Novas

SEMANA BRANCA

CHARLAS 11 f. DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA

Na conmemoración do día Internacional da nena e muller na Ciencia dúas excelentes profesionais  impartiron  charlas no IES de Brión achegándonos de forma sinxela á Intelixencia Artificial.


O alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato asistiu o 8 de febreiro á charla temática "Intelixencia artificial, imaxes e saúde" impartida por María J. Carreira, profesora de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC. Durante a charla coñecimos proxectos nos que participous no eido do procesado intelixente de imaxe médica en campos tan diversos como a oftalmoloxía, radiografía de tórax, oncoloxía e neuroloxía. Actualmente investiga no CITIUS nos eidos da Odontoloxía e Bioinformática. Finalmente animou ao alumnado ao aproximarse ás profesións de científic@ e enxeñeir@, vinculándoas á sociedade actual.

Charla María Carreira  11F 2022

"Intelixencia Artificial, imaxes e saúde" María J. Carreira

Charla Sabela Ramos 11F 2022

"Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo",  Sabela Ramos Garea

Alumnado de 3º de ESO asistiu o pasado 11 de febreiro á charla on line "Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo?" impartida por Sabela Ramos Garea enxeñeira de software en Google Research, organizada desde o MUNCYT. Sabela introduciu ao alumnado conceptos da Intelixencia Artificial como aprendizaxe por reforzo, aprendizaxe máquina, machine learning, test de turing.

 

Participación na MasterClass de Física de Partículas

O pasado venres 11 de Febreiro en conmemoración do día da muller e a nena na ciencia Julia González e Valeria Torres acudimos a unha masterclass sobre física de partículas organizada por alumnas de doutorado en distintas ramas da física. Á masterclass acudimos 40 alumnas de 20 centros distintos e 20 profesores/as. 

Ao chegar visitamos as instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e asistimos a dúas charlas teóricas básicas sobre física de partículas para aprender os fundamentos que posteriormente empregaríamos nos obradoiros prácticos. 

A continuación realizamos a parte práctica na que tiñamos que buscar a traza das partículas que se xeran nos aceleradores de partículas do CERN,  analizamos datos reais!

Tivemos un descanso para xantar dunha hora co resto de alumnas no comedor universitario. 

Nas últimas horas da xornada debatemos sobre os resultados da análise do CERN e principalmente sobre o papel da muller na ciencia e nas carreiras STEM.  Por último sobre as conclusións que sacamos falamos e conversamos nunha videoconferencia en inglés con investigadoras do CERN.

Por último fixemos unha ronda de preguntas coas organizadoras sobre o aprendido na xornada e sobre a súa vida como investigadoras e científicas nun sector dominado por homes. Gustaríanos destacar o xenial que foi vivir unha experiencia coma esta, e máis cando estivo organizada integramente por mulleres investigadoras que queren difundir a súa vida e carreira a rapazas novas para fomentar a ciencia no xénero feminino.

FELICITACIÓNS POLA ADICACIÓN E INTERESE NA XIII OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

Unha representación do alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participou na XIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada o 16 de febreiro na Cidade da Cultura.

Parabéns a todos eles e elas, especialmente a Maruxa Garaboa Penabad polo premio accésit de 4º de ESO e Eirena Souto Pazó polo 1º premio acadando a máxima cualificación na sede provincial de Coruña, formando parte do equipo galego para representar á nosa comunidade na fase nacional que se celebrará  o vindeiro 26 de marzo en Almería.

                  Noraboa

Rachando cos mitos do amor román-TikTok ♥︎

Co gallo da celebración do 14 de febreiro, internacionalmente coñecido coma o Día de San Valentín ou Día dos namorados, o noso alumnado de 4º ESO afondou sobre os mitos do amor romántico e participou, en colaboración coa área de Igualdade do Concello de Brión e Psiconova, nesta Contracampaña ao 14F en ton humorístico.

Aquí vos deixamos diferentes TikTok co noso alumnado como protagonista. Esperamos que os desfrutedes e que vos sumedes tamén a rachar con estes mitos! ♥︎

Marta e Fernando (4º ESO C)

Álex e Álvaro (4º ESO C)

Antela (4º ESO B)

Marta e Candela (4º ESO C)

Paula e Sahínza (4º ESO C)

Candela e María (4º ESO C)

E grazas a todxs polo voso traballazo!!

VISITA Á AULA ABERTA Á TECNOCIENCIA

Este pasado venres 21 de xaneiro o alumnado de Ciencias de 1°Bacharelato visitamos a Aula aberta á Tecnociencia na escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en Vigo. Asistimos a un obradoiro no que falamos da percepción das cores e a luz, e outro sobre realidade aumentada.

Aula aberta á Tecnociencia_2

Aula aberta á Tecnociencia_1

No primeiro aprendemos sobre as ondas e como segundo a súa lonxitude percibimos distintas cores. Falamos do cor rgb (vermello, verde, azul) e da formación do resto das cores en base a estas.
No segundo obradoiro puidemos manipular un simulador de relevo que permitía observar como afectaría unha inundación a unha que ti mesma modelas. 

Martina Sambade Formoso, Eirena Souto Pazó, alumnas de 1º A Bacharelato

OBRADOIRO PILABOT: RECICLA CON ENERXÍA

O xoves 20 de xaneiro o alumnado de 3º de ESO recibiu formación no Obradoiro Pilabot: recicla con enerxía sobre a importancia da recollida selectiva, a reciclaxe de pilas e sobre a participación nos concursos de recollida de pilas e acumuladores e o concurso artístico #EuSonPilabot.

Pilabot_1

Animamos á comunidade escolar a colaborar na recollida de pilas e baterías gastadas, depositándoas no contenedor da entrada ata o 24 de febreiro.

 

OBRADOIRO "A TARIFA DA LUZ"

O pasado 16 de decembro o alumnado de Tecnoloxía de 4º de ESO asistiu ao Obradoiro "A tarifa da luz" impartido polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia, onde recibiron formación básica sobre a factura eléctrica e medidas para un consumo responsable, como a consulta da páxina web: https://tarifaluzhora.es/ para coñecer o prezo da luz por horas no día seguinte.

Obradoiro "A factura da luz"

OrientaLINE curso 2021/22

Orientaline

Xa temos actualizado o programa OrientaLINE para este curso académico!

Animádevos a navegar por el xa que vos resultará de axuda na vosa toma de decisións académicas e vocacionais. Para comezar só deberedes facer clic na imaxe e acceder a través de "Entramos".

Como novidades, no apartado de "Cuestionarios" dispoñedes de dúas novas opcións:

  • Intelixencia emocional
  • Intelixencias múltiples 

Ambas opcións moi interesantes para aprender e reflexionar sobre nós.

Calquera cuestión, dúbida ou suxerencia, pasade polo Dpto de Orientación e falamos!

Marina

BOAS FESTAS E FELIZ ANINOVO!

Ola a todas e todos!

Este ano non foi moi corrente, por iso desexámosvos que, como un novo ano está á volta da esquina, podades dispoñer da mellor das saúdes, pasalo o mellor posible e ser responsables, polo ben común, e que, así, non nos toque vivir un ano coma este.

Aproveitade estas datas para desfrutar das vosas amizades e familiares, descansar e celebrar estas festas.

Bo Nadal, e que este ano 2022 vos sexa xenial!

Zoe de Rojas e Ángela Zas, 2º ESO D

Distribuir contido