Skip to Content

25N. Construímos Igualdade para loitar contra a Violencia de Xénero

No CEIP Plurilingüe de Rubiáns tomamos o exemplo da graffiteira afgá Shamsia Hassani e pintamos os nosos muros para expresarnos. Ao longo destes días, grazas a colaboración das familias, pintamos o muro da entrada e atamos lazos de cores para dárlle vida á entrada do noso cole, ao tempo que facemos ben visible un dos propósitos do noso centro: educar en Igualdade aos nenos e nenas para que no futuro sexan libres e fortes.

Ademais, tamén traballamos o conto "Pepuka e o Monstro que lle levou o sorriso", de Estela Moreno. Ao igual cas protagonistas das pinturas de Shamsia, Pepuka queda sen boca, xa que o Monstro lla levou. Fixemos a nosa propia versión e ata unha representación para os máis pequenos!

Coma cada ano fixemos unha fotografía como mostra de repulsa cara este tipo de violencia e, nesta ocasión engadimos unha reivindicativa pulseira morada ás camisetas negras. 

SE CHE QUITA O SORRISO, NON É AMOR!

25N: Shamsia Hassani

COÑECE A ARTISTA AFGANA 

 

AGORA DEMOSTRA O QUE APRENDECHES

 

Campo a través 2021

Que ganas tiñamos de saír!

Por fin puidemos saír do cole despois de tanto tempo! E nada menos que para facer deporte. Retomamos as actividades do programa XOGADE e hoxe fomos á carreira de campo a través, que nesta ocasión foi en Catoira.

Como non nos podemos mesturar con outros colexios nin clases tivemos que correr por clases; con todo, pasámolo xenial! Oxalá poidamos facer máis excursións.

Polo San Martiño trompos ao camiño

Como nos gusta a festa! Un ano máis celebramos o Magosto no día de San Martiño, pero desta volta cunha novidade. Veu un castañeiro co seu tren para asar as castañas. En grupos, separados por aulas, puidemos saborear este manxar tan importante para a nosa terra.

Despois de encher ben o bandullo, xogamos a moitos xogos tradicionais, aínda que tamén tivemos que facelo en zonas diferenciadas. Non faltaron a buxaina, o pano, a comba ou as chapas... foi unha xornada na que todos o pasamos moi ben cos xogos de antes que, como di o noso lema deste ano, tamén son para nenos e nenas de agora. E non faltou a música, desta volta a ritmo de rap. Que divertido foi!

O rap do magosto - Paco Moreiras

Convocatoria de eleccións ao Consello escolar

Familias:

Comunico que durante este mes de novembro terá lugar a renovación parcial do Consello escolar nos diversos sectores educativos (profesorado, familias, PAS).

Adxunto as instruccións e o calendario de actuacións que lle foi entregado ao alumnado en formato papel.

 

Uns artistas de medo!

Remata o verán celta e nós celebrámolo con cabazas que, como non podía ser doutro xeito, estaban decoradas inspiradas en obras de arte e artistas.

Por uns días a entrada do cole converteuse nun museo As cabazas eran impresionantes; todas as familias merecen unha felicitación polo seu traballo pois ao derroche de imaxinación engadiron moito traballo para lograr unhas obras de arte espectaculares. Non faltaba detalle; estaban Frida Kahlo, Picasso, Dalí...  O Grito, O fillo do home, unha menina, A mona Lisa, os xirasois... e moitas inspiradas na obra de Yayoi Kusama, Kandinski ou Miró; e ata un museo!

Pero a festa non quedou aí. Todos o alumnado fixo un relato de medo e para elixir un gañador de cada aula foi moi difícil pois todos eran arrepiantes. Os gañadores leron os seus contos aos compañeiros.

E non faltaron a teacher e a profe Chus contando uns contiños.

E para botar os medos fora puxémolos nun papel e démosllos ao come-medos. Que impresión meter a man na súa boca!

Tivemos que facer 3 sesións para cumprir as normas COVID, pero aínda que non estivemos todos xuntos pasámolo de medo!

RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR

Informamos que o vindeiro venres 29 de outubro ás 10:00 terá lugar o sorteo para designar aos membros da Xunta Electoral como parte do proceso de renovación parcial do Consello Escolar.

A Xunta Electoral estará constituída pola dirección do centro, 1 representante dos mestres, 1 representante das familias e 1 representante de PAS. Serán nomeados tanto titulares coma suplentes.

Os representantes que resulten do sorteo serán informados para a constitución da Xunta.

Semana Europea do Deporte

A choiva non nos permitiu celebrar as actividades que tiñamos preparadas para conmemorar a Semana Europea do Deporte, así que tivemos que pospoñelas para o primeiro venres que saíu o sol.

Recreamos varios xogos baseados en cadros, por exemplo:

- A pita cega, de Goya.

- O discóbolo, de Mirón.

- Rapaces xogando ao trompo, de José del Castillo

- Saltando á comba, de Sorolla.

- A danza, de Castelao.

- Nenos xogando ás chapas, de Ángel Olarte Arraiz.

 

Así que, ademais de divertirnos moito facendo exercicio, tamén aprendemos sobre arte.

 

Día Mundial sen coches

Na semana europea da mobilidade e para conmemorar o "día sen coches" no cole percorremos unha milla camiñando polo patio.

Como podedes ver no seguinte vídeo fomos "a todo filispín"

Inicio de curso 21-22

Ninguén tiña dúbida que en Rubiáns eramos artistas, pero ademais agora temos moita ARTE!!

No curso que hoxe comeza imos a aprender un montón sobre pintura, escultura, artistas..... ou sexa que este curso vai ser unha auténtica obra de Arte!

Hoxe xa andiveron polo cole algúns artistas despistados, outros decoran as paredes dos que temos que adiviñar de "quen veñen sendo"!!

Comeza unha nova aventura!! E entre todos xa fixemos as primeiras "masterpieces". Queredes velas? Pois dalle ao play!

Distribuir contido


by Dr. Radut