Visita guiada ás Ruínas de San Domingos

O pasado mércores 15 de xuño o alumnado de 2º ESO desfrutou dunha xornada cultural na cidade de Pontevedra, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia. A actividade comezou cunha interesante visita guiada ás Ruínas de San Domingos, a cargo do persoal técnico do Museo de Pontevedra.

As Ruínas de San Domingos son os restos da antiga igrexa e convento dominico, construídos entre os séculos XIV e XV. Estaba situado fóra da muralla da cidade, preto dunha das súas portas principais. A finais do século XVIII os frades proxectaron modernizar a igrexa cunha reforma, pero a obra non chegou a concluírse. A orde dominica foi expulsada trala desamortización de Mendizábal en 1836.

De todo o complexo gótico só permanecen en pé a cabeceira da igrexa e o muro sur do cruceiro. É precisamente a súa cabeceira con cinco ábsidas a que lle confire singularidade no ámbito galego, xa que é a única igrexa do seu estilo que adoptou esta solución, fronte á máis habitual dunha ou tres ábsidas.

 

Alumnado de 2º ESO, na cabeceira da antiga igrexa gótica de San Domingos

 

Despois da visita guiada, o alumnado percorreu as rúas da cidade vella, visitando a Igrexa da Peregrina e o Convento de San Francisco. A xornada rematou cunha breve camiñata ata a Illa das Esculturas, onde os rapaces e rapazas gozaron dun tempo de lecer ao aire libre e nun espazo verde.