FacebookSíguenos en YouTube

Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais

O martes 23 de Xaneiro o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiu ao obradoiro «Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais» impartido por David Bascoy. Este obradoiro ten como obxectivo capacitar ós rapaces no uso seguro e responsable das TIC.

Durante a sesión introdúcense os aspectos máis relevantes para garantir que os mozos comprendan a importancia de construír unha presenza en liña positiva e protexer a súa privacidade no mundo dixital proporcionándolles as pautas mais relevantes para crear, manter e configurar perfís seguros nas redes sociais.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑA O SEGUNDO PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA “INNOVAGAL”

O IES Maximino Romero de Lema vén de recibir o segundo premio INNOVAGAL de Inovación Educativa concedido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pola nosa traxectoria de compromiso coa innovación educativa.

Este premio é un recoñecemento ao importante labor que se desenvolve neste Centro desde hai moitos anos e en ámbitos moi variados, como a igualdade, a lingua, a literatura, o medio ambiente, a música e as artes escénicas, o consumo responsable, a informática, a ciencia e a tecnoloxía, … recibindo recoñecementos e premios tanto a nivel galego como a nivel nacional.

Neste labor colaborou e participou toda a Comunidade Educativa:  alumnado, profesorado, persoal non docente, familias, ANPA, Concello de Zas e moitas outras entidades, asociacións e persoas que a título individual e de maneira desinteresada estiveron e están implicadas nun proxecto educativo multidisciplinar e enriquecedor que fixo e fai deste Centro un referente e ao que todos e todas estamos orgullosos de pertencer.

Queremos lembrar igualmente o traballo e as iniciativas de todo o profesorado, alumnado, familias e persoal non docente que formaron parte deste Centro e que promoveron multitude de accións que contribuiron a este recoñecemento.

Agradecémoslle a Fina e a Óscar a súa iniciativa para presentarnos a estes premios, así como o seu gran traballo de recompilación e síntese das actividades e proxectos desenvoltos.

Queremos compartir este premio con todos e todas as persoas da Comunidade Educativa actual e pasada, así como coas institucións e persoas alleas a ela, por facer posible e contribuír a este proxecto educativo que agora foi recoñecido, que levamos moitos anos desenvolvendo e que esperamos continúe no futuro.

Para todos e todas, este é o noso premio, este é o voso premio.  PARABÉNS!!

Coñecemento do mundo laboral desde unha perspectiva de xénero

Hoxe, o alumnado de 4º ESO participou no programa EduReferentes, un proxecto educativo posto en marcha pola asociación Executivas de Galicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que ten por obxectivo achegar ás aulas mulleres referentes galegas en diferentes sectores profesionais para que alumnas e alumnos teñan exemplos femininos a seguir, descubran novos ámbitos profesionais e de éxito e aprendan a identificar as súas habilidades e talentos. Divídese en charlas impartidas por dúas mulleres do directorio Referentes Galegas, obradoiros para dar a coñecer a importancia das habilidades brandas entre o alumnado e sesións de mentoría individualizada.

 

Sandra Sinde, economista, emprendedora e innovadora, explicounos o seu proxecto profesional, centrado no desenvolvemento e implementación de experiencias innovadoras para transformar persoas, organizacións e territorios, destacando o proceso de xénese deste proxecto, xurdido despois de máis de 20 anos de experiencias profesionais noutros ámbitos e en máis de 10 países, que a conduciu ao seu ikigai, o punto no que se conxuga de maneira equilibrada a súa formación, as súas cualidades, os seus intereses e paixóns e as necesidades do contorno e das institucións.

 

Pola súa banda, Carmen Pomar, psicóloga, profesora universitaria e deputada no Parlamento de Galicia, explicounos as singularidades dos dous ámbitos nos que traballa e como as habilidades e cualidades persoais contribúen a desenvolver o proxecto persoal e vital dunha persoa.

 

A continuación, a mesma Carmen Pomar desenvolveu un obradoiro no que se explicitou o papel das soft skillsno desenvolvemento dun proxecto profesional: a empatía, a resiliencia, a tolerancia á frustración, a actitude proactiva e positiva... que son fundamentais para a busca e o desenvolvemento profesional e igual de importantes, ou máis, que a formación e os coñecementos técnicos das persoas.

 

Esta iniciativa continuará cun proceso de mentoría duns alumnos e alumnas por parte dunha muller referente que se desenvolverá posteriormente noutra fase.

 

Foi unha actividade moi proveitosa, que lle permitiu ao alumnado coñecer a experiencia real de mulleres moi relevantes no seu campo e recoller de primeira man uns consellos e orientacións que de seguro seránlles moi valiosos no seu futuro académico, profesional e vital.

ENCONTRO LITERARIO CON ALBERTO MANCEBO

Hoxe, no Club de Lectura de Adultos, tivemos un encontro literario co xornalista e escritor Alberto Mancebo. Durante unha hora conversamos ao redor da súa primeira novela O que me quedaba por dicirche, unha historia familiar, íntima e sentimental baseada nas intensas emocións dun rapaz chamado Xoán, pero que podería ser calquera de nós….Neste libro relata de forma moi cercana e con moito sentimento esas emocións que veñen marcadas tanto pola presenza como pola ausencia das persoas máis próximas a nós.

Ademais de achegarnos á súa novela e ás motivacións das que partiu, Alberto contounos como empezou no mundo da escrita, como é a súa técnica de escritura, como combina o seu labor profesional coa escritura, falounos dos seus próximos proxectos literarios e comentamos aspectos variados de carácter literario, social, educativo, profesional… 

Agradecémosche Alberto a túa visita ao noso Centro e emprazámoste para presentar Indolente, a túa obra premiada na XXX Edición do premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey”.

VISITA DO ALUMNADO DE 1º BACHARELATO A ABANCA

No día de hoxe, venres 12 de xaneiro, o alumnado de 1º Bacharelato acompañado do seu profesor Francisco Bóveda, visitou a oficina bancaria de Abanca en Baio. Foi fugaz e moi específica, xa que buscábamos saber como se analizan os riscos dunha inversión dende a Entidade Financeira para aconsellar aos seus usuarios, e como concretar os perfís dos inversores. Alí a súa Directora, Dna Inés de Casariego, explicounos polo miúdo ambos temas.

Moitas grazas pola túa colaboración Inés, axilidade e afabilidade. Foi unha visita didáctica e entretida, e como di o alumnado “investiremos en CR”.

Para Abanca, o agradecemento polo tempo e atención recibida amosada polo seu persoal na oficina de Baio.

O PASADO E O PRESENTE

Na materia de Proxecto competencial en 3ºESO, os alumnos tiveron que recopilar fotos antigas sobre diferentes lugares do concello de Zas e comparalas cas fotos de hoxe en día para logo expoñer o traballo mediante carteis. 

Os resultados obtidos foron valorados de maneira positiva, xa que encontraron fotos antigas como por exemplo: a casas de Enrique Labarta Pose, as Torres do Allo, o pazo de Romelle, a ponte de Brandomil ou a igrexa de Baio.

DOS ALMORZOS SAUDABLES A RECREOS DE FROITA E LEITE

Continuamos no Centro abrindo o abano de opcións saudables ao noso alumnado. Nesta ocasión centrámonos na froita fresca e no leite. Durante este mes de xaneiro o noso alumnado pode tomar froita fresca (laranxas, plátanos, mazás,peras ou mandarinas) e leite nos recreos.

Os especialistas en nutrición recomendan que non pasen moitas horas entre unhas comidas e outras para manter unha dieta saudable. Así evitaremos pasar fame, melloraremos o ánimo e, sobre todo, é máis fácil que non piquemos alimentos pouco saudables como a pastelería industrial. Que hai mellor que tomar unha froita fresca e un pouco de leite para afrontar con enerxía as sesións de clase que quedan ata o mediodía?

Esta é a opción que propoñemos dende o Centro ao noso alumnado co obxectivo de seguir concienciando e educando en hábitos de vida sa. Esta iniciativa enmárcase no Contrato Programa Edusaúde que estamos a desenvolver no Centro, e dentro do Programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que se realiza en colaboración coa Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria e que é financiado coa axuda da Comunidade Europea, España e Galicia.

Distribuir contido