Actividades
VISITA Á AULA NEWTON
Enviado por luz o Mér, 25/01/2023 - 21:20Alumnado de 1º de Bacharelato acudiu o pasado 20 de xaneiro á Áula Newton, para desenvolver a actividade: "Voamos con números, unha aventura aérea", na que planificaron os seus propios voos, realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tiempo, para aprender a manexar correctamente a navegación e cumpriron unha misión empregando simuladores de voo avanzados.
ALIMÉNTATE BEN: TERCEIRO LIBRO DE RECEITAS, CON VÍDEOS E MENÚS COMPLETOS
Enviado por educfisica o Lun, 16/01/2023 - 18:41Presentamos á comunidade de Brión o terceiro volume do Libro de Receitas Saudables.
Este libro é o resultado do traballo do alumnado de 1º de Bacharelato de Educación Física no curso 2021-22.
En palabras de dúas das protagonistas, este foi o proxecto desenvolvido:
"O proxecto que realizamos o ano pasado para motivar á comunidade de Brión a comer máis san, consitiu nunha grabación dunha curta da preparación dunha receita xunto co menú dun xantar saudable.
Dividímonos en grupos e cada un realizou un prato diferente, para despois recoller todas as receitas nun libro e poder compartilas con calquera que lle apetecera facelas.
Grazas a esta experiencia investigamos e aprendimos sobre a alimentación e a decatarnos da gran variedade de comidas saudables e sinxelas que se poden facer, a gusto de cada persoa.
A receita que escollimos nós fou un cake caseiro con herbas frescas, unha receita alemá creativa, que se pode completar con diversos acompañamentos, para obter un prato orixinal.
Foi unha experiencia moi divertida e educativa, xa que desfrutamos preparando a receita e pasando tempo xuntas. E non só nos gustou a realización do vídeo, se non tamén o pensamento de que quizais chegaríamos a inspirar a alguén a mellorar a súa alimentación, cunha dieta máis sa."
Andrea Bao e Irene Núñez, 1º Bacharelato curso 2021-22
Premendo na portada do libro ou no arquivo adxunto, pódese ver ou descargar o libro.
No libro, premendo na icona de vídeos de youtube, accédese a cada receita.
No libro, premendo na icona de menú, accédese ao menú saudable completo.
Para ver o Volume I do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona
Para ver o Volume II do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona
Desfruta cociñando e comendo saudable!
VISITA DO ALUMNADO DE 3ºESO Á XUNTA E AO PARLAMENTO DE GALICIA
Enviado por Dirección o Mér, 21/12/2022 - 21:55O 7 de decembro, dentro do marco do programa "Coñece as túas institucións", todo o alumnado de 3ºESO tivo a oportunidade de disfrutar de visitas guiadas no Parlamento e na Xunta e aprender moito sobre as súas funcións. Unha boísima experiencia!
VISITA ÁS DUNAS DE CORRUBEDO, DOLMEN DE AXEITOS, CASTRO BAROÑA E PRAIA DA AGUIEIRA
Enviado por carmengf o Ven, 24/06/2022 - 20:06O martes, 21 de xuño do 2022, o alumnado de 2º da ESO fomos de excursión de fin de curso, na cal percorrimos varios lugares distintos da provincia da Coruña.
A nosa primeira parada foi nas dunas de Corrubedo. O recinto das dunas cambiou moito ao longo dos anos, dado que agora está protexido, e non se pode acceder ás dunas directamente, senón que hai que chegar ata elas por un camiño de madeira. Ao lado das dunas había unha praia, á que había que chegar por un camiño de area e pedras. Así, paramos un anaco naquela gran praia, despois de ver as dunas.
O segundo sitio ao que fomos foi o dolmen de Axeitos, o que visitamos indo por turnos, organizados en tres grupos. Alí, Esther explicóunos a función daquel megálito e a súa data aproximada de creación. Un dolmen ten unha función funeraria, dado que as persoas mortas eran enterradas, e as pedras colocábanse enriba, formando a súa estrutura; e este dolmen databa do ano 4.000 antes de Cristo. Despois, metímonos dentro do dolmen, para velo dende o interior.
O terceiro lugar que visitamos foi o Castro de Baroña. Neste castro viviron os castreños dende o ano 1 antes de Cristo ao ano 1 despois de Cristo, aproximadamente, e aínda agora se conservan as estruturas desas casas. Así, fomos explorar o castro, dando voltas por el e vendo o que contiña. Acto seguido, baixamos todos ao exterior do recinto para sacar unha foto final.
A nosa cuarta e final parada foi a praia da Aguieira, onde xantamos e estivemos as primeiras horas da tarde. Logo do xantar, estivemos paseando, bañándonos e xogando nela, pero, por desgraza, estivo chovendo a maior parte do tempo. Aínda así, botamos un bo anaco na praia ata que a choiva foi a máis, e marchamos para o autobús. Ao marchar daquela praia, a excursión deuse por finalizada.
Que boa maneira de rematar o curso, non si?
Zoe de Rojas Rozas, 2º ESO grupo D
CIRCUITO POR PADRÓN E RAFTING NO RÍO ULLA
Enviado por carmengf o Ven, 24/06/2022 - 19:46O pasado luns 6 de xuño, o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos a sorte de poder ir facer rafting, actividade organizada polo Departamento de Educación Física.
A xornada estivo dividida en dúas partes:
- Primeiro, en grupos de 4-6 persoas, e seguindo un mapa, fomos percorrendo distintos puntos de Padrón, para así coñecer mellor o centro desta fermosa vila. O roteiro permitía buscar información sobre as igrexas, estatuas, paseos, mercado e outros monumentos e puntos interesantes de Padrón.
- Unha vez feito o roteiro, deixamos Padrón para ir realizar a actividade de rafting. Fomos capaces de completala con éxito grazas aos guías de Arrepións. En grupos de 7-8 persoas, descubrimos o río Ulla descendendo polas súas correntes nas balsas neumáticas, e tamén nadando nalgún tramo do río ou incluso tirándonos dunha rocha.
Foi unha gran experiencia que nos permitíu rematar o curso dunha maneira divertida!
Inés Núñez Fesedelft, 1º Bacharelato A
Preme na icona para ver as fotos desta actividade.
PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO EN ETWINNING
Enviado por Nine o Mér, 22/06/2022 - 18:17Durante este curso, o alumnado de francés de 4º ESO fixo parte dun proxecto europeo a través da plataforma Etwinning. O proxecto de intercambio virtual realizouse co Lycée Jean de Prades da localidade de Castelsarrasin, no sur de Francia.
Ao longo destes meses, o alumnado realizou videos de presentación, intercambiou información sobre o lugar onde viven, fixo playlists coas suas músicas favoritas, fixeron receitas e aprenderon a utilizar ferramentas dixitais para elaborar e intercambiar información e sobre todo, descubriron outras mozas e mozos con gustos e preocupacións similares aos seus.
Moi boa experiencia que contamos repetir o ano que vén! Divertímonos, aprendemos e facemos amizades novas!
ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES
Enviado por carmengf o Ven, 27/05/2022 - 18:53O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.
O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.
No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.
Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.
De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.
Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!
Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.
Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.
Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.
Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!
Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B
Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.
III CERTAME CULTURAL IES DE BRIÓN: FALLO DO XURADO
Enviado por Dirección o Ven, 13/05/2022 - 13:56MODALIDADE RELATO CURTO:
Categoría A: (1º, 2º e 3º de ESO)
- 1º PREMIO: Zoe de Rojas (2ºD) polo seu traballo “Seino todo”, asinado co pseudónimo Zurena PrayerO xurado acordou outorgar dous segundos premios nesta categoría:
- 2º PREMIO: Camila Mosteiro Carvajal (2ºD) por “As nosas guerras” ,asinado co pseudónimo Belcourt
- 2º PREMIO: Aroa Prieto Fernández (1ºB) por “Non é inevitable”,asinado co pseudónimo Tileresa
Categoría B: (4ºESO, 1º e 2º Bacharelato)
- 1º PREMIO: Simón Rivas Capeáns (2º BACH) polo seu traballo “O meu poder? A imaxinación”, asinado co pseudónimo Chimpi
MODALIDADE POESÍA:
Categoría A:
- 1º PREMIO: Ruth Busto Domínguez (2ºB), por “As nosas guerras (e só nosas)”
- 2º PREMIO: Pablo Blanco Valiñas (1ºB), por “A beira do río”, asinado co pseudónimo Roberto de Brión.
MODALIDADE CARTAZ:
Categoría A:
- 1º PREMIO: Candela Pérez Iglesias (1ºC) por “Loitas internas”, asinado co pseudónimo Nirvana.
- 2º PREMIO: Laura Tajes Pais (2ºD) por “Consecuencias da guerra”, asinado co pseudónimo Chifugod.
O xurado acordou deixar desertos os premios na modalidade de Novas Tecnoloxías e suxeriu á organización do Certame adiantar as datas de celebración desta cita en próximas edicións, para favorecer a participación do alumnado.
Formaron o xurado do III Certame Cultural, en representación do centro Bárbara Carballo, Suso Sambade e Vicente Fornés, e pola Anpa, María José Espiñeira, Elena Remesar e José Manuel Velo.
Os premios entregaranse na Biblioteca do Instituto, o 18 de maio, durante o segundo recreo.
Brión, 12 de maio de 2022
CHARLAS 11 f. DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA
Enviado por luz o Sáb, 19/02/2022 - 22:04Na conmemoración do día Internacional da nena e muller na Ciencia dúas excelentes profesionais impartiron charlas no IES de Brión achegándonos de forma sinxela á Intelixencia Artificial.
O alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato asistiu o 8 de febreiro á charla temática "Intelixencia artificial, imaxes e saúde" impartida por María J. Carreira, profesora de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC. Durante a charla coñecimos proxectos nos que participous no eido do procesado intelixente de imaxe médica en campos tan diversos como a oftalmoloxía, radiografía de tórax, oncoloxía e neuroloxía. Actualmente investiga no CITIUS nos eidos da Odontoloxía e Bioinformática. Finalmente animou ao alumnado ao aproximarse ás profesións de científic@ e enxeñeir@, vinculándoas á sociedade actual. |
"Intelixencia Artificial, imaxes e saúde" María J. Carreira |
"Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo", Sabela Ramos Garea |
Alumnado de 3º de ESO asistiu o pasado 11 de febreiro á charla on line "Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo?" impartida por Sabela Ramos Garea enxeñeira de software en Google Research, organizada desde o MUNCYT. Sabela introduciu ao alumnado conceptos da Intelixencia Artificial como aprendizaxe por reforzo, aprendizaxe máquina, machine learning, test de turing. |
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »