ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES


O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.

O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.

No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.

Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.

De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.

Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!

Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.

Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.

Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.

Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B

Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.