Skip to Content

O CEO DE RIANTEC (METEOESCOLAS / PLAN PROXECTA)

 

Antes...

Hoxe fixéronnos unha proposta aos estudantes de francés: participar nun intercambio lingüístico. Se o aceptamos, cada unha das dez persoas que estean interesadas terá que convivir durante nove días cunha familia no norte de Francia, na Bretaña francesa.

Aínda que pareza algo moi arriscado, gustaríame poder vivir esta experiencia xunto cos meus amigos. Só viaxamos unha vez xuntos e en moi poucos meses separámonos. Nunca máis volveremos a poder vivir todo isto, estar todos xuntos.

Penso que desfrutaría moito e ata creo que nos uniría a todos un pouco máis, pois non é o mesmo vernos todos os días na escola que estar fóra da casa durante esas dúas semanas.

Ademais, estou segura de que aprendería moito, tanto a falar e entender mellor o francés, como a desenvolverme por min soa. Isto sería moi bo e sobre todo penso que me faría moi ben, pois ao ser tan tímida e calada podería comezar a falar con maior facilidade coas persoas descoñecidas, por exemplo. Abriríame un pouco máis.

E non só iso, tamén afastarme uns días do que é a miña rutina diaria e o meu mundo. Creo que é moi importante, así como coñecer lugares novos.

Teño moitas ganas de ir, pero hai un problema. Xa falei coa miña familia en varias ocasións e teño entendido que non aceptarían esta proposta. Pero eu quero facelo, quero vivilo.

Sei que é difícil, teñen medo. Pero é normal, en realidade eu tamén o teño. Aínda así, sei que é unha experiencia única e inesquecible que non podo desaproveitar. Con respecto á familia que me acollería en caso de ir, faríano por vontade propia, polo que penso que buscarían o mellor para min.

E por todo isto, agora mesmo o único que penso e desexo é:

Mamá, déixame ir, por favor.

 

Despois...

Unha vez de volta podo afirmar todo o anterior, todo o que pensaba desta experiencia.

Aínda que non pareza real, en tan só nove días podes aprender moito o idioma, ata o punto de que durante a miña estancia en Francia non me saía o inglés de tanto escoitar o francés.

A familia o mesmo, unhas persoas encantadoras que sempre me proporcionaron todo o necesario para que o pasara o mellor posible.

Pero, o mellor sen dúbida foi o que xa pensaba dende o comezo, antes de ter a aprobación da miña familia que finalmente tiven: as excursións e os momentos únicos cos meus amigos.

Aínda así, todo o intercambio foi xenial, sen ningunha parte negativa.

Recomendaríao sempre.

 

Antía Martínez Regueiro

Alumna de 4º ESO A

 



story | by Dr. Radut