Skip to Content

PROXECTO FINALISTA NO CERTAME DE COOPERATIVISMO NO ENSINO DIRIXIDO A CENTROS DE FORMACIÓN PROFESIONAL

As autoras do Proxecto Empresarial “Mercadotecnia, S. Coop. Galega” ; Ana Belén Solleiro da Cunha de Amorín e Melisa Álvarez Pousa de Tomiño, resultaron finalistas no Certamen de Proxectos Empresariais de Cooperativas de Galicia, dirixido pola profesora do IES A Sangriña de A Guarda, Concepción Villamarín Coego. A entrega de Premios terá lugar o día 4 de xullo en O Grove.

Ámbalas dúas alumnas teñen posesión dos Títulos de Técnico Superior en Administración e Finanzas e Técnico Superior en Xestión Comercial e Márketing, o que lles incentivou a levar a cabo dito Proxecto consistente nunha “Asesoría de Márketing”.

O Márketing comprende 4 campos: Investigación Comercial, Loxística Comercial, Márketing no Punto de Venda e Xestión Comercial, servizos que ofrece o proxecto Mercadotecnia.

 

No ficheiro adxunto tendes a presentación do traballo.

Tesouros da Guarda. Pablo Lomba Riego

Reportaxe do Certame Xela Arias-09


Artigo do Certame de Poesía Xela Arias no Progreso

UN FALAR
Xela Arias e a cultura cotiá

Etiquetas: Un falar, María Xesús Nogueira, Xela Arias, homenaje

06/06/2009 - María Xesús Nogueira

O pasado xoves collín camiño cara ás terras baixas do Sur para asistir a unha entrañábel e sinxela homenaxe. O instituto A Sangriña da Guarda celebraba o acto de entrega do III Certame de Poesía Xela Arias. O centro convidoume a pronunciar unha conferencia sobre a autora, que serviu de pórtico á lectura de poemas seus polo alumnado e a un pequeno recital dos galardoados. Coordinados por un profesorado entregado e elegantemente invisíbel, o acto transcorreu con fluidez, naturalidade e, sobre todo, coa implicación entusiasta de numerosas rapazas e rapaces para quen Xela Arias tan só era un nome na memoria e nos libros de texto de Literatura Galega.

A escritora, nacida en Sarria en 1962 e falecida prematuramente en 2003, fora profesora no devandito centro. O escenario semellaba polo tanto o axeitado para a lembranza da poeta, unha das máis singulares e innovadoras da literatura actual.

Nun tempo no que proliferan os eventos fastosos e mediáticos, a que o instituto A Sangriña tributou a Xela Arias tivo un especial encanto. Nin a celebración do certame —a estas alturas xa consolidado— nin o acto de homenaxe van ter transcendencia nas páxinas culturais dos xornais. Tampouco é este o seu obxectivo, senón o de manter viva a obra de Xela Arias e tamén a súa memoria. Con todo, a emoción desta homenaxe, levada a cabo con poucos máis recursos que a ilusión, a palabra e a voz duns estudantes mozos, demostrou unha vez máis a importancia da cultura de base, cotiá e doméstica, limpa nos seus obxectivos e tan necesaria como esquecida e institucionalmente ignorada. Nos versos recitados polos rapaces e na coidada publicación que se distribuíu ao final do acto, onde figuraban os textos premiados na edición anterior, podíase albiscar unha luz viva, como a que ás veces abría o horizonte do mar. A mesma que brilla noutros centros, educativos ou sociais, afastados dos focos e dos flashes.

Ao longo da súa vida, tamén Xela Arias participou en numerosas celebracións colectivas apartadas dos centros de poder. As súas palabras resoaron no marco de homenaxes e mobilizacións diversas: a Lois Pereiro, contra a permanencia na OTAN, contra a representación de textos de Valle Inclán polo Centro Dramático Galego, a prol da declaración da muralla de Lugo Patrimonio da Humanidade, contra a xestión do afundimento do Prestige, contra a invasión de Irak... Igual que os desta mocidade, tamén os seus versos viron a luz en publicacións locais, eclipsadas por outras revistas de maior envergadura: en Neboeira, en Carel, en Treboada... A vida devolve por veces con xenerosidade o froito da sementeira. As palabras solidarias de Xela Arias regresaron esta semana á Guarda, traídas por unha inmensa marea.

Distribuir contido


by Dr. Radut