Irma Ruth del Ángel visita a nosa biblioteca

O 6 de outubro tivemos o privilexio de contar na biblioteca do noso centro coa poetisa Irma Ruth del Ángel grazas á colaboración que ano tras ano nos ofrece o Círculo poético ourensán.Ao longo da semana o alumnado realizou diferentes traballos de documentación nas súas aulas sobre Irma Ruth e o seu pobo de orixe: San Luís de Potosí.

Acollemos a Irma amosándolle todos os traballos que realizaramos cos nosos mestres. O acto estivo presidido por un dos animaliños que máis lle gustan á escritora: "Os gatos". Contounos que ese cariño cara os micos, venlle de cando era moi pequena xa que o seu pai lle regalara un co que xogaba a todas horas. Na actualidade ten dous gatos. Na Asociación Libre San Luís de Potosí, que ela preside, dedícanse a coidar e recoller os gatos da rúa e a dalos en adopción a outras familias.

Tamén nos falou do traballo que realizan na fundación de rehabilitación de adictos que ela creou fai anos. Emprega a poesía para traballar con estas persoas e así animalos a retomar os seus estudos.

Ademais de escribir, quédalle tempo para dar clases en diferentes universidades, nunha delas ensina criminalística e balística aos futuros policías.

Sacounos de dúbidas sobre a Cova das Andoriñas, xa que nos dixo que os paxaros que alí habitan son morcegos que de día se pegan ás paredes da gruta e de noite saen pola súa boca de entrada.

Por último, descubrimos que un dos pratos típicos de San Luís de Potosí é a "enchilada de frijoles con aguacate".

Irma é unha persoa polifacética. Unha actividade coa que ela desfruta moito é contando contos. A nós deleitounos cunha fermosa historia mexicana que nos ensina o "Por que os coellos teñen as orellas tan longas?". Pasámolo xenial escoitándoa e véndoa en acción.

Desde aquí queremos dar as grazas a Irma e aos membros do Círculo Poético por este encontro na nosa biblioteca.