Skip to Content

Infinitas - 8M

Mañá dá comezo o programa do 8M, Día Internacional da  Muller, da Concellería de Igualdade e o CIM de Soutomaior, coa sesión de contacontos "Carabranca", a cargo da artista polifacética Iria Pinheiro. 

Baixo o lema "8M INFINITAS", a campaña deste ano céntrase na diversidade dos feminismos e seguirá o 11 de marzo coa proxección de "Nós, infinitas", documental realizado por Raquel Fernández e Coral Piñeiro no que coñeceremos as reflexións de diferentes mulleres de Soutomaior sobre a igualdade e os retos das mulleres actuais. Entre elas, contaremos cos testemuños de Lucía Castrillo e Sofía Martínez, alumnas de 4º ESO do noso centro.

Xa o venres 18, a biblioteca municipal acollerá unha conferencia sobre a evolución do movemento feminista dende a transición. impartida por Raquel Fernández. Gustaríanos destacar a presenza no programa desta ex-alumna do CPI Manuel Padín Truiteiro, especialista en Historia Contemporánea e impulsora da iniciativa @mulleresgalegas, que podedes coñecer nesta entrevista que lle fixo o Nós Diario.

Ademais, gustaríanos destacar que o cartel do programa foi deseñado por Elba Alján, tamén ex-alumna do Padín, Técnica en Ilustración e premio extraordinario nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de deseño. Elba describe así esta ilustración: "Nela podemos ver un grupo de amigas coas que podemos identificarnos. Están en harmonía sentadas nun dos muros da Peneda, deixando así ver unha paisaxe da Ría de Vigo sobre a que destaca a Ponte de Rande. A  escena sucede durante a  noite e pódese ver unha representación do ciclo lunar completo (que forma un infinito), xa que estes dous elementos sempre estiveron ligadas á muller pola súa misticidade e influencia sobre os nosos períodos, así tamén lembrándonos as meigas".



blog | by Dr. Radut