Skip to Content

Actividades

Campo a través 22

O alumnado de 2º a 6º de primaria participou na carreira de campo a través. 

Por fin puidemos reencontrarnos con outros coles. Pasamos unha xornada estupenda e aínda que o importante sempre é participar tamén trouxemos algunha medalliña para o cole. 

;

Campo a través 2022

Preme en Sabela para coñecer toda a información da Carreira de Campo a través que realizaremos o vindeiro martes 15.

Día Europeo do Deporte Escolar

Hoxe celebramos o Día Europeo do Deporte Escolar camiñando pola Vía Verde. Podedes crer que estando tan pretiño aínda non a empregaramos?

A experiencia foi fantástica. O camiño fíxose moi ameno, o tempo acompañounos, non faltaron as risas... que máis precisamos para repetir? Nada! Así que voltaremos, e poida que cheguemos un pouquiño máis lonxe...

Moitas grazas a Protección Civil por coidar de nós no camiño.

Festa da bicicleta

O Día sen coches á unha data moi importante para concienciarnos da importancia de coidar o noso planeta. Este ano unímonos á Festa da bicicleta organizada por La Voz de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa dentro das actividades da Semana da Mobilidade.

Na mañá do venres o alumnado de 5º e 6º, acompañado de mestres e membros do clube BTT Trotacumes, desprazámonos en bicicleta ata o Auditorio Municipal, onde nos unimos a rapaces e rapazas de todos os  centros educativos de Vilagarcía para gozar da música da Duendeneta e cruzar os dedos para que nos tocase algún agasallo no sorteo. Mirade, mirade..

Que ben o pasamos! Estamos desexando repetir!

Moitísimas grazas a Trotacumes por toda a axuda durante o traslado e a custodia de bicis.

Festa do Deporte: Balonmán

Un ano máis rematamos o curso coa nosa Festa do Deporte; nesta ocasión achegámonos ao balonmán da man do clube Balonmán Arousa.

A chuvia tentou amolarnos o día, pero non foi quen de conseguilo. En quendas todo o alumnado foi pasando polo ximnasio e realizando xogos, exercicios e partidiños que lles propoñían o adestrador e un dos xogadores do clube.

A experiencia soubo a pouco, así que en canto o tempo o permita haberá que xogar un partidiño no patio.

Agradecémoslle ao Clube Balonmán Arousa a súa colaboración.

Exhibición de Patinaxe

Aínda que o curso está a piques de rematar seguimos traendo ao cole persoas que nos amosan novas cousas para nós. Nesta ocasión foi o turno de Lorena Parada, subcampiona de España junior de patinaxe Inline Freestyle, na modalidade de salto; campiona de Galicia junior de salto e subcampiona de Galicia junior de Battle.

Lorena comezou explicando as modalidades de patinaxe Freestyle que existen e en que consiste cada unha delas e en que consisten as competicións das distintas modalidades. Despois, entre todos tivemos que ir decíndolle que proteccións tiña que poñer, e cando estivo xa ben equipada fíxonos unha demostración de diferentes pasos da modalidade de Slalom e despois xuntounos nunha coreografía que nos gustou moito.

Pero a cousa non quedou aí. A súa especialidade é o salto, polo que non podía marchar sen demostrar o que sabe facer. Comezou saltando 50cm, e aumentando a altura de 5 en 5 centímetros foi incrementando a dificultade e deixándonos a todos abraiados co que é quen de facer. Chegou a saltar 90 cm e díxonos que o seu record está en 1,01m. O profe Santi, que facía de speaker amosounos como unha nena de tres anos podía pasar por debaixo. Incríble! Quen é quen de saltar tan alto e máis aínda con patíns?

Moitas grazas por vir, Lorena e que teñas moita sorte no Campionato Nacional!

 

Atletismo

Esta mañá o alumnado de 5º de primaria tivo a oportunidade de achegarse ao atletismo grazas ao programa XOGADE. Pouco a pouco imos retomando a normalidade e nesta ocasión acudimos ás pistas de atletismo para participar desta xornada xunto a outros centros da comarca.

Todo o alumnado o pasou moi ben correndo, saltando lonxitude ou lanzando peso ou vórtex (a versión infantil da xabalina). Oxalá poidamos vivir pronto novas experiencias.

Campo a través 2021

Que ganas tiñamos de saír!

Por fin puidemos saír do cole despois de tanto tempo! E nada menos que para facer deporte. Retomamos as actividades do programa XOGADE e hoxe fomos á carreira de campo a través, que nesta ocasión foi en Catoira.

Como non nos podemos mesturar con outros colexios nin clases tivemos que correr por clases; con todo, pasámolo xenial! Oxalá poidamos facer máis excursións.

Semana Europea do Deporte

A choiva non nos permitiu celebrar as actividades que tiñamos preparadas para conmemorar a Semana Europea do Deporte, así que tivemos que pospoñelas para o primeiro venres que saíu o sol.

Recreamos varios xogos baseados en cadros, por exemplo:

- A pita cega, de Goya.

- O discóbolo, de Mirón.

- Rapaces xogando ao trompo, de José del Castillo

- Saltando á comba, de Sorolla.

- A danza, de Castelao.

- Nenos xogando ás chapas, de Ángel Olarte Arraiz.

 

Así que, ademais de divertirnos moito facendo exercicio, tamén aprendemos sobre arte.

 

Día Mundial sen coches

Na semana europea da mobilidade e para conmemorar o "día sen coches" no cole percorremos unha milla camiñando polo patio.

Como podedes ver no seguinte vídeo fomos "a todo filispín"

Distribuir contido


by Dr. Radut