Skip to Content

Recursos EDLG

CANCIÓN PARA O DÍA DO LIBRO CON PICTOS

E, se premedes na foto de embaixo, accederedes ao pdf da letra da canción con pictogramas.

A VIDA DE ANTONIO FRAGUAS EN PRIMEIRA PERSOA

Álbum: CURSO 2018-2019 -> Letras Galegas 2019: Carteis Antonio Fraguas

A Real Academia Galega (RAG) elixiume para celebración do Día das Letras Galegas de 2019. Eu, Antón Fraguas Fraguas, nacín en Insuela, en Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra. Foi o 28 de decembro de 1905. A miña nai chamábase Teresa e o meu pai Manuel. Era canteiro e, cando nacín, acababa de emigrar a Brasil. Regresou sete anos máis tarde para casar coa miña nai.

Cando tiña 15 anos, o meu pai e a miña nai querían emigrar a Brasil comigo. Pero, decidiron non facelo. Eu, daquela, asistía a unha escola no lugar de Famelga e o seu mestre convenceunos de que o eu podía chegar a ser un bo estudante e mesmo facerme mestre. Decidiron, entón, quedar en Galicia e darme estudos.

Estudei o bacharelato en Pontevedra e doume clase xente importante como Ramón Sobrino Buhigas ou Antón Losada Diéguez. Tamén tiven a sorte de que Castelao fose o meu profesor. E, como a vida convértese, ás veces, nunha suma de casualidades, uns anos despois ocupei o seu posto na RAG. Iso ocorreu o 8 de maio de 1956, lémbroo ben. Dixen algo así como: 

Veño ocupar un lugar que quedou baleiro o día que morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que, por non poder varrer a morte do leito dos enfermos, non quixo exercer a medicina.

Se conto todas as organizacións culturais que axudei a poñer en marcha ou das que formei parte, non abondaría nesta exposición. Fundamos a Sociedade da Lingua e o Museo do Pobo Galego; participei nas Irmandades da Fala, o Seminario de Estudios Galegos (SEG) e do Consello da Cultura Galega; escribín para Nós e A Nosa Terra; e mesmo me nomearon cronista xeral de Galicia. Todo un honor!

Ser profesor foi unha das miñas ocupacións favoritas. Dei un tempo clases na Universidade de Santiago e no instituto da Estrada en Pontevedra, onde aprobara as oposicións. Pero, ao comezar a Guerra Civil, botáronme de alí e tiven que crear unha academia propia en Santiago. Logo, compatibilicei as clases nela con outras que me encargaron de novo na universidade. Finalmente, en 1950 volvín gañar unha praza de profesor de instituto. Pasei polo Instituto Nacional Masculino de Lugo (actual IES Lucus Augusti) e rematei a miña carreira no Instituto feminino Rosalía de Castro (IES Rosalía de hoxe), de novo, en Santiago.

Fun tamén arqueólogo, catalogando castros e realizando escavacións. Quería saber como eran os galegos e galegas de hai moitos anos. Como etnógrafo, estudei moito os costumes ao redor dunha festa moi nosa: o Entroido.

Realicei varios traballos como historiador. Estudei, por exemplo, a xeografía histórica de Galicia, especialmente as rías Baixas e as terras do meu concello, Cotobade. Escribín tamén a biografía de varios persoeiros galegos. Contei a vida de, entre outros, Manuel Murguía, Castelao e Celso Emilio Ferreiro.

Durante toda a miña vida, escribín unha morea de libros. Nomealos aquí sería imposible. Un que creo que vos pode gustar titúlase Galicia insólita. Nel conto moitas historias. Por exemplo, supersticións e crenzas sobre a vida e a morte en Galicia. Falo da Santa Compaña, do meigallo e de trasnos como o nubeiro.

Non son moi amigo de homenaxes. De feito, un día rexeitei unha rúa co meu nome expresando...

...o meu fondo, pero moi fondo, o máis fondo que pode ser un sentimento de agradecido, pero reparen que eu non son merecente de semellante lembranza. 

Aínda así, a xente quéreme ben e teño rúas, monumentos, nomes de centros educativos... esparexidos por toda Galicia.

Por certo, marchei definitivamente de aquí o 5 de novembro de 1999 en Santiago de Compostela. Agardo que todo o que fixen na miña vida sirva para coñecer e amar a nosa cultura. Se algo de min e de Galicia fica dentro de ti para sempre, doume por satisfeito.

Unha cativa xoga coas miniaturas dos carteis da miña vida.

DÍA DE ROSALÍA #LIBREOMEUPENSAMENTO

Álbum: CURSO 2018-2019 -> Cartel do Día de Rosalía 2019

Como ben sabedes, o 24 de febreiro, celébrase do Día de Rosalía. Desde a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), o ano pasado escolleron o lema #AbrideAFiestra (mirade aquí algo do que elaboramos). Neste curso, propoñen #libreomeupensamento.

A canción de Rosalía pequeniña de Uxía

Podédela ver nos Rakontos ou premendo na imaxe.

Decoración das fiestras na honra da nosa poetisa

Veredes un cartel nunha fiestra de cada clase coas seguintes mensaxes:     

    • As letras “Rosalía de Castro”.
    • As letras coa data do día.
    • Fragmentos de versos de Rosalía.
    • O hagstag: #LIBREOMEUPENSAMENTO.
    • Cara de Rosalía. Aquí tendes o pdf para descargalas.

Logo de elaborar o seu cartel, cada clase, colocará o cartel elaborado no cristal da ventá da aula máis preto da porta para decorar a fachada.

Photocall con versos de Rosalía

Iremos poñendo as imaxes na nosa páxina. Estade atentos e atentas. Por certo, algunhas das imaxes do ano pasado decoran xa os nosos corredores. Non deixedes de velas.

Distribuir contido


by Dr. Radut