Skip to Content

Campións de Galicia en d3mobile 2016

O grupo de alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES A Basella foi Campión de Galicia na liga mundial de modelado 3D de precisión co móbil (d3mobile Metrology World League).

d3mobile

As alumnas Alba Iglesias, Irene Castro, Lucía Chazo e Laura Vicente, coordinadas polo noso profe de tecnoloxía Cristóbal Álvarez, participaron durante este curso na liga mundial de modelado 3D de precisión a partires de fotografías, tomadas co móbil. Foi un traballo intenso no que aprenderon moitas cousas. Os integrantes do equipo agradecen a colaboración prestada tanto pola comunidade educativa como pola organización do campionato.

A competición está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación USCAN3D, a FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), e o CEM (Centro Español de Metrología) e polo Instituto Geográfico Nacional. O obxectivo principal desta actividade é a elaboración de modelos tridimensionais a escala, realizados a partires de fotografías tomadas co teléfono móbil e un ordenador con programas específicos gratuítos. Ao tempo que se fomentan vocacións científicas e técnicas entre os rapaces e espertan a súa capacidade investigadora. O modelado 3d de precisión ten moitas aplicacións na vida real: deseño de pezas de aeronaves, na Fórmula 1, no deseño de videoxogos, na fabricación de próteses médicas, na arquitectura, escultura, etc.

Xa temos reto para o curso vindeiro, queremos imprimir coa nosa impresora 3D obxectos a partires das técnicas de modelado 3D como as utilizadas neste concurso.

A cerimonia de entrega de premios celebrarase o mércores 29 de xuño ás 12:00 no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela).

Polo noso premio, entrevistaronos na Voz de Galicia: neste artigo

Se queredes ver a historia deste equipo e o que tiveron que facer neste concurso consultade o seguinte blog:

Tecnoabasella d3mobile

 



page | by Dr. Radut