Orientación, Tecnicas de estudio

PROGRAMA DE TÉCNICAS DE ESTUDIO

C.E.I.P. "NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS" 

Programa de Técnicas de Estudio.

Regino Garrido Figueiras

CHARLAS GARDA CIVIL

 

Dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos, tanto hoxe coma mañán, un membro da Garda civil está a impartir unha serie de charlas aos de 6° de EP coas seguintes temáticas: bulllying, drogas/alcohol, ciberacoso e violencia de xénero.
A xornada de hoxe serviu para aclararlles moitas dúbidas e desbotar moitos bulos que hai arredor destes temas.
#gardacivil #plandirector

Becas NEAE 2022/23

Acábase de publicar a convocatoria das becas NEAE para o curso 2022/2023. Adiántase o comezo de solicitude das mesmas, e hai de prazo ata o 30 de setembro.

No arquivo adxunto está a convocatoria das mesmas.

NOVOS ARTIGOS EN ORIENTAREMEDIOS

Visitade o blog orientaremedios e alí podedes ver novos artigos dentro da nosa Escola de Familia Virtual, sobre temas de moita actualidade.

ORIENTAREMEDIOS O BLOG DO DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN CON NOVIDADES

Nestes días estamos anovando o Blog do Departamento de Orientación (Orientaremedios) ao que podes acceder dende esta web. Durante este mes temos como tema na Escola de Familia Virtual os límites ou normas a aplicar cos nenos e nenas. Xa hai artigos interesantes, que podedes comentar.

¿Cales pensa que poden ser as causas dos problemas de conduta dalgúns nenos/as?

NOVO APARTADO NO PROGRAMA DE TÉCNICAS DE ESTUDIO

Xa está nesta web o apartado dedicado no Programa de Técnicas de Estudio ás técnicas do subliñado e do resumo.

Fíxate ben nos consellos que aparecen. Pronto haberá actividades na Aula Virtual sobre este Programa de Técnicas de Estudio.

Pincha aquí para ir a este apartado.

O SUBLIÑADO. O RESUMO

 

 

 

C.E.I.P. "NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS"

DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN

Programa de Técnicas de Estudio

 

A técnica do subliñado.

A técnica do resumo.

Regino Garrido Figueiras

O RESUMO. O SUBLIÑADO

Neste folleto imos ver consellos sobre como facer un bo subliñado e para que aprendas a resumir.

1. Un resumo ben feito é escribir co menor número de palabras posible o fundamental dun texto

2. Para facer un bo resumo dun texto tes que saber descubrir as ideas principais do texto que vas resumir.

3. Unha maneira de ir chegando ás ideas principais dun texto é ir eliminando aquelas palabras e expresións, sen as que o texto segue tendo sentido, ata quedarse só coas ideas fundamentais do mesmo..

4. Unha técnica que axuda moito para chegar a un bo resumo é a do subliñado.

5. As ideas fundamentais dun texto son aquelas sen as que sería imposible comprender o texto..

6. Se queres buscar as ideas principais nun texto debes buscar en cada parágrafo unha, pois xeralmente o autor desenvolve unha idea en cada parágrafo.

7. No caso de que sexa un libro hai datos como o título do libro, o sumario, a introdución, os títulos de cada apartado, as fotografías, gráficos, debuxos... que poden ser de moita axuda para encontrar as ideas principais.

8. Sempre que vaias ler un libro, primeiro le o sumario para ver de que trata, a introdución e, si o ten, o resumo ou ficha que trae na contraportada. Isto darache unha primeira idea global do que trata o libro.

9. Lémbrate sempre de ter un dicionario a man cando queiras sacar as ideas principais dun texto.

10. Fíxate en expresións como: É dicir, en resumo, polo tanto, por último, en conclusión,..., pois a seguir delas adoitan aparecer  ideas fundamentais.

11. Fíxate ben nas ilustracións, pois poden levarte ata esas ideas principais do texto.

12. Para poder captar as ideas fundamentais dun texto, tes que lelo con detemento e procurando entender o que di.

13. A técnica do subliñado consiste en subliñar as palabras máis importantes dun texto e que transmitan a maior información posible e que nos axuden a entendelo.

14. Non todos necesitamos subliñar o mesmo número de palabras nun texto. Segundo os coñecementos que teñamos sobre o tema que trata o texto e segundo a nosa capacidade de estudio subliñaremos máis ou menos palabras.

15. O que importa  é que coas palabras que teñas subliñadas poidas fixar ben os contidos do texto.

16. Para subliñar ben tes que facelo durante unha lectura lenta e na que procures entender o texto. É necesario que entendas o que les para subliñar soamente as palabras chaves do texto.

17. Subliña palabras illadas ou frases curtas, pero que teñan sentido.  

18. Un bo subliñado non pode superar a cuarta parte do texto.

19. Pensa que se sabes sacar as ideas principais do texto e sabes facer un bo subliñado, terás moi camiño andado para facer un bo resumo.

20. Podes subliñar con varias cores, cada unha para un tipo de palabra diferente. Así serache máis doado memorizar as palabras subliñadas e estudar o texto.

21. Resumir non é escribir frases sen sentido, nin facer un listado de palabras ou frases sen unión. Resumir é escribir o fundamental dun texto, de xeito claro e conciso.

22.  O resumo é moi persoal. Cada un ten que facer o seu, se quere usalo para estudar. Non copies o resumo feito por outros/as.

23. Antes de poñerte a resumir un texto debes de lelo varias veces, entendendo o que les. Faino despois do subliñado.

24. A extensión do resumo nunca pode ser superior á terceira parte do texto. Incluso, todo resumo que supere a cuarta parte xa é longo dabondo.

25. Procura empregar palabras que entendas. Lembra que o resumo ten que ser útil para aprender un texto.

26. O resumo tes que redactalo ben, con frases con sentido e eliminando as partes do texto que non sexan importantes.

27. Lembra o que dixemos sobre as ideas principais dun texto. Estas deben formar parte do resumo.

27. As técnicas do subliñado e o resumo requiren dunha atención e concen-tración importantes, pois necesitan dunha lectura en profundidade e que entendas o que les. Nunca fagas un resumo dun texto en varios anacos de tempo.

 Lembra:

Para facer un bo resumo tes que primeiro saber cales son as ideas principais do texto.

 

Fai un bo subliñado, pois servirache de apoio importante ao resumo.

 

Mantén un alto grao de atención e concentración mentres empregues as técnicas sobre as que trata este tríptico.

PROGRAMA DE TÉCNICAS DE ESTUDIO

Xa está publicado no apartado de técnicas de estudio no Departamento de Orientación, no libro Programa de Técnicas de estudio, un novo folleto sobre a lectura.

Preme aqui para lelo.

LECTURA

 

C.E.I.P. "NOSA SEÑORA  DOS REMEDIOS"

DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN

Programa de Técnicas de Estudio

LECTURA

CONSELLOS IMPORTANTES

Antes de continuar, lembra o sinalado nos trípticos sobre o lugar de estudio.

1. Para facer unha lectura de calidade debes facelo nun lugar con luz axeitada e con cadeira e mesa que sexan cómodas.

2. Hai distintas formas de lectura, segundo o obxectivo que queiramos acadar.

3. O grao de concentración e atención que necesitamos non é igual para unha lectura rápida que para unha lectura para aprender conceptos.

4. Debemos ler todos os días, polo menos media hora. Busca lecturas que che gusten.

5. Cando leas un texto que che pode ser dificultoso, ten un dicionario a man para buscar aquelas palabras que non coñezas.

 6. Non leas con máis velocidade daquela coa que poidas entender a asimilar a lectura, nin tampouco o fagas con excesiva lentitude, pois isto tamén fai máis difícil a comprensión.

7. Respecta sempre as pausas que marcan os signos de puntuación, pois iso axudarache a unha mellor comprensión da lectura.

8. Fai exercicios para mellorar a túa velocidade lectora. Procura que en cada ollada que botas na lectura abarques a maior cantidade posible de palabras.

9. Para acadar o sinalado no punto anterior, fai probas a ler dun golpe de vista cada vez máis cantidade de palabras ou palabras cada vez con maior número de sílabas.

10. Le sempre frases enteiras, pois así facilitarás unha mellor comprensión lectora.

11. Non vocalices cos beizos mentres les, pois perderás velocidade lectora e dificultarás unha boa comprensión.

12. Non sigas a lectura co dedo, nin co lapis, pois diminuirá a velocidade lectora.

13. Non movas a cabeza mentres leas, pois cansaraste antes.

14. Non volvas para atrás cando leas. Se non entendes algún parágrafo volve a lelo completo.

15. Cando leas fíxate sobre todo na parte de arriba das letras, pois está comprobado que a maior información de cada letra está na súa parte superior.

16. Non fagas nunca lectura silábica; le sempre palabras enteiras, pois senón a velocidade lectora será moi baixa e o grao de comprensión lectora tamén.

17. Concéntrate sempre cando leas., aínda que se trate dunha lectura recreativa ou para pasalo ben.

18. Cando teñas que resolver un problema de Matemáticas, leo todo con total atención e concentración, entendendo o que les antes de poñerte a resolvelo.

19. Hai libros con exercicios para mellorar a velocidade lectora e a comprensión lectora. Utilízaos.

 

20. Sempre que vaias ler un libro, fíxate antes de nada no sumario do mesmo, pois así faraste unha primeira idea do que ten escrito.

 

21. Fai o mesmo cando vaias estudar un tema: mira primeiro que apartados ten para facerte unha idea da estrutura do mesmo

 

22. Cando estudes, fai primeiro unha lectura rápida de todo e despois comeza cunha lectura máis lenta cunha velocidade axeitada para que poidas entendela e asimilala ben.

 

23. Le sempre mantendo unha postura corporal correcta e a unha distancia axeitada do papel. Así evitarás cansar antes e dores innecesarias.

 

Lembra que:

Lembra que sempre debes ler nun lugar axeitado, con luz adecuada e mantendo unha postura corporal correcta.

 

 

Le sempre a unha velocidade axeitada que che permita entender e asimilar ben o que estás lendo.

 

 

Non te acostumes a seguir a lectura co dedo ou co lapis nin a vocalizar nin movas a cabeza mentres leas

Distribuir contido