Skip to Content

Convocatorias

I Concurso de Sobremesas de Entroido

Foto tomada do FB da Casa do Muiñeiro (Meira - Lugo)

BASES

1. A participación pode ser individual ou en equipo, cun máximo de dúas sobremesas por persoa/equipo participante.

2. Elaboraranse sobremesas e larpeiradas típicas de entroido: filloas, orellas, chulas. bicas...

3. Debedes anotarvos antes do mércores 19 (incluído) información en Vicedirección.

4. Os postres beben colocarse nun soporte (bandexa, cesta, caixa…) adornado con motivos propios destas festas.

5. Incluirase tamén a receita das sobremesas, impresa e redactada en galego, ademais dunha fotografía na que se vexa cociñando as persoas participantes no momento da elaboración. Tanto a fotografía como a receita irán dentro dunha funda de plástico e poderase imprimir no centro.

6. Hai que presentalas o venres 21 de febreiro a primeira hora para seren expostas durante o recreo e seren sometidas á valoración do xurado, composto por alumnado e profesorado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

7. Valorarase a calidade das sobremesas, a presentación das receitas e a orixinalidade da decoración.

8. O premio consistirá en 3 vales (de 15€, 10€ e 5€) para consumir na cafetería do centro.

IIIº Concurso de Microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a IIIª edición do Certame de Microrrelatos co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro.

Hai unha categoría para mozos e mozas de 11 a 17 anos. Máis información sobre o concurso aquí.

Concurso Lingua de Namorar

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Botádelle unha ollada ás bases e bulide, o prazo de participación remata o o luns 9 de marzo.

Concurso #ApuntasTech

O CESGA convoca a IIª edición do concurso #ApuntasTech?, que ten como obxectivo xerar un catálogo de propostas concretas que alenten as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas entre 10 a 15 anos. Polo tanto, trátase de escoitar e recoller as ideas das e os protagonistas para gozar as TIC no aula de forma transversal, variada e inclusiva. Búscanse propostas divertidas, apaixonantes, innovadoras, que fagan uso das TIC de forma creativa e transversal, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa únicamente o seu obxectivo final, senón un medio.

Ese catálogo de ideas será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente no aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Posteriormente, realizarase unha recopilación das mellores propostas e publicarase con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais

Hai 4 categorías no concurso:

Haberá 4 categorías no concurso:

  • Primaria: Poderán participar grupos de 2-6 nenas e nenos que cursen 5º ou 6º de primaria. Os grupos terán que ter un mínimo de 50% de nenas integrantes.
  • Secundaria: Poderán participar grupos de 2-6 de mozas e mozos que cursen de 1º a 4º da ESO ou Bacharelato. Os grupos terán que ter un mínimo de 50% de mozas integrantes.
  • Centro educativo: Calquera docente, pode participar a título individual ou en grupo, representando a un centro educativo oficial (de Galicia / España…).
  • Libre: Calquera persoa ou colectivo (asociación, etc.) non vinculada a un centro educativo oficial.

O prazo remata o 15 de abril. Máis información aquí.

Elixe Galicia, estadías de ocio para a mocidade

O programa Elixe Galicia desenvolverase por quendas ou turnos que agrupen as persoas beneficiarias por modalidade, colectivo e tempada. Estes son os plans:

1. Vacacións en zonas costeiras.

2. Rutas de Patrimonio Histórico e Cultural.

3. Rutas de natureza e montaña.

4. Estadías en Balnearios.

As quendas iniciaranse en marzo-abril de 2020 e finalizarán en decembro de 2021. Os prazos de presentación de solicitudes serán:

  • Para a tempada do ano 2020 o prazo estará aberto ata o 3 de marzo de 2020.
  • Para a tempada do ano 2021, o prazo de presentación de solicitudes será do 1 de setembro ao 30 de setembro de 2020.

Máis información en: DOG do 3 de febreiro de 2020 e en https://www.turismo.gal

Obradoiro artístico “Rosalía, tod@s por igual "

 Rosalía

Data e lugar: xoves 27 de febreiro na Biblioteca Municipal.

Prazas: limitadas (25) a partir de 7 anos.

Inscrición:

Contido:

Un obradoiro centrado no personaxe de Rosalía de Castro e o seu libro Cantares gallegos, no que descubrimos a súa disconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais... Cantaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles, contaremos un dos seus contos e faremos unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que deixaremos unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

II Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”

O IES Rosalía de Castro, Arraianos Producións e Ponte… nas Ondas! convocan o II Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”

Nesta iniciativa colaboran outras entidades que velan pola defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas coma o Museo do Pobo Galego, a Asociación Oral de Galicia, a Fundación Rosalía de Castro, a EASD Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega, a Fundación Antonio Fraguas, o Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os obxectivos destes premios son:
1) Promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos.
2) Fomentar unha imaxe positiva e actual da lingua mediante a vinculación coas novas tecnoloxías da información e a comunicación.
3) Favorecer o uso da lingua entre a mocidade e en ámbitos asociados á oralidade.
4) Incentivar a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués.
5) Fortalecer os vínculos coa lusofonía e mostrarlle á mocidade a importancia destes.

A solicitude de participación debe formalizala o director ou directora do centro antes do día 28 de febreiro de 2020 a través dun correo electrónico ao enderezo certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org.

O prazo de presentación dos traballos finalizará o 17 de maio de 2020. Para consultar as bases completas, premede aquí.

Animádevos a participar nos clubs de lectura!

Os Clubs de Lectura do instituto xa están en marcha. Preguntade na Biblioteca e sumádevos. Que que é un club de lectura? Todo un mundo por descubrir! Botádelle unha ollada ao blog da biblioteca e xa veredes todo o que se fixo no curso pasado.

Distribuir contido


by Dr. Radut