Francés

DEPARTAMENTO DE FRANCÉS

O departamento de Francés está formado polas seguintes profesoras:

Nine Paz García Xefa de departamento

Susana González Rodríguez

 Programación

 

 Pendentes

 

 Ligazóns

Alumnado coa materia de francés pendente

Segundo se recolle na programación do Departamento, para recuperar  a materia  haberá dúas posibilidades

Primeira opción de recuperación·    

Unha proba escrita no mes de febreiro (60% da nota)

Dossiers de actividades para facer ao longo do curso (40% da nota) Os dossiers de actividades  serán entregadas pola profesora ao alumno/a regularmente. As actividades teñen que ser devoltas á profesora nas tres semanas posteriores á entrega, tendo como límite a data que aparecerá nas mesmas. Non se entregará un novo dossier ata que o anterior non estea devolto.

Ademais das actividades impresas todo o alumnado con esta materia pendente terá á súa disposición o material de reforzo seleccionado na páxina do departamento e terá acceso ao material da aula virtual con actividades de práctica e reforzo da materia

Segunda opción de recuperación

No caso de non recuperar a materia ao longo do curso, o alumnado poderá realizar unha proba escrita no mes de maio

 Todo o alumnado con esta materia pendente terá á súa disposición o material de reforzo seleccionado na páxina do departamento e terá acceso ao material da aula virtual con actividades de práctica e reforzo da materia

 

Criterios de cualificación:

            Para esta proba extraordinaria utilizaranse os criterios de cualificación presentes na programación, segundo os cales a realización das actividades ao longo do curso terá un peso do 40% da nota final e a proba que se realizará en febreiro un 60%. De non superar esta proba poderán presentarse á proba extraordinaria do mes de maio.

Recomendacións e observacións:

É imprescindible que o alumno se poña en contacto coa profesora para a entrega do material coas actividades a realizar e que estas se realicen nas datas previstas, dado que é unha porcentaxe elevada da nota final.

INTERCAMBIO CON SOISSONS

No mes de marzo alumnas de 3° de ESO viaxaron a Francia para visitar aos seus correspondentes no Lycée Gérard de Nerval de Soissons no marco do programa EduFrance. Durante esta semana compartiron clases, paseos, casas e viviron unha experiencia inesquecible que non remata aquí porque nunhas semanas recibiremos ás súas correspondentes que nos visitarán no instituto. 
Como vedes nas fotos tamén tiveron ocasión de visitar París e coñecer algún dos seus lugares máis emblemáticos. Quelle chance

FÉLICITATIONS!

O alumnado de francés que se presentou ás probas DELF obtivo un gran éxito! Xa temos 18 novas certificacións que acreditan o bó nivel do noso alumnado e que de seguro lles abrirán camiños e posibilidades. Moitos parabéns!

PROGRAMA EDUMOB

O programa Edumob é un programa de intercambio individual no que o alumnado participante vivirá durante catro semanas coa familia do /a homólogo/a francés e asistirá ao seu centro de ensino. Cada centro de ensino poderá seleccionar ata 6 participantes; de haber máis participantes formarán parte da lista do substitutos/as.

Para a participación o alumnado debe cumprir con certos requisitos, entre outros:

-         

Cursar francés como 1ª ou 2ª lingua en 1º de Bacharelato

-         

Ter unha nota media de 7 no expediente de ESO

-         

Ter unha nota mínima de 7 na materia de francés en 4º de ESO

-         

Ter cursado francés 4 cursos

-         

Ter unha certificación B1 ou contar coa aprobación do Departamento de francés

Unha vez presentadas as candidaturas, unha comisión de selección fará a valoración e aplicará o baremo que marca o programa. Esta selección publicarase coa puntuación acadada e a orde de participación. De ser escollido o noso centro para participar, cada alumno/a participante recibiría unha axuda de 300€ como axuda para gastos da viaxe, que sería xestionado desde o centro.

Durante a estadía en Francia o alumnado seguirá o contrato de estudos asinado previamente e as familias faranse cargo dos gastos de transporte e manutención dos/as correspondentes franceses durante a súa estadía

As datas das mobilidades, acordadas entre as administracións educativas de ambos países, son as seguintes:

 • Mobilidade saínte (estadía en Francia) : do 16/09/2024 ao 11/10/2024

• Mobilidade entrante (acollida en Galicia) : do 28/10/2024 ao 22/11/2024

 Os desprazamentos realizaranse durante a fin de semana anterior e posterior. As familias de acollida de ambos países serán as encargadas de desprazarse ata os puntos de entrega e recollida fixados. O alumnado galego viaxará acompañado por un(ha) docente do seu centro. O punto de entrega e recollida do alumnado será a gare SNCF de Nancy. O punto de recollida e entrega do alumnado francés será o aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro. Os centros encargaranse da xestión dos desprazamentos do alumnado e profesorado acompañante, así como do aloxamento deste último se fose preciso.

O alumnado que desexe presentar a súa candidatura deberá cumprimentar os Anexos I a 4 e presentalos no centro educativo antes do 4 de Xuño.

A informacións completas están dispoñibles no portal da Consellería de Educación:

https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_edumob_24_25.pdf

CONVOCATORIA DO PROGRAMA DE INTERCAMBIO EDUMOB (FRANCIA)

A Consellería de Educación convoca o programa EDUMOB, un programa de intercambio individual de alumnado matriculado en centros públicos galegos con matriculado de centros pertencentes á Rexión Académique de Grand Est en Francia.

Este programa vaise desenvolver por primeira vez no presente curso 2023-2024 para alumnado matriculado en 1º de bacharelato que curse a materia de francés. 

Máis información no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/43273

INTERCAMBIO CO LYCÉE FRANCÉS GÉRARD DE NERVAL (SOISSONS)

O IES de Brión participou nun intercambio co Lycée Gérard de Nerval da vila de Soissons en Francia no marco do proxecto EduFrance. Despois da estadía do noso alumnado na súa vila e instituto, tocou recibir aos correspondentes franceses que viñan por primeira vez a Galicia. 

Durante unha semana coñeceron o centro e as clases pero tamén tiveron oportunidade de visitar o Concello e ser recibidos por parte da corporación, de coñecer un pouco máis Brión grazas a un roteiro organizado polo Departamento de Educación Física, de facer un treito do Camiño de Santiago, visitar a cidade de Santiago de Compostela e ata de comer churros! 

Pero tamén foi unha experiencia magnífica de sentirse acollidas nas familias das súas correspondentes das que todos quedaron encantadas polo trato e a acollida que tiveron con todos/as elas.

Na avaliación que fixemos ao finalizar a estadía, todas as participantes salientaban o ben acollidas que se sentiron aquí, a variedade e calidade das actividades e o tristes que estaban de rematar. Pola nosa parte, resumimos o noso sentir nas palabras de Alba L. "non teño palabras para describir o increíble e divertido que foi,  unha experiencia inolvidable e chea de aventuras. As despedidas son moi tristes e duras, así como nos pasou a nós a hora de despedirnos, pero estou moi agradecida e contenta de ter participado neste intercambio e estou segura de que nun futuro volverémonos encontrar."

ATELIER DE CRÊPES

O xoves 29 de febreiro o departamento de francés organizou a visita dun food truck de crêpes de La Bretagne ao noso centro para todo o alumnado de francés de 2º, 3º e 4º da ESO. 

Ao longo da mañá, houbo exposicións de cultura francesa, representacións de diálogos, obradoiro para aprender a facer crêpes e finalmente a mellor parte: a degustación!

Agardamos que non pasen outros 4 anos antes de repetir unha experiencia tan diferente e divertida como o propio 29 de febreiro!

PARABÉNS AO ALUMNADO DE FRANCÉS

26 novos titulados DELF nos niveis A2, B1 e B2 coa súa acreditación oficial que recibiron a noticia esta semana. Un 100% de aprobados!

O alumnado de francés que se presentou fixo un esforzo extra para preparar esta proba coa axuda das súas profesoras e o esforzo pagou a pena porque obtiveron uns resultados extraordinarios.

Moitos parabéns para Ángela, Julia, Rut, Emma, Marcos, Zoe, Sandra, Lucía, Flavia, Alejandro, Nadir, Pablo, Roi, Nerea, Laura, Mariña, Pablo, Sabela, Xiana, Sofía, Aroa, Andrea, Julia, Minia, Martiño e Eirena! Félicitations!

VOYAGE À PARIS 2023

A semana do 20 ao 24 de febreiro o alumnado de francés de 1º e de 2º de bacharelato fomos de viaxe a Paris.
Durante esta viaxe visitamos moitos monumentos emblemáticos entre os que destacan o museo do Louvre, Nôtre Dame, a Torre Eiffel, Versailles e o Panteón. No Museo do Louvre puidemos visitar algunhas das obras mais destacadas como A liberdade guiando ao pobo, a Venus de Milo e a Gioconda. Un único momento de orballo non nos impediu subir á Torre Eiffel e disfrutamos ademais dun paseo en barco ao longo do Sena, grazas ao cal puidemos ver a cidade dende outra perspectiva. Tivemos tamén a oportunidade de probar as crêpes tanto doces como salgadas (galettes) e os macarons!
A viaxe foi sen ningunha dúbida un éxito, volvemos todos con ganas de repetir.

Julia González Hernández, 2ºBAC A

Cliquez sur la tour Eiffel pour voir 

PROGRAMACIÓNS 2022-23

Programacións do Departamento de Francés no curso 2022-2023

Distribuir contido