Biblioteca

CLAUDIA CASTRO VISITA O NOSO CENTRO

Unha das actividades organizadas con motivo da celebración do Día do Libro é este obradoiro de poesía, dirixido ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º E.Primaria.

Durante este mes de abril, os nenos e nenas de 3º e 4º EP leron o libro de poemas "Galicia, o país das marabillas" e da man do Rato Amelio e do Gato Pepe descubriron moitos lugares de Galicia que merece a pena visitar. As mestras xa tomamos boa nota dalgún destes sitios que lles gustaría coñecer!

   

Esta mañá tivemos a sorte de escoitar como esta escritora nos recitaba algún poema do libro e, despois, deixamos voar a nosa imaxinación para encher un folio cun debuxo que nos recordaba algún poema do libro, o lugar que máis nos gusta de Galicia, o debuxo do Rato Amelio ou do Gato Pepe... e así convertémonos por un intre en ilustradoras e ilustradores. 

 

 

Este foi o mural que fixeron os nenos e nenas de 3º A.

  

E este é o mural que se fixo na clase de 3ºB.

   

E así de fermoso quedou o mural de 4ºA.

Co alumnado de 5º e 6º de E.Primaria, Claudia Castro traballou o libro "Amiga lúa, amigo mar". As nenas e nenos recibírona con este mural que previamente fixeron na súa clase, pois tamén dedicaron varias sesións á lectura deste libro.

Claudia explicoulles a razón pola que escolleu este título e faloulles da súa ilustradora, Luz Beloso. Despois de recitar xunto a Claudia algún dos seus poemas, viron un vídeo e remataron facendo voar os avións de papel que contiñan os seus soños.

 

Grazas Claudia por compartir esta xornada connosco e axudarnos a descubrir outro xeito de achegarnos á poesía. 

 

Semana do libro

Xa temos o cartel da Semana do Libro na Biblioteca do CEIP de Arzúa! Celebraranse varias actividades para fomentar a lectura e traballar coa literatura infantil e xuvenil, e tamén actualizaremos o recuncho das lecturas recomendadas coa temática correspondente a esta semana.

 

E para calquera dúbida estamos na Biblioteca nos recreos :)

Contacontos en Infantil polo voluntariado da biblioteca

Esta semana as voluntarias e voluntarios da biblioteca baixaron ás aulas de Infantil para ler un conto aos máis pequenos do cole, preparando con moita ilusión unha pequena escenificación das historias que escolleron. Todes quedaron moi contentos e xa teñen ganas de repetir a experiencia! ...

 


Podedes ler máis no blogue da biblioteca, PULSA AQUÍ

MARÍA CANOSA VISITA O NOSO CENTRO

Nesta xornada do 16 de marzo, a escritora María Canosa achegouse ao noso centro para ter un encontro co alumnado de 3º e 4º E.Primaria acerca do seu libro "O que nunca che contaron". 

María destacou a importancia da lectura cando dixo: "Cos libros vivimos cousas que non poderiamos vivir doutra maneira", "Conto as historias que levo na cabeza, pero cando as comparto xa deixan de ser miñas e pasan a ser vosas".

Os nenos e nenas puideron facerlle unha morea de preguntas e así enterámonos de moitas curiosidades como que: este libro naceu grazas á colaboración de tres persoas e María só escribiu as tres historias de mulleres que hai no mesmo (as historias de homes escribiunas un amigo seu); a historia que máis lle gusta é a primeira, que xusto non escribiu ela; sempre quedaba de finalista cando se presentaba aos concursos, pero grazas a Manuel Beiras García unha editorial interesouse polo libro que escribiu e así foi como conseguiu que llo publicaran; a súa escritora favorita é a súa nai; o primeiro libro escribiuno con 13 anos e cando llo publicaron tiña 17 anos; agora ten publicados 51 libros como autora e "A fotografía 51" é o título do último libro que está nas librarías; recorda con moito agarimo "Lobo Ramón" porque é unha historia que foi traducida a outros idiomas e fai pouco sacou a 2ª parte deste libro "Lobo Ramón, a vida é unha festa", etc.

Mais, quizais, o momento máis emotivo deste encontro foi cando María Canosa quixo salientar a importancia da nosa lingua, dicindo que ela sempre escribe en galego porque esta lingua é a que mellor a define. Manifestou que dámoslle valor a nosa lingua usándoa e os nenos e nenas de agora "sodes moi afortunados porque podedes ler libros que foron escritos en galego". 

 

   

  

Para rematar este encontro, María Canosa escribiu unha dedicatora para cada neno e nena e, como os últimos en abandonar a biblioteca foron os de 4º E. Primaria, tocoulles a eles e a elas entregarlle un pequeno agasallo da nosa terra.

  

 Moitas grazas María por visitar o noso centro!!

8M na Biblioteca

· Contacontos para Infantil polo voluntariado da Biblioteca escolar Solidaria

 

Neste libro, o artista David Pintor, a través dun divertido diálogo coa súa filla relata algunas das moitas e estrafalarias aficcións que poden facer soñar ás nenas. A partir das preguntas que lle tocou responder á súa filla naceu este libro, no que fala dos estereotipos de xénero co mellor instrumento: o humor.

 

 

Mª XESÚS BLANCO VISITA O NOSO CENTRO

Este venres, 24 de febreiro visitou o noso centro a escritora melidense Mª Xesús Blanco, autora do libro "O caderno de Rosalía".

A escritora contoulles aos rapaces e rapazas de quinto e sexto que ela quedou namorada de Pipi Calzaslongas, personaxe de Astrid Lindgren. Unha visita coa súa familia á casa de Rosalía de Castro redondeou o seu proxecto literario, bautizado como "O caderno de Rosalía". Elixiu o nome de Rosalía para a protagonista do seu libro porque pensa que transmite personalidade e fortaleza. 

Rosalía, personaxe principal do seu conto, é unha nena forte, valente e entusiasta que vai plasmando no seu caderno todo aquilo que lle acontece e tamén o día a día da xente que a rodea. Algunhas destas vivencias son divertidas, pero outras non o son tanto. Estas e outras cousas foi explicándolles a escritora ao noso alumnado e despois deu paso ás preguntas que eles e elas lle foron formulando.

Foi un encontro moi entrañable. Moitas grazas Mª Xesús por esta visita!!

    

   

Organizando a nosa biblioteca

Isto xa vai tomando forma! Aos poucos estamos a ordenar os andeis para que vos sexa máis cómodo atopar eses libros dormentes que agardan a vosa lectura, e ademais a nosa biblio ten novos recunchos para explorar...

- Uns expositores onde se mostran as novidades deste curso, os libros relacionados coas conmemoracións, e as recomendacións da biblioteca (que irán cambiando semana a semana).

 

 

 

Un carro colocado na entrada da biblioteca con libros relacionados coa temática anual do centro: a auga

 

 

 

- Un recuncho para traballar as nosas destrezas creativas e a nosa capacidade espacial coa mesa de luz e os xogos de figuras como o Kapla.

 



 
 

E se tes algunha dúbida ou algunha suxerencia... fala connosco na biblioteca! 

--> Acceso ao blog:

Benvides á biblioteca

 

 

 

Benvidos á nosa biblioteca escolar, un fogar para todes os que queren espertar aos libros que dormen nos estantes e descubrir que marabillosa historia se atopa descansando no seu interior.

Con este blogue querémosvos axudar a coñecer os recunchos da nosa biblioteca e descubrir lecturas e actividades divertidas para alimentar a nosa imaxinación. Subiranse noticias e propostas para que desfrutedes ao máxino deste espazo, así que, non esquezades revisar as publicacións!

Unha aperta, e nunca deixedes de ler :)

--> Acceso ao blog:

https://olugarondedormenoscontos.blogspot.com/

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

Powered by Drupal - Design by artinet