando aos máis novos sobre o perigo de certas condutas de risco como o consumo de tóxicos.

Sonia Nogueiras Oroza, psicóloga do centro de axuda ao enfermo mental, e Vanesa García Cayón, educadora social, explicaron o noso alumnado que a enfermidade mental é unha patoloxía severa e persistente, que en parte pode prevenirse coa axuda de todos, colaborando na detección precoz de síntomas, educando en habilidades interpersonais para prevenir as condutas de risco, como o consumo de cannabis e outras drogas, e fomentando hábitos de vida saudables. Ademais fixeron especial fincape nunha actitude positiva hacia aquelas persoas que padecen unha enfermidade mental e hacia os seus familiares co propósito de evitar e eliminar a discriminación e prejuizos hacia estas persoas.

1º Premio Concurso Robótica 2013

Alumnos de electrónica do IES Perdouro, gañadores do V Concurso Galego de Robótica co 1º Premio

O Instituto Galego de Ciencia IGACIENCIA organizou a actividade "A Maxia da Robótica". O V Concurso Galego de Robótica realizouse durante ao longo desta semana na Fundación Barrié da Coruña. Nesta actividade pretendeuse achegar aos nosos alumnos e alumnas o campo da robótica e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científica na nosa sociedade galega. Consistiu na programación dun robot  que tiña que superar unha serie de retos.

O primeiro premio na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos, foi acadado polo equipo formado por Raúl González Moirón, Sony Monteiro Lopes da Silva e Francisco Javier Díaz Soto. Os tres son alumnos do Ciclo Medio de Instalación de Telecomunicacións no I.E.S. Perdouro de Burela.

Categoría Secundaria Obrigatoria:

  • 1º premio : IES Francisco Asorey - 57 puntos
  • 2º premio: empates de 50 puntos: IES A Cachada, IES de Tomiño (3), IES Canido
Categoría BAC e Ciclos:
  • 1º premio: IES Perdouro de Burela - 54 puntos
  • 2º premio : IES Pontepedriña - 50 puntos
  • 3º premio: IES Sofía Casanova - 46 puntos - empatado co IES de Sabón de Arteixo

Concurso de Robótica 2013

cartazAlumnado de 4º de ESO -titorados por Javier Villaverde, o seu profesor de tecnoloxía- e do Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións -titorados pola súa profesora Marga López- participaron na Coruña o día 25 de febreiro no V Concurso Galego de Robótica A Maxia da Robótica, organizado pola Institución Galega da Ciencia  (IGACIENCIA), en colaboración coa Fundación Barrié.
Con esta actividade preténdese achegar aos nosos alumnos e alumnas o campo da robótica e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científica na nosa sociedade galega.

O obxectivo deste obradoiro "A maxia da robótica" é participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO, de maneira sinxela e divertida en tan só unha hora. A fase de preparación previa dura tamén outra hora e nela apréndense a linguaxe da robótica e o manexo dos robots.

A competición dura cinco días, do luns 25 de febreiro ao venres 1 de marzo, e nela participan equipos de toda Galicia, preto de 1.000 alumnos e 58 profesores de 29 centros.
Que gañen os mellores! A competición está servida!

Para a semana, o xurado dictaminará os equipos gañadores. Paciencia.


A prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia

Acercándonos á astronomía

Alfonso Piñeiro impartiu unha charla sobre astros do noso sistema solar ao alumnado de 1º de ESO o pasado mércores 20 de febreiro na biblioteca.

Uso responsable de Internet e das redes sociais

Dentro do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade Escolar, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado martes, día 19 de febreiro.

O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

Charla sobre violencia de xénero

O alumnado de 2º de ESO recibíu na biblioteca o día 20 de febreiro unha charla sobre Violencia de Xénero impartida pola Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno. Esta actividade, que forma parte do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade Escolar, ten como obxectivo informar e sensibilizar o noso alumnado contra a violencia de xénero e estereotipos sexistas para destacar a importancia da educación en valores e coñecer os modos de prevenilos e denuncialos.
Loitemos entre todos para erradicar a violencia de xénero.

Obradoiro de Comunicación coa sociolingüista Bernie O'Rourke

O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato foi partícipe duns obradoiros de comunicación en linguas inglesa e galega a cargo da sociolingüista Bernie O'Rourke os días 21 e 22 de febreiro respectivamente. Toni Galdo, profesor de lingua inglesa,  moderou un candente debate sobre as similitudes entre o gaélico e o galego. O alumnado puido coñecer de primeria man a realidade sociolingüística de Irlanda asi como debater sobre as políticas lingüísticas de Galicia e Irlanda. Bernie suscitou dúbidas ao respecto en ambos países e compartiu co noso alumnado puntos de vista sobre a convivencia lingüística en Galicia. 

Obradoiro de comunicación "Modelo Burela"

A convidada da presente edición é a sociolingüista irlandesa Bernadette O’Rourke

Bernadette O’Rourke, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo, estará entre os días 20 (mércores) e 22 (venres) do presente mes de febreiro en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. Aproveitando a súa visita, o Instituto Perdouro convidouna a participar nunha nova edición dos Obradoiros de Comunicación “Modelo Burela”, actividade que botou a andar en marzo de 2010 coa colaboración do profesor hindú Anik Nandi. 

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Bernie O’ Rourke (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante en galego) e Héctor Canto (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e irlandesa, xa relacionadas entre si desde tempo inmemorial.
As primeiras actividades destas xornadas celebraranse na tarde do mércores. Ás 5 da tarde, a profesora O’ Rourke participará en directo no programa radiofónico escolar Proxecto Neo, emitido por Radio Burela todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Seguidamente, comezará a realizar un traballo de campo consistente en diversas entrevistas coas que pretende obter un diagnóstico do panorama cultural de Burela. 
Tanto nas xornadas do xoves como do venres, a profesora convidada participará en actividades didácticas con alumnado de ESO e Bacharelato (en horarios aínda en elaboración) e continuará cos traballos da súa investigación. 

A profesora convidada

Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011. 

Outras referencias:

http://hw.academia.edu/BernadetteORourke
 
Artigo de opinión de Bernie O’Rourke
Chámome Bernie O'Rourke. Son irlandesa, mais levo varios anos vivindo en Edimburgo (Escocia), onde traballo na universidade de Heriot-Watt. Desde o ano 1998, cando fixen un lectorado na universidade da Coruña, levo moitos anos visitando Galicia.
Durante esa estancia comecei a interesarme pola realidade sociolingüística de Galicia e, sobre todo, polo uso do galego. En Irlanda tamén, como sabedes, temos outra lingua que é o gaélico irlandés da que hai cada vez menos falantes tradicionais, aínda que si vemos un aumento no número de neofalantes, isto é, a xente que non ten a lingua como lingua materna ou familiar senón que a aprendeu na escola.
O tema dos neofalantes é algo que me interesa moito. Levo varios anos taballando sobre o mesmo, sobre todo con colegas na universidade de Vigo. Actualmente estamos recollendo datos sobre persoas con estas características e o ano pasado pasei varios meses en Vigo entrevistando a neofalantes de diferentes idades que viven nesa cidade. As súas historias son moi diversas pero moi interesantes.
Durante o meu traballo de campo coñecín un rapaz de Burela, Héctor Canto, un enxeñeiro de telecomunicacións que me falou do Modelo Burela e das medidas inovadoras do proxecto para promover o uso da lingua entre toda a cidadanía, especialmente entre a xente chegada de fóra. Tamén coñecín outro investigador da India, Anik Nandi, que agora está facendo o seu doutoramento comigo en Edimburgo. Anik é un exemplo dun neofalante;  aprendeu o galego en Santiago e dende entón fálao con case todo o mundo.
O Modelo Burela demostra que a lingua galega é un ben común para todos e que hai xente de fóra que a ve como unha parte importante da súa identidade. Durante a miña visita á localidade, na próxima semana espero coñecer un pouco mellor a realidade sociolingüística deste lugar de referencia.
Distribuir contido


by Dr. Radut