Charla para familias: prevención de drogodependencias

O luns 10 de febreiro tivemos a oportunidade de escoitar a  Manuel Isorna Folgar, doutor en Psicoloxía, cunha ampla experiencia na prevención das drogodependencias, que lle levou a realizar diversas investigacións e publicacións neste ámbito.

A idea inicial era que Manuel nos axudase a afrontar o tema das drogas cos nosos fillos e fillas. Pero foi moito máis alá, falounos do difícil que é hoxe en día educar, de como funciona o cerebro dun adolescente, da importancia de amosarnos empáticos á hora de falar con eles/elas. Alertounos tamén de como as novas tecnoloxías están creando persoas cun baixo nivel de frustración, dependentes dos “likes” ou do número de seguidores nas redes sociais. E como non, falounos das páxinas de apostas ou dos videoxogos, que contratan aos mellores profesionais para deseñar estratexias que axuden a atraer a un gran número de usuarios.

Por todo isto, insistiu na importancia de compartir moito tempo cos nosos fillos e fillas, non só calidade senón tamén cantidade. E por suposto, que debemos potenciar neles o xogo na rúa ou no parque, a música ou a actividade física como unha parte fundamental das súas vidas.

A verdade é que foi unha charla moi interesante, que nos axudou a reflexionar sobre o que podemos estar facendo mal á hora de educar e deunos pautas de como mellorar.

Queremos recordar tamén que a ANPA, coa súa escola de nais/pais, ten previstas varias charlas-coloquio durante estas vindeiras semanas. Animámosvos a asistir!

Moitas grazas a todas as persoas que asistiron.

A verdade é que cada vez somos máis!