Skip to Content

Prazos e procedemento para as reclamacións das cualificacións finais en 2º de Bacharelato

Instrución 10/23 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen para o curso 2023/24 os prazos e o procedemento para as reclamacións das cualificacións finais no segundo curso do bacharelato ou da decisión de titulación nesta etapa educativa.

Expedición do título de Bacharelato e prematrícula ABAU do 16 ao 20 de maio

O proceso de expedición do título de Bacharelato e a prematrícula nas ABAU 2024 debe facerse en dous pasos:

  1. Solicitar o título de Bacharelato.
  2. Prematricularse na ABAU.

PASO 1: EXPEDICIÓN DO TÍTULO DE BACHARELATO

  • Instrucións sobre a documentación que se debe presentar, taxas e códigos para a expedición do Título de Bacharelato 2024.
  • Modelo de taxas.

PASO 2: PREMATRÍCULA NAS ABAU

  • Calendario: as probas terán lugar entre o martes 4 e o xoves 6 de xuño na Comisión Delegada 10 B, con sede na Escola de Enxeñería Forestal do Campus de Pontevedra da UVigo para o alumnado do IES de Soutomaior. 

 

Bolsas NEAE (Necesidade Específica de Apoio Educativo)

O Ministerio de Educación abre o prazo para solicitar as bolsas para o alumnado con NEAE.

Solicitude: aberto o prazo, ata o 13 de setembro de 2024.

Poderedes ler a convocatoria  e, de cumprir os requisitos, tramitala online e entregar a documentación no centro.

Poderá ser beneficiario, de cumprir os requisitos (renta e patrimonio, necesidade de atención específica), o alumnado que:

  • Presente necesidades educativas especiais derivadas de Discapacidade (33% ou mais), Trastorno Grave de Conduta, ou Trastorno grave da comunicación e da linguaxe asociado a NEE.
  • Trastorno do espectro autista.
  • Altas Capacidades.

Atendendo ás bases, o alumnado que non teña ningún dos citados diagnósticos precisará certificar Discapacidade para ser candidato á beca NEAE. A discapacidade debe estar acreditada polo equipo de valoracións da Consellería de Política Social. Se non se dispón de tal acreditación, o Departamento de Orientación non poderá informar favorablemente.

Para estas e outras axudas, recoméndase ás familias de alumnado con especiais dificultades solicitar o recoñemento de discapacidade.

Solicitedes a bolsa ou non, aprovéitase para recomendar que acheguedes, en calquera momento do curso escolar, aquela documentación relacionada (cerficado de discapacidade, informes do SERGAS...) xa que nos axuda a facer un óptimo seguimento do alumnado.

 

Visita do IES Soutomaior á APAMP

O pasado día 29 de abril, un grupo de alumnos de tecnoloxía de 4ºESO e TIC de 1ºBAC, visitaron o centro de día de APAMP, Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, situado no barrio de Navia en Vigo.

Nesta actividade, os alumnos e alumnas puideron ver os distintos obradoiros nos que traballan esas persoas, entre os que destacan os de cerámica e pintura, un de radio na que elaboran un podcast semanal e tamén outros de informática e cestería. O centro conta ademais cun edificio residencial, con 46 prazas para aquelas persoas que por distintos motivos non poden permanecer no seu medio familiar.

A visita está enmarcada dentro do proxecto Talentos Inclusivos, no que participa o Departamento de Tecnoloxía e que pretende despertar no alumnado as vocacións STEM, así como dar a coñecer a realidade da persoas con discapacidade cerebral.

 

Podemos ver máis imaxes na Galería da páxina web do centro.

Obradoiros Divulgaciencia: Departamento de EPVA

Dentro do programa de Divulgaciencia e en colaboración co Departamento de EPVA, o Concello preparou dous obradoiros levados a cabo os dous na aula de Debuxo do IES de Soutomaior. Tamén foron preparados e presentados polo Divulgador científico David Ballesteros, sinónimo de garantía neste tipo de actividades.

O 19 de abril, o alumnado de 4º da ESO de Expresión artística puideron participar no obradoiro de "Arte, polímeros e NFC". Nel o alumnado puido ver e particiar en varias actividades nas que o arte e a ciencia van da man.

 

O martes 23 e mércores 24 de abril, o alumnado de 3º da ESO traballou no obradoiro de "Arte UV". Neste puideron coñecer un pouco máis en profundidade as características da luz así como as posibilidades artísticas dunha parte do espectro electromagnético: a luz ultravioleta.

Dende o centro agradecemos de novo á OMIX do Concello de Soutomaior a súa colaboración e ao Departamento de EPVA por promover e facilitar que este tipo de actividades poidan chegar ás aulas.

Obradoiros Divulgaciencia: Departamento de Tecnoloxía

O Concello de Soutomaior organizou dous Obradoiros solicitados polo Departamento de Tecnoloxía. Os dous foron deseñados e impartidos polo divulgador científico David Ballesteros que procurou en todo momento manter ao alumnado conectado con propostas moi interesantes e de actualidade.

O Obradoiro "Intelixencia artificial" levouse a cabo no Taller do IES de Soutomaior o martes 16 de abril e asistiu o alumnado de TIC de 1º de Bach e o alumnado de Dixitalización de 4º da ESO. Nel o alumnado puido utilizar programas de IA de actualidade vendo as súas posibilidades e descubrindo que o seu uso non é complicado.

 

O Obradoiro "Deseño de APPs" levouse a cabo no Taller o mércores 24 de abril.  Participaron nel o alumnado de 3º ESO B e 3º ESO C que imparten a materia de Educación Dixital.

Dende o centro non deixamos de agradecer ao Concello a colaboración á hora de presentar actividades moi enriquecedoras e atractivas para o alumnado. Tamén agradecemos ao Departamento de Tecnoloxía o seu entusiasmo por apoiar estas iniciativas.

 

Excursión ao Courel

Tódolos cursos o Equipo de Normalización da Lingua Galega do IES de Soutomaior organiza unha viaxe ao Courel dirixido ao alumnado de 2º da ESO.

Este ano, o alumnado que se apuntou á excursión, saiu o 3 de abril seguindo o seguinte programa: visita ás Médulas, Monte Furado, andaina pola Devesa da Rogueira, Mina da Toca, O Cebreiro e a cidade de Lugo. O alumnado e profesorado pernoctou dúas noites nos Bungalós do Acampamento do Courel.

Dende o centro queremos agradecer ao alumnado o seu bo comportamento en todo momento. Tamén agradecer especialmente a Lucía López e Gabriel Muñiz, os profesores acompañantes, por teren aceptado a responsabilidade de acompañar a todo o grupo.

Finalmente, agradecemento moi especial a Antonio Ricón Rodríguez, por organizar a viaxe.

As imaxes da excursión están colgadas na galería do instituto.

Excursión de fin de etapa a París

Este 2023/24, o alumnado de 4º ESO do IES de Soutomaior optou por realizar unha viaxe a París para celebrar que pronto terminarán os seus estudos da ESO.

Despois de estar dende principio de curso vendendo productos ofertados por distintas empresas para poder financiar esta excursión, 54 alumnos e alumnas partiron con catro profesores este 4 de abril cara o aeroporto de Oporto para comezar a súa aventura.

A viaxe, como todas as organizadas polo instituto, combinou actividades de ocio como o día en Eurodisney con outras máis culturais necesarias para coñecer un pouco da cultura e lugares de interese do país de destino.

 

Dende o centro queremos agradecer a boa comunicación coas familias e a súa colaboración en todo momento así como agradecer ao alumnado o seu bo comportamento en todo momento.

Tamén queremos agradecer a Lara Rodríguez Rodríguez, Orlando Molares Molares, Lucía Galván Fernández e Beatriz Díaz López por teren aceptado a gran responsabilidade de acompañar ao alumnado nunha viaxe a París, un lugar nada doado de xestionar. Moitas grazas.

As fotos que vaiamos conseguindo serán colgadas na galería do Instituto.

Saída do IES de Soutomaior a Santiago de Compostela

Despois da Semana Santa, o martes 2 de abril, o alumnado de 2º de bacharelato e de 4º ESO D, partiron cara Santiago dentro dunha actividade complementaria organizada de xeito coordinada polo Departamento de Matemáticas, Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Castelá e Literatura.

O alumnado dividiuse en varios grupos, dependendo do seu itinerario académico, para facer as visitas máis apropiadas para os estudos cursados.

Un grupo visitou o CIMUS ( Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas), outro acudiu a o IGE (Instituto Galego de Estatística) e un terceiro foi á Catedral de Santiago para ver o Pórtico da Gloria.

Por último, unha vez reunidos todos, completaron o día entrando á Catedral para ver os tellados da mesma e, pese ao mal tempo que fixo, puderon dar unha pequena volta pola zona vella compostelana.

Actuación de Pompa e Boato no IES de Soutomaior

O martes 9 de abril, tivemos a oportunidade de contar de novo coa actuación de Samuel Merino que veu ao IES para facer dúas actuacións de "Pompa e Boato". A estas acudiron as alumnas e alumnos de 3º da ESO, 2º de Bacharelato B e parte do alumnado de 4º da ESO.

Unha vez máis, achegou a poesía á rapazada cunha desgarradora representación na que nos mostra un xeito artístico de expresar os nosos sentementos. A aqueles aos que lles interesa esta forma de arte, tiveron a oportunidade de falar con el e contarlle a súa relación coa poesía.

Dende o centro queremos agradecer ao Departamendo de Lingua Castelá por organizar un ano máis este evento.

 

Temos máis imaxes na galería.

Distribuir contido


by Dr. Radut