Xornada arqueolóxica en Campo Lameiro

O pasado venres 10 de xuño o alumnado de 1º ESO desfrutou dunha xornada no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. A primeira actividade consistiu nunha visita guiada pola área arqueolóxica, que presenta unha das maiores concentracións de petróglifos de todo noroeste peninsular. Ante gravados milenarios coma a Laxe dos Carballos ou a Laxe da Forneiriña (ca. 4000 anos), o alumnado visitou unha reconstrución dun poboado prehistórico, e aprendeu a identificar os cervos, labirintos e cabalos que representaban sobre o granito as xentes da época. Ao mesmo tempo, os rapaces e rapazas puideron achegarse ao traballo dos profesionais da arqueoloxía, aventurándose eles mesmos a formular, a partir da cultura material, hipóteses científicas sobre a mentalidade e a sociedade da Idade do Bronce.

O alumnado, na recepción do Centro de Interpretación de Campo Lameiro

 

 

Visitando a reconstrución dun poboado da Idade do Bronce

 

Durante o percorrido pola área arqueolóxica, Fátima, a arqueóloga, axudou ao alumnado a identificar os cérvidos dos petróglifos

 

Diante da Laxe dos Carballos

 

A segunda actividade da xornada consistiu nun obradoiro de caza, no que os participantes amosaron a súa destreza no manexo da lanza e o propulsor. As dianas (con forma de cervo e xabarín) deron boa conta da excelente puntería do alumnado.

No obradoiro de caza aprenderon a manexar lanzas e propulsores

 

 

 Escoitando con atención as explicacións da arqueóloga

 

Dous pequenos cazadores prehistóricos, en plena acción

 

En definitiva, foi unha estupenda xornada ao aire libre, desfrutando da arqueoloxía e medio natural. Agradecémoslles a Fátima e Iván, os arqueólogos e guías, o seu labor. Para repetir!