FacebookSíguenos en YouTube

SIMULACRO DE ACCIDENTE DE TRÁFICO CON ESCARCERACIÓN

O alumnado de 1º Ciclo Medio e de 1º de FPB puido vivir en directo un simulacro de accidente de tráfico con escarceración realizado polo GEA de Ponteceso. Puideron ver como actúan os servizos de emerxencia ante un sinistro vial. O corte do vehículo para poder extraer os presuntos feridos -dous dos nosos alumnos- foi unha das intervencións que máis chamou a atención. 

 

Ao mesmo tempo que realizaban o simulacro, o representante do GEA, que explicaba os pasos que estaban a seguir, proporcionáballes pílulas informativas sobre distintos aspectos para previr accidentes de tráfico que tantas vidas de mozos e mozas truncan. 

 

Unha actividade de sensibilización sobre os accidentes de tráfico para que rapaces e rapazas se conciencien da necesidade dunha condución responsable.

SUICIDIO E ADOLESCENCIA

Na sociedade actual hai un importante incremento das enfermidades mentais e das taxas de suicidios ou intentos de suicidios que se producen na poboación durante a adolescencia. Por iso cremos que é importante previr e falar sobre esta lacra social nos centros educativos; por este motivo a enfermeira especialista en Saúde Mental, Sara García Garrido que traballa na Unidade de Prevención do Suicidio C.S. San José (A Coruña) e o psiquiatra Alberto Ramos Caneda da Unidade de Saúde Mental de Carballo achegáronse ao noso Centro para impartir ao alumnado de 1º Bacharelato a charla-coloquio Do latín sui cadere na que brindou a oportunidade a todos presentes de reflexionar sobre o tema, de coñecer ossinais de alarma tanto en un mesmo coma nos nosos achegados e de saber pedir axuda para evitar futuras traxedias.

Comentaron os factores de risco (enfermidade mental, dor, discapacidade, consumo de drogas, mala situación socioeconómica…), os factores precipitantes (acoso, desengano amoroso, non aceptación da identidade sexual, fracaso escolar…) e tamén sinalaron os factores protectores (autoestima, apoio da familia, participar en actividades, referentes positivos…)

Remataron a súa maxistral intervención lembrando os teléfonos de axuda antisuicida, desde o máis recente 024 atendido por profesionais e totalmente confidencial ata o 717003717 da Asociación Internacional do Teléfono da Esperanza e o 900 20 20 10 (con chat) da entidade Anar de axuda a nenos e adolescentes. Todos gratuítos e activos as 24 horas do día.

Moitas grazas a Sara e Alberto o por esta magnífica lección de vida!

ALIMENTACIÓN E RENDEMENTO ACADÉMICO

A nutricionista Candela Martínez achegouse ao noso Centro para impartir unha charla sobre a importancia dunha alimentación óptima para ter o máximo rendemento académico. Destacou os nutrientes e as vitaminas que máis necesita o cerebro para mellorar a memoria e a concentración, e cales son os alimentos que os conteñen. Insistiu na importancia de realizar un bo almorzo - cada alumno/a describiu a súa primeira comida do día, despois os/as compañeiros/as tiñan que melloralo e finalmente a especialista fixo a súa proposta-.

En definitiva o alumnado participante (3º ESO) puido coñecer que hai que levar unha dieta saudable para dar o 100% do seu potencial á hora de render nos seus estudos!

SELFIE POÉTICO

Dores Tembrás guiou o alumnado de 2º ESO na realización dun autorretrato a través dos seus obxectos queridos.

 

A actividade comezou no fogar onde cada alumno/a tiña que pensar no obxecto ao que lle tiña especial apego. Unha vez na aula a poeta iniciou o obradoiro lembrando as características que debe ter un texto para ser considerado poesía -emoción, precisión, intensidade, beleza….; a continuación  cada neno/a comentou en alto que obxecto trouxera e por que: o caderno de tapas de coiro escrito polo bisavó, o libro que lle regalara a avoa, a bóla coa que xogaba o gato xa ausente, a camiseta do equipo favorito, a súa primeira boneca, o peluche que herdou do irmán, o reloxo de peto que herdou do pai e este do avó….. Coas súas explicacións, moi emotivas nalgúns casos, transmitiron parte da súa memoria, da súa historia.

 

Finalmente, seguindo as pautas marcadas por Dores Tembrás, realizaron cadanseu selfie poético no que os obxectos se revelaron como verdadeiros tesouros: son lembranza da familia, da súa xenealoxía, do momento no que foron regalados, da orixe dunha relación, da persoa que  o agasallou...

A CARA OCULTA DUN FUTBOLISTA PROFESIONAL

O alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade durante esta Semana Cultural de coñecer a Dani Cancela, un exfutbolista de elite, que relatou a súa experiencia tanto profesional como persoal. O deportista contoulles que dende neno soñou con ser futbolista, que comezou a súa carreira con 17 anos e que chegou a xogar na 1º división en Hong-Kong. Nunca pensou que chegaría a ser tan famoso.

Máis tamén lles falou do que sempre queda oculto para o público: dos contras de súa vida profesional, do dura que pode chegar a ser, das decisións que tivo que tomar… Deixou claro que sempre hai que ter un plan B, que no seu caso foi estudar periodismo, aínda que era complicado pois tiña que compaxinar a vida deportiva coa universidade. Aproveitou tamén para comparar as diferenzas entre a educación en España e en Hong-Kong.

Agradecémoslle a Dani Cancela que compartise as súas vivencias co noso noso alumnado, que lles fixese ver que tamén no mundo do fútbol detrás do éxito hai moito sacrificio. Todos e todas saíron entusiasmados despois de escoitalo: encantáralles a charla!

GRADUACIÓN 2º BACHARELATO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA – PROMOCIÓN 2022-2023

O  19 de maio, o IES Maximino Romero de Lema, celebramos a festa de graduación de 37 alumnos/as  de 2º de Bacharelato. As alumnas Noelia Domínguez e Lucía Liñares foron as encargadas de conducir o acto, e Andrea Solís e Noelia Rellán interviron cun emotivo discurso cargado de anécdotas e vivenzas.

Unha celebración emotiva, festiva e alegre; na que houbo actuacións musicais, entrega de agasallos, risas, bágoas.....e que rematamos cuns pinchos de confraternidade para pechar esta data tan sinalada para toda a Comunidade Educativa.

Parabéns ao alumnado, ás súas familias, e ao profesorado! 

1º ESO INÍCIASE NO TIRO CON ARCO

Na mañá do xoves tocoulle ao alumnado de 1º ESO iniciarse no tiro con arco. A xornada comezou na aula coa charla que impartiu Jesús Allo do Club deportivo Flechas por un tubo de Corme na que lles explicou a historia, as características e as persoas destacadas a nivel nacional e internacional. 

A continuación baixaron á patio cuberto para poñerse mans á obra e, guiados en todo momento polos excelentes instrutores, amosaron as súas habilidades neste deporte olímpico. Abofé que o fixeron bastante ben para ser o seu bautizo nesta práctica e así o podedes observar nas fotografías que velaquí vos deixamos.

O MUNDO NA TÚA CABEZA

Unha das actividades destacadas entre as organizadas polo Club de Ciencias Baiociencias durante a Semana Cultural foi a visita de Juan Casto Rivadulla Fernández, prestixioso neurocientífico da Universidade da Coruña, que impartiu unha charla de divulgación científica sobre o funcionamento do cerebro ao alumnado de 1º Bach.

Introduciu o tema explicando que son as neuronas e como funcionan, deixando claro que o importante non é o número que teñamos delas, senón as conexións que fan entre elas. Coa idade a capacidade de conexión das neuronas vai diminuíndo, por iso merma a capacidade de aprendizaxe. A continuación expuxo como o cerebro só queda con aquilo que lle parece importante. Utilizando exemplos de dúas imaxes con pequenas diferenzas demostrou que aquelas diferenzas que na vida real non suceden non as viamos. Tamén nos sinalou como o noso cerebro nos pode enganar se o poñemos ao límite. De novo puxo varios exemplos con imaxes nas que aparecían cores iguais, pero nas que nós as viamos diferentes porque había unha sombra ou raias de cores por riba... confundindo así o noso cerebro.

Para rematar sinalou como cada un ten unha percepción diferente da realidade, poñendo o mítico exemplo do vestido, que unhas persoas ven branco e dourado, e outras azul e negro, pero que en realidade son as mesmas cores e o mesmo vestido.

Resultou unha charla moi interesante para entender un pouquiño como funciona o noso cerebro. Agradecémoslle a Juan Casto Rivadulla a súa visita, a súa amabilidade e claridade de exposición.

Distribuir contido