Vostede está aquíO noso horto

O noso horto


Imos plantar! sticky icon

  Benvidos e benvidas a coñecer o noso horto! Un curso máis o horto escolar do Mesón está en funcionamento e neste espazo contaremos como marchan as plantacións que os nenos e nenas farán ao longo do curso.

  Como sabedes cada grupo aula encárgase de coidar un bancal e neles van plantando hortalizas, verduras, froitas... que incluso logo se proban no comedor escolar.

  A Ardemiro encántalle que comamos de forma saudable. Unha dieta rica en vexetais apórtanos a enerxía que precisamos para afrontar cada xornada escolar.

Novas do Horto

Boas amig@s!

Despois de ver estas plantacións, queredes ver o que obtivemos? Pois aquí vos deixo as fotos: podedes ver a coliflor e tamén o brócoli que o alumnado estivo sachando. Ademais, as flores que recollemos dos nabos que se plantaran, agora queda gardar a semente para poder plantalos a seguinte vez.

 Nos bancais de 4º de infantil e de 5º de primaria o alumnado plantou patacas ecolóxicas e en 6º xa prepararon os amorodos!

 Igualmente, podedes ver as fotos dos coidadores e coidadoras destas plantacións, que traballaron arreo para obter estes magníficos resultados! Premede na flor para ver as fotos.

Charla sobre compostaxe

  O xoves 29 de febreiro tivemos unha moi interesante charla sobre a compostaxe, as súas fases e a súa utilidade para as nosas explotacións agrícolas e para a saúde do planeta en xeral. Ás 12:10 asistiu o primeiro ciclo de Educación Primaria e logo os máis maiores, pero todos quedamos encantados por igual. Para ver algunha foto, preme no símbolo.

Novas no noso horto

 

Xa houbo nenas e nenos que, aproveitando os momentos nos que a choiva nolo permite, saíron a plantar ao seu bancal!

 

A continuación deixámosvos unhas imaxes do que está plantado neste inicio de curso, iremos vendo a evolución e novas plantacións!

 

Por unha banda, as nenas e nenos de 4 anos decidiron plantar nabos, ao igual que o alumnado de 1º de primaria, e xa empezaron a brotar! Velaquí tendes os resultados!

 

 

Por outra banda, o alumnado de 2º de primaria decidiuse polo brócoli e vemos que vai medrando, aínda que hai algún bichiño que non se resistiu e xa probou algunha folla...

 

 

Por último, foi o grupo de 3º de primaria, quen optou por plantar coliflor! Esperamos antes de Nadal poder probala no comedor!

 

 

 

Con todo, seguimos informando!