Novas

PARABÉNS AOS NOSOS #MelloresExpedientes !!

Nunha cerimonia celebrada no Multiusos de Sar, a USC recoñeceu ao alumnado de toda Galicia que acadou unha nota de acceso á universidade superior a 9. Moitísimos parabéns a Adan e Tomás, --e parabéns tamén ao outro alumnado noso cuxo esforzo valoramos tanto como o de estes dous cracks e que quedaron a centésimas de saír nesta foto. Non sodes poucos e estamos orgullosísimas de todos! 

PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO EN ETWINNING

Durante este curso, o alumnado de francés de 4º ESO fixo parte dun proxecto europeo a través da plataforma Etwinning. O proxecto de intercambio virtual realizouse co Lycée Jean de Prades da localidade de Castelsarrasin, no sur de Francia.

Ao longo destes meses, o alumnado realizou videos de presentación, intercambiou información sobre o lugar onde viven, fixo playlists coas suas músicas favoritas, fixeron receitas e aprenderon a utilizar ferramentas dixitais para elaborar e intercambiar información e sobre todo, descubriron outras mozas e mozos con gustos e preocupacións similares aos seus.

Moi boa experiencia que contamos repetir o ano que vén! Divertímonos, aprendemos e facemos amizades novas!

SEMENTANDO LECTURAS: DO DÍA DO LIBRO AO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES


O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.

O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.

No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.

Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.

De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.

Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!

Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.

Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.

Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.

Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B

Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.

PROXECTO EN "BICI" Á ESCOLA: BICIKLETEANDO

Déixovos aquí un pequeno resumo da sesión de Educación Física de habilidades sobre rodas! Disfrutádeo!!!

Visita ao parque eólico experimental de Sotavento

O alumnado de 3º da ESO do centro visitou o parque eólico experimental de Sotavento, visita que resultou de gran interese dada a situación de crise enerxética na que nos atopamos, coa tarifa eléctrica dispara e os combustiblés polas nubes.

Os alumnos aprenderon un pouco máis sobre as fontes de enerxia, como se establece o precio da electricidade e por que está a subires tanto. Fixeron practicas con placas fotovoltaicas e entraron dentro dun aeroxerador aprendendo as distintas partes que o conforman e a misión de cada unha delas na xeración de enerxía. 

Tan interesante foi aprender sobre xeración de enerxía como sobre aforro e consumo responsable, de especial interese foi a visita da vivenda bioclimática da cal estamos seguros que sacarán moitas ideas para as súas futuras casas.  

Voltaremos seguro!

HAPPY HOLI 2022

Holi é unha festa popular arraigada na antiga cultura hindú, tamén coñecida como a festa do amor, das cores ou da primavera. Celébrase a fin do inverno e o florecer do amor. É un día para coñecer xente, xogar, rir, esquecer, perdoar e retomar vellas relacións. A celebración dura unha noite e un día, empezando na noitiña de "Purnima" (lúa chea) que cae no calendario hindú no mes de "Phalguna", que coincide no mes de marzo.

Tradicionalmente, o Holi é unha festa relixiosa que nos últimos anos vense estendendo fóra da India, cara a Europa e América do Norte como unha celebración primaveral de amor, diversión e cor.

A festa empeza cunha "Holika Dahan", onde a xente se reúne para celebrar rituais relixiosos fronte ao lume e rezar pola desaparición da maldade. Á mañá seguinte ten lugar o "Rangwali Holi" ou "Dhuleti", un festival no que ao aire libre, todos embadurnan a todos con pó de cores-- todo vale, amigos e descoñecidos, ricos e pobres, homes e mulleres, nenos e anciáns... Tamén hai música, baile, encontros coa familia e os amigos, risas, rexoubas e delicias tradicionais de Holi.

(Tradución do inglés de Jessica Ramos Villaverde e Matías Rodríguez Sánchez, 2º Bacharelato)

ESCRITORAS CON MOITO QUE CONTAR

Seguindo coa proposta da biblioteca de dar visibilidade ás grandes mulleres que hai en tódolos eidos e tras adicarlle o mes de febreiro ás científicas, propuxémoslle ao alumnado que cursa literatura universal en 1º de bacharelato xunto coa súa profesora María, un proxecto para visibilizar dez escritoras que abriron camiños e das que temos moito que aprender. 

Representaron a cada muller cunha silueta que posteriormente deseñaron en consonancia coa súa personalidade, plasmaron  a información máis relevante sobre a súa vida e os seus diversos logros, pero dado que hai tanto que decir sobre estar brillantes mulleres e quedaban moitas cousas no tinteiro engadiron un código QR a través do cal podemos ampliar a información. Tamén podemos poñer a proba os nosos coñecementos con este quiz sobre estas 10 escritoras imprescindibles

Un fantástico traballo que hai que felicitar por parte de toda a comunidade educativa, parabéns rapazas!

SEMANA BRANCA

CHARLAS 11 f. DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA

Na conmemoración do día Internacional da nena e muller na Ciencia dúas excelentes profesionais  impartiron  charlas no IES de Brión achegándonos de forma sinxela á Intelixencia Artificial.


O alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato asistiu o 8 de febreiro á charla temática "Intelixencia artificial, imaxes e saúde" impartida por María J. Carreira, profesora de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC. Durante a charla coñecimos proxectos nos que participous no eido do procesado intelixente de imaxe médica en campos tan diversos como a oftalmoloxía, radiografía de tórax, oncoloxía e neuroloxía. Actualmente investiga no CITIUS nos eidos da Odontoloxía e Bioinformática. Finalmente animou ao alumnado ao aproximarse ás profesións de científic@ e enxeñeir@, vinculándoas á sociedade actual.

Charla María Carreira  11F 2022

"Intelixencia Artificial, imaxes e saúde" María J. Carreira

Charla Sabela Ramos 11F 2022

"Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo",  Sabela Ramos Garea

Alumnado de 3º de ESO asistiu o pasado 11 de febreiro á charla on line "Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo?" impartida por Sabela Ramos Garea enxeñeira de software en Google Research, organizada desde o MUNCYT. Sabela introduciu ao alumnado conceptos da Intelixencia Artificial como aprendizaxe por reforzo, aprendizaxe máquina, machine learning, test de turing.

 

Distribuir contido