Skip to Content

CAMBIANDO O RUMBO

Esta tarde tivemos unha nova reunión do club de lectura do 1º ciclo. O primeiro que nos chama a atención é o escaso número de asistentes debido a varios motivos: a alta incidencia da Covid entre o alumnado, a acumulación de exames e o pouco que queda de curso que fai que se vexan sen tempo para dedicarllo a outras actividades e tamén (e aquí temos que recoñecer a nosa parte de culpa) a falta de interese que parece que espertaron algúns dos libros propostos.

Para os primeiros motivos non temos solución pero para poñer remedio ao terceiro decidimos cambiar a tipoloxía dos textos e abandonamos os que se desenvolven nun espazo real para intentalo coa lectura de libros pertencentes ao mundo da fantasía. Así, a seguinte proposta é dunha autora moi popular entre o público xuvenil. Estámonos a referir a Laura Gallego. O título seleccionado é El valle de los lobos, o primeiro volume de Crónicas de la Torre. Agardamos que esta escolla cadre máis cos gustos do alumnado que continúa no club e que poida desfrutar da lectura.

Volvendo ao libro desta reunión, Sete caveiras, xa supuxo un cambio na liña de lectura proposta pois deixamos de lado os títulos protagonizados por adolescentes e as súas problemáticas e abordamos un texto de literatura negra escrito para adultos pero de doada comprensión.

A partir da historia que se conta tratamos diferentes temáticas como o abuso de substancias tales como o alcohol ou as drogas, o remordemento, a vinganza, a posibilidade de superación dunha experiencia traumática, etc. 

Aínda sendo poucos comentar os libros entre nós continúa a ser un pracer.



story | by Dr. Radut