Skip to Content

Convocatorias

Cribado para a detección da COVID con mostra de saliva para a mocidade de 12 a 17 anos

Comunicamos que se está a levar a cabo un programa para a detección de SARS-CoV-2 con mostra de saliva en poboación asintomática de 12 a 17 anos coa colaboración das farmacias da provincia de Pontevedra (consulta a carta informativa do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra).

Trátase dunha campaña de detección de poboación asintomática, polo quen considere pode acudir a súa farmacia de referencia onde os informarán sobre o procedemento de toma de mostra e lles proporcionarán o tubo de recollida.

Concurso Verbas para Comunicar 2021

Un ano máis, con motivo do Día das Letras Galegas, a Concellaría de Xuventude convoca o concurso “Verbas para... comunicar", que relaciona a comunicación, a mocidade e a lingua galega a través da presentación de traballos en formato texto ou audiovisual en lingua galega no que se transmita unha idea, unha reflexión, unsentimento, opinión, etc., que queiramos comunicar e compartir con outras persoas.

Resumo das bases (completas aquí ou en PDF)

- A temática será libre.
- Todos os traballos deberán expresarse en lingua galegae valorarase a corrección lingüística.
- Cada persoa ou grupo poderá presentar un único traballo que deberá ser inédito.
- A organización desbotará e non entrarán en concurso aqueles traballos que conteñan mensaxes discriminatorias, sexistas, violentas, groseiras ou ofensivas.
- Os traballos premiados exporanse na web e remate o concurso aparecerán co nome e apelidos dos/as autores/as os traballos premidados. Tamén se lles dará repercusión a través das redes sociais empregadas pola Concellería: facebook, instagram, etc.

Categorías

- Categoría A: 1º, 2º, 3º ESO.
- Categoría B: 4º ESO, 1º e 2º BACH.

Modalidades

1) Redacción : dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, etc., Só presentación individual. O tamaño do texto non poderá ser superior ás 12 liñas. O soporte será o papel ou cartolina e o seu tamaño non poderá superar un folio A4, pero si poderá ser inferior a este. O formato de presentación do papel
ou cartolina será libre.
2) Audiovisual : elaboración dun vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Pode presentarse de xeito individual ou grupo/clase. Pode ser gravado con móbil ou cámara. Obrigatorio que teña mensaxe en galego escrita ou verbal.

Presentación

Ata o 11 de maio ás 20h. Os traballos presentaranse EN LIÑA a través desta páxina web.

Escola de Familias: a educación sexual e a diversidade

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova sesión da Escola de Familia organizada polo Concello de Soutomaior. Terá lugar o martes 23 de marzo de 18.30 a 20.00h en modalidade virtual. As poñentes serán Cristina Martínez Bernárdez e Nuria Salgado Sánchez, psicólogas e membros de Aseia Vigo.
Inscricións de balde nesta ligazón.
 
Nesta nova cita abordaranse temas coma as etapas do desenvolvemento psicosexual; a sexualidade e a formación do carácter; o lugar do corpo na sexualidade adolescente; falar de sexo: de que sí se fala e de que non?; fontes de información: medios de comunicación/internet, escola, amigos, familia…; desmontando mitos, a pornografía; modelos de masculinidade-feminidade: a deconstrucción do xénero...
 

Videconferencia: Nocións básicas para o manexo da aula virtual e os servizos de comunicación entre familias e escola

Dende o Centro de Formación e Recursos de Pontevedra (Consellería de Educación) comunícannos que hai prazas libres para a videoconferencia que se desenvolverá hoxe baixo o título: "Nocións básicas para o manexo da aula virtual e os servizos de comunicación entre familias e escola".

Será impartida por Venancio Piñeiro e desenvolvorease entre as 19:00 e as 21:00.

Trataranse aspectos básicos sobre o emprego das aulas virtuais, entrega de tarefas, comunicación ca escola e abrirase unha quenda de preguntas para aclarar as dúbidas das familias.

Para asistir, hai que conectarse á hora de inicio na seguinte sala:

https://eduxunta.webex.com/meet/venancio

Aprendendo en familia

O 23 de febreiro, entre as 18:30 e as 20:00, terá lugar a primeira das charlas dunha nova edición da Escola de Familias que promove o Concello de Soutomaior.

A primeira ponencia  achegarase a unha cuestión de especial interese nestes tempos, "Familias ante a COVID-19: convivencia ou supervivencia?", e versará sobre as dificultades que se están a dar na contorna familiar e de convivencia para xestionar emocionalmente esta crise e todas as súas posibles consecuencias. A sesión estará guiada por un membro de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia), entidade especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias.

Para participar nesta charla a través de videoconferencia as persoas interesadas deben inscribirse a través deste formulario antes do xoves 18 de febreiro.

Os nosos heroes e heroínas con máscara

A Concellería de Xuventude de Soutomaior púxolle o ramo á campaña "Heroes e heroínas con máscara" co sorteo e a entrega de premios ás persoas participantes nun certame que tiña como finalidade reforzar a sensibilización entre a xente nova sobre o uso da máscara en todos os contextos e momentos das nosas vidas cando partillamos espazos con outras persoas e non podemos manter a distancia de seguridade. Non é o único é elemento preventivos fronte á pandemia COVID-19 pero é moi importante para evitar contaxios e que se siga propagando.

Podedes ver todos os vídeos presentados na páxina da campaña, na que podían participar persoas de 10 a 35 anos. Entre elas, atopamos alumnos e alumnas de diferentes cursos do noso centro e, ademais, a sorte quixo que os dous ordenadores portátiles fosen para Manuel del Río (1º BACH) e María del Mar Ruíz (2º BACH). Parabéns a ambos polo premio e a todos e a todas polas vosas achegas.

Resolución do XIX Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior

Postal de Lucía Castrillo (3º ESO), 2º premio na Categoría Simple D

O Xurado desta nova edición do Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal fixo pública a relación de traballos premiados nas diferentes categorías (simple, tridimensional e audiovisual).

Entre os preto de 200 traballos presentados hai unha boa representación do alumnado do instituto, ao que felicitamos pola calidade e a mensaxe das súas postais e felicitacións. Á volta das vacacións recibiredes un agasallo do Concello, que repartiremos no centro, mentres que as persoas premiadas xa foron avisadas do acto de entrega que terá lugar mañá no Multiúsos de Arcade. 

Por mor das restricións de seguridade, será un acto moi diferente aos dos anos pasados, mais podedes ver os traballos premiados nas diferentes modalidades premede aquí.

#VinteConOutrosOllos. Un concurso para a túa ollada sobre a ‘nova realidade’

O dominio PuntoGal e VINTE convocan un concurso de creación audiovisual en Instagram. Co título “#VinteConOutrosOllos", consiste na creación dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto na que cada participante nos mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes. Haberá cinco premios: un agasallo tecnolóxico e 4 bonos de compra en librarías independentes. 5 creadores novos compoñen o xurado. O prazo para participar remata o 31 de maio.

Máis información neste artigo de Vinte.

Penso, logo existo... en galego! Participa nesta iniciativa do Concello

O Concello de Soutomaior convoca a iniciativa "Penso, logo existo... en galego!" con motivo do Día das Letras Galegas 2020, que nesta edición se dedica a Ricardo Carvalho Calero.

  • Obxecto: escribir e compartir en galego unha reflexión, emoción, idea, proposta, aprendizaxe..., en relación á experiencia vivida durante estes últimos meses por causa do COVID-19.
  • Destinatarios/as: mozos e mozas de 12 a 35 anos.
  • Formato: texto en galego acompañado dunha foto ou vídeo con texto ou audio en galego.
  • Canles de participación:
    • Facebook: comenta directamente na publicación desta campaña que aparece no Facebook de Xuventude de Soutomaior e no final do texto especifica o teu nome e apelidos para poder logo entrar no sorteo.
    • Instagram: publica a túa creación e pon o teu nome e apelidos ao final empregando os cancelos #omixsoutomaior e #SoutomaiorPensoLogoExistoEnGalego
  • Sorteo: sortearanse dous ordenadores portátiles entre as persoas que cumpran as bases da iniciativa e indiquen a autoría.
  • Bases completas aquí.

Tendais comunitarios: os coidados ó clareo

O Concello de Soutomaior pon en marcha a INICIATIVA: TENDAIS COMUNITARIOS: os coidados ó clareo dirixida a todas as idades co fin de dar visibilidade ós coidados como a forma máis produtiva de dar e manter a vida; mediante a manifestación creativa e afectiva da corresponsabilización da comunidade.

Neste tempos de confinamento no que o Coronavirus ocúpao todo dun xeito transversal  e universal  cómpre pararnos a pensar e reflexionar, pois é certo que ten limitados os nosos movementos físicos pero tamén é certo que non pode parar a nosa capacidade de viaxar polo noso universo interior. Nin tampouco pode limitar a nosa capacidade de compartir e  expandir ese universo ao resto da comunidade para axudar e axudarnos mediante a nosa experiencias e aprendizaxes. 

Botádelle unha ollada a esta proposta!

Distribuir contido


by Dr. Radut