Novas

SOLICITUDE DE AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR E PARA A PARTICIPACIÓN NO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO

Orde do 12 de maio de 2020, DOG Núm. 96 (19/05/20) (xúntase pdf do DOG coa convocatoria)

Prazo.- ata o 19 de xuño de 2020 incluído.

Beneficiarios/as.-

     -Axudas para material escolar: alumnado matriculado en ESO.

     -Fondo solidario de libros: alumnado matriculado 3º e 4º ESO (o alumnado de 1º e 2º ESO está acollido ao programa EDIXGAL).

Documentación necesaria.-

    -Impreso de solicitude ED330B (Anexos I e II): (xúntase impreso solicitude pdf e instrucións para cubrila)

    -Copia de documento que acredite a unidade familiar (a data 31/12/2018): Libro de familia, sentenza de divorcio/convenio regulador, ou no seu defecto certificado de convivencia expedido polo Concello correspondente.

    -Se é o caso: Certificado do grao de discapacidade do alumno ou calquera membro da familia. Documentación xustificativa de situación de violencia de xénero. Resolución de acollemento de alumnado en situación de tutela da Xunta de Galicia.

Forma de presentación de solicitudes.

    -Preferentemente a través da aplicación FONDOLIBROS.Unha vez cubertos os datos, a aplicación xera unha solicitude numerada que poderán presentar:

    -Na Sede Electrónica da Xunta de Galicia:  ACCESO SEDE ELECTRÓNICA

    -Presencialmente no centro educativo.

    -En caso de non ter acceso á aplicación Fondolibros, poderán presentarse solicitudes cubertas manualmente no propio centro, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

DOG 19MAIO20: AXUDAS E FONDO LIBROS: LIGAZÓN
IMPRESO SOLICITUDE ED 330B: LIGAZÓN
INSTRUCIÓNS PARA CUBRIR IMPRESO: LIGAZÓN

ADAPTACIÓN PROGRAMACIÓN CURSO 2019-2020

Seguindo as indicacións da Consellería de Educación e por mor da situación excepcional que estamos a vivir, o Departamento de Educación Física presentamos á comunidade educativa as modificacións da programación das distintas materias e cursos.

Premendo nos arquivos adxuntos, poderedes atopar as seguintes modificacións:

- 1º ESO Educación Física

- 2º ESO Educación Física

- 2º ESO Sección Bilingüe (en inglés) Educación Física

- 2º ESO Promoción Estilos de Vida Saudable

- 3º ESO Educación Física

- 3º ESO Sección Bilingüe (en inglés) Educación Física

- 4º ESO Educación Física

- 1º Bacharelato Educación Física.

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC

Un curso máis, mesmo nestas circunstancias tan extraordinarias, celebramos no IES de Brión o día Internacional das rapazas nas TIC, participando nunha multiconferencia web, organizada pola aula e-learning do CESGA, na que coñecimos a catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas Novas Tecnoloxías: Amparo Alonso Betanzos, Isabel Expósito Pérez, María Fernández Hermida, Patricia Mañana Borrazás.

Desde o IES tamén participamos na 4ª edición de Wisibilízalas, convocatoria do Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra que presenta os seguintes obxectivos:

  • Romper estereotipos de xénero asociados a carreiras STEM.
  • Potenciar referentes femininos actuais que servan de inspiración as máis xóvenes.
  • Promocionar o uso da tecnoloxía e o traballo en grupo mediante a creación de páxinas web.

STEAM MATES é a páxina creada por alumnado das materias de Debuxo Técnico e e TIC de 1º de Bacharelato, na que presentamos a un grupo de científicas e enxeñeiras galegas ou que traballan en Galicia: Elena Vázquez, Mar Capeáns, Ana María González, Joana Silva, Mabel Loza, María Pardo, María Rilo, Paula Ojea, Mónica Bugallo, Carmen Misa e Soledad Torres, ás que agradecemos a súa participación no proxecto.

Ambas actividades están enmarcadas no proxecto "STEAM en feminino" do Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" no que participa o instituto.

ENCONTROS VIRTUAIS COA USC

A USC (Universidade de Santiago de Compostela) dentro do programa A Ponte está organizando para os días 6, 7 e 8 de abril uns Encontros virtuais orientados ao alumnado e as familias. Nestas xornadas realizaranse presentacións das titulacións (titulos de grao da USC), obradoiros, retos e videoconferencias. Pódese acceder a partir do sábado 4 de abril a través do seguinte enderezo https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais


Despois de 2º de bacharelato



Premendo nas imaxes da presentación podes acceder ás páxinas de interese


EU QUEDO NA CASA: PROPOSTAS DA BIBLIO PARA A CORENTENA

Dende o Equipo da Biblioteca do IES de Brión fannos unha serie de fantásticas propostas para levar mellor estes días. Non deixedes de consultar o seguinte ENLACE!!!

Ánimos!!

CHARLA 11F CON PILAR PIÑEIRO GARCÍA

O pasado mércores 12 de febreiro o alumnado de 1º de Bacharelato disfrutou  da charla 11F titulada "Ciencia e sostibilidade, unha oportunidade de futuro", impartida por Pilar Piñeiro García, profesora do departamento de Organización de empresas e marketing e coordinadora do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo.

Charla 11F: Pilar Piñeiro García

A charla está enmarcada na proposta "STEAM en feminino" pertencente ao Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" que se está desenvolvendo en torno ao 11F: día Internacional das nenas e mulleres na Ciencia.

O noso agradecemento a Pilar Piñeiro pola súa proximidade, compartir con nós o seu tempo e un interesante percorrido formativo e vital.

SEGUNDO ENCONTRO CON PERSOAS MAIORES

O día 11 de febreiro tivemos a segunda xuntanza entre a clase de 2º ESO A e un grupo de persoas maiores que van ás actividades de dinamización do concello de Brión. Esta vez viñeron catorce mulleres e dous homes, cada vez se suman máis, e esta vez compartiron as súas experiencias na emigración. Francia, Suiza, Inglaterra, Alemaña e Venezuela foron os países onde estiveron emigrados fai algúns anos e nos contaron  como foi a viaxe de ida, as que foron en barco a América sufriron unhas condicións moi duras, como as recibiron os cidadáns deses países, os problemas coa lingua, os costumes tan distintos, a "morriña", o que deixaron atrás,en que situación estaba Galicia neses anos, as novas familias que crearon alá e un gran número de historias e anécdotas que lles impactaron aos nosos alumnos/as. 

DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA

O IES de Brión participa no Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC este curso co proxecto STEAM en feminino. Ao abeiro do proxecto e do 11F están programadas as seguintes actividades ao longo das vindeiras semanas: 

Día internacional da nena e muller na Ciencia

Pasaporte solidario

Un grupo de alumnas e alumnos de 4º de ESO comenzan este curso un proxecto de voluntariado xuvenil que leva por nome: Pasaporte solidario.

O longo duns meses deberán desenvolver un número de accións solidarias, son tarefas sinxelas  dende dar un pouco do seu tempo axudando a xente que o necesita ata contribuir nun consumo responsable.

O obxectivo fundamental deste programa é concienciar o noso alumnado na solidariedade, en que a súa contribución á sociedade é fundamental, e que con pouco podese facer moito.

Distribuir contido