Skip to Content

A VIDA DE ANTONIO FRAGUAS EN PRIMEIRA PERSOA

Álbum: CURSO 2018-2019 -> Letras Galegas 2019: Carteis Antonio Fraguas

A Real Academia Galega (RAG) elixiume para celebración do Día das Letras Galegas de 2019. Eu, Antón Fraguas Fraguas, nacín en Insuela, en Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra. Foi o 28 de decembro de 1905. A miña nai chamábase Teresa e o meu pai Manuel. Era canteiro e, cando nacín, acababa de emigrar a Brasil. Regresou sete anos máis tarde para casar coa miña nai.

Cando tiña 15 anos, o meu pai e a miña nai querían emigrar a Brasil comigo. Pero, decidiron non facelo. Eu, daquela, asistía a unha escola no lugar de Famelga e o seu mestre convenceunos de que o eu podía chegar a ser un bo estudante e mesmo facerme mestre. Decidiron, entón, quedar en Galicia e darme estudos.

Estudei o bacharelato en Pontevedra e doume clase xente importante como Ramón Sobrino Buhigas ou Antón Losada Diéguez. Tamén tiven a sorte de que Castelao fose o meu profesor. E, como a vida convértese, ás veces, nunha suma de casualidades, uns anos despois ocupei o seu posto na RAG. Iso ocorreu o 8 de maio de 1956, lémbroo ben. Dixen algo así como: 

Veño ocupar un lugar que quedou baleiro o día que morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que, por non poder varrer a morte do leito dos enfermos, non quixo exercer a medicina.

Se conto todas as organizacións culturais que axudei a poñer en marcha ou das que formei parte, non abondaría nesta exposición. Fundamos a Sociedade da Lingua e o Museo do Pobo Galego; participei nas Irmandades da Fala, o Seminario de Estudios Galegos (SEG) e do Consello da Cultura Galega; escribín para Nós e A Nosa Terra; e mesmo me nomearon cronista xeral de Galicia. Todo un honor!

Ser profesor foi unha das miñas ocupacións favoritas. Dei un tempo clases na Universidade de Santiago e no instituto da Estrada en Pontevedra, onde aprobara as oposicións. Pero, ao comezar a Guerra Civil, botáronme de alí e tiven que crear unha academia propia en Santiago. Logo, compatibilicei as clases nela con outras que me encargaron de novo na universidade. Finalmente, en 1950 volvín gañar unha praza de profesor de instituto. Pasei polo Instituto Nacional Masculino de Lugo (actual IES Lucus Augusti) e rematei a miña carreira no Instituto feminino Rosalía de Castro (IES Rosalía de hoxe), de novo, en Santiago.

Fun tamén arqueólogo, catalogando castros e realizando escavacións. Quería saber como eran os galegos e galegas de hai moitos anos. Como etnógrafo, estudei moito os costumes ao redor dunha festa moi nosa: o Entroido.

Realicei varios traballos como historiador. Estudei, por exemplo, a xeografía histórica de Galicia, especialmente as rías Baixas e as terras do meu concello, Cotobade. Escribín tamén a biografía de varios persoeiros galegos. Contei a vida de, entre outros, Manuel Murguía, Castelao e Celso Emilio Ferreiro.

Durante toda a miña vida, escribín unha morea de libros. Nomealos aquí sería imposible. Un que creo que vos pode gustar titúlase Galicia insólita. Nel conto moitas historias. Por exemplo, supersticións e crenzas sobre a vida e a morte en Galicia. Falo da Santa Compaña, do meigallo e de trasnos como o nubeiro.

Non son moi amigo de homenaxes. De feito, un día rexeitei unha rúa co meu nome expresando...

...o meu fondo, pero moi fondo, o máis fondo que pode ser un sentimento de agradecido, pero reparen que eu non son merecente de semellante lembranza. 

Aínda así, a xente quéreme ben e teño rúas, monumentos, nomes de centros educativos... esparexidos por toda Galicia.

Por certo, marchei definitivamente de aquí o 5 de novembro de 1999 en Santiago de Compostela. Agardo que todo o que fixen na miña vida sirva para coñecer e amar a nosa cultura. Se algo de min e de Galicia fica dentro de ti para sempre, doume por satisfeito.

Unha cativa xoga coas miniaturas dos carteis da miña vida.



album | by Dr. Radut