Lingua Galega

Obradoiro de Regueifas


O pasado venres 23 de outubro acompañounos, na biblioteca do Río Cabe,  a regueifeira Alba María Rodríguez.

O alumnado de 3º de ESO foi o afortunado que puido desfrutar do bo facer desta artista, cantante, compositora e improvisadora oral, quen,  dende os trece anos, desenvolve unha intensa actividade no campo da Regueifa.

A pesar da súa xuventude, Alba María publicou o libro "Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo" e é colaboradora habitual no programa "Luar" da TVG. Ademais participa no proxecto Regueifista, na introdución do diálogo cantado e improvisado no ámbito educativo.

Niso consistiu o obradoiro que impartiu ós nosos alumnos e alumnas, que nesta ocasión, e por mor da pandemia, tiveron que ser menos: estes aprenderon dun xeito divertido a dialogar cantando, a usar a ironía e o "pique" xunto co bo humor, e crearon unha regueifa que queren convertir no himno da súa clase. Pincha nos cursos para ver parte do seu traballo.

3º ESO - A

3º ESO B

Agradecemos a Alba o seu estupendo traballo e o bo rato que nos fixo pasar a alumnos e profesores e esperámola en futuras ocasións.

 

 

Alumna de 2º Bac premiada

 Na tarde do sábado 21 de decembro, a nosa alumna Sandra Rodríguez Macía recollía no Corgo o primeiro premio do certame de poesía e o segundo de narrativa co texto "Un colar de cunchas", convocados pola asociación "Arumes" do Corgo, e ó que concorrían máis de 90 participantes. 
Nunha tarde de borrasca intensa e co son de fondo de chuvia e vento, o xurado entregou os premios nun ambiente especial, xa que faltou a electricidade en todo o concello e os premiados tiveron que ler as súas composicións á luz dos móbiles. A sorpresa da tarde presentouse na figura de Benedicta Sánchez, a protagonista da película " O que arde", do director Oliver Laxe, natural de Corgo, e que, ó mesmo tempo que recollía un premio entregado por ser a primeira corguesa nominada ós Premios Goya, era tamén a encargada de entregar o premio a Sandra.
Esta non é a primeira vez que Sandra recolle un premio destas características, xa que o día 14, o sábado pasado, recollía tamén o segundo premio de poesía de certame "Torre da Caldaloba" no concello de Cospeito. Premios estes últimos, entre outros moitos, que dan fe do traballo e do bo facer, asi como do xenio literario de Sandra. Moitísimos parabéns para ela.
É preciso destacar tamén o labor destes concellos pequenos que destinan parte dos seus recursos económicos e persoais a convocar certames literarios, que son moi ben recibidos polos escritores noveis, apoiando desta maneira a literatura e a lingua galega, a nosa cultura en definitiva. O documento gráfico non está moi logrado, pero a causa do forte temporal non había luz, e apañámonos  como puidemos.

Premio Concurso de Cartas

Sandra Rodríguez Macía, alumna de Segundo de Bacharelato, gañou o primeiro premio do XVI Concurso de Cartas Dillo a quen maltrata 2019, convocado polo concello de Lalín cunha misiva que leva por título "Amarraches a rosa, esqueciches as espiñas". O texto cumpre coa temática proposta para o concurso, a violencia de xénero, e a súa calidade excepcional e a curta idade da autora abraiaron os membros do xurado, de modo que concederon este recoñecemento por unanimidade. O galardón dotado por diploma acreditativo e unha tableta Android 10.1” 32GB foille entregado nun acto que se celebrou o pasado domingo 24 de novembro.
Dende o centro felicitamos a alumna agraciada e alegrámonos de poder ver os froitos do bo facer do noso alumnado, pois xa dicía Virxilio: "labor omnia vincit".
 
 

Premios Inspiraciencia

O día 6 de setembro a alumna Sandra Rodríguez Macía, que rematará os seus estudos de Bacharelato no noso centro este próximo curso, participou no Aquarium de Donostia na entrega de premios da novena edición do prestixioso "Concurso de Relatos de Inspiración Científica Inspiraciencia", convocado polo CSIC. A pesar de que nesta edición a competencia era moita, pois presentáranse 377 obras escritas en catalán, castelán, éuskaro e galego, o seu relato “A fantástica formación da Lúa” foi merecente na categoría xuvenil en galego do segundo premio. O xurado destacou a súa orixinalidade, calidade artística e contido científico.

O galardón está dotado cun diploma, un certificado, un completo e variado lote de libros da editorial Galaxia, ademais de material escolar. Dende o CSIC puxeron tamén á súa disposición unha bolsa de 400€ co fin de sufragar os gastos da súa viaxe e a dunha persoa acompañante.

Dende o centro reiteramos unha vez máis os nosos parabéns, agardando seguir acompañando a Sandra nos seus éxitos non só literarios.

Continúan os premios

 

 

Os alumnos do IES Río Cabe continúan recibindo premios no verán

 

 

Sandra Rodríguez Macía volveu ser premiada polos seus dotes literarios, que xa foran recoñecidos en numerosas ocasións este curso académico. Disto dan mostra os galardóns obtidos en certames de poesía, redacción e vídeo convocados en distintas cidades e vilas da nosa xeografía, tales como Lugo, Quiroga, Vilalba, Santiago de Compostela, Ordes, Mugardos, Monforte de Lemos e Guitiriz. Semella que esta estudante con vocación matemática atopou na expresión en lingua galega unha canle de comunicación perfecta para a creación.

 

O pasado martes 16 de xullo fixéronlle entrega do primeiro premio do Certame Letras Galegas que estaba dotado cun teléfono móbil. O acto tivo lugar ás 13 horas na Casa do Concello de Abegondo. O xurado seleccionou o seu poema titulado “Doe a túa ausencia” entre unha grande variedade de textos presentados.

 

Por outra banda, tamén participara no prestixioso IX Concurso de Relatos de Inspiración Científica Inspiraciencia, convocado polo CSIC e no que concorreron 377 obras. O seu relato “A fantástica formación da Lúa” quedou na categoría xuvenil en galego entre os dous finalistas. Para coñecer se se fai tamén con este merecido premio temos que agardar ao acto de entrega de recoñecementos que se celebrará o 6 de setembro ás 19 horas no Aquarium de Donostia. Dende o CSIC puxeron á súa disposición unha bolsa de 400€ co fin de sufragar os gastos da súa viaxe e a dunha persoa acompañante.

 

O domingo 4 de agosto África Coba Albo e Sandra Rodríguez Macía asistiron á entrega de premios do XL Certame Terra Chá ao que se presentaran 760 traballos de centros de ensino das catro provincias. Os galardóns foron entregados no marco do coñecido e multitudinario Festival de Pardiñas. África recibiu un premio na categoría de Secundaria na modalidade de poesía por un texto de temática amorosa, mentres que Sandra viu valorada a súa faceta prosística e tamén a elaboración dun videopoema creado a partir do célebre poema de Rosalía de Castro traballado na aula "Adiós ríos, adiós fontes".

 

Dende o centro gustaríanos felicitar as alumnas por estes éxitos, que agardamos que continúen nos vindeiros cursos.

 

 

                               

                     

 

 

Premios XL Certame Terra Chá

Para rematar o curso cunha pegada literaria participamos no XL Certame Terra Chá no que competían 760 traballos dos centros de ensino das catro provincias, obtendo os seguintes tres premios:

  • Modalidade de poesía: África Coba Albo (1º ESO A).
  • Modalidades de vídeo e prosa: Sandra Rodríguez Macía (1º BAC A).

 
Os galardóns serán recollidos o 4 de agosto ás 18h no Festival Pardiñas.
 
Parabéns a estas novas escritoras, cuxos dotes literarios xa foran recoñecidos noutros concursos. Lembrade que, como xa afirmou Paulo Coelho, “a posibilidade de realizar un soño é o que fai que a vida sexa interesante” (O alquimista).

Premios para alumnas do Río Cabe

No IES Río Cabe celebramos o Día das Letras Galegas recibindo premios
 
Claudia Pérez Barrientos, alumna de 2º ESO, foi agraciada co primeiro premio do "Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2019", celebrado pola Biblioteca Municipal de Monforte de Lemos na categoría C (de 12 a 16 anos de idade) na modalidade de debuxo. O tema do concurso era "a revolución do Cambio Climático", un contido difícil de ilustrar e que supoñía todo un reto de representación. O traballo gañador competirá na seguinte fase, dependente da Biblioteca Provincial de Lugo, con outras obras seleccionadas polas Bibliotecas Municipais de toda a provincia.
 
Sandra Rodríguez Marcía, alumna de 1º de Bacharelato, recibiu o premio do "XVII Certame Relato Curto en galego de Mugardos" na categoría na que participaban mozos/as de 13 a 17 anos. O xurado expresou a súa sorpresa ante o texto galardoado no que se fai uso do tópico literario do Ubi sunt?, utilizado na literatura clásica e, posteriormente, nas literaturas romances. A voz narradora expresa o baleiro que deixou o falecemento da súa nai e como ese feito foi determinante na súa vida. O premio está dotado cun bono de 200€ para mercar libros en galego. 
 

 

I Concurso "Día das Nosas Letras"

Na tarde de hoxe, día 13, reuniuse o xurado do I Concurso "Día das Nosas Letras", convocado pola ANPA do centro. O xurado estivo formado polo profesorado do departamento de Lingua e Literatura Galega. Logo dunha longa e complexa deliberación acordou conceder os seguintes tres premios "ex aequo":
- "A despedida", de África Coba Albo (pseudónimo: Noite chuviosa), 1º ESO A
- "Dor", de Marina García Blanco (pseudónimo: Meiga), 4º ESO C
- "A tristeza", de Sandra Rodríguez Macía (pseudónimo:Sandy), 1º BAC A
 
Quedaron desertas as categorías de relato curto e poesía ilustrada, posto que os traballos presentados non contaban coa calidade suficiente a criterio do xurado.
O premio, consistente nun cheque por valor de 50 euros para gastar na libraría Agrasar, seralles entregado nun acto celebrado o 21 de maio.
 
Parabéns a todas as gañadoras!

 

Concurso de oratoria 2º ciclo

 A fase final do concurso de oratoria de 2º ciclo tivo lugar no Salón de Actos ante un numeroso e entregado auditorio. 

Os rapaces e mozas foron subindo ó escenario e improvisando oralmente a partir dunha palabra elixida ó azar. 

Gañaron:

Primeiro premio: Nina González (4ºC)

Segundo: Iván Castro (4º A)

Terceiro: Juan Casas (4º C)

Concurso de oratoria, de regueifas e recitado poético

O venres 12 disfrutamos dunhas actividades moi variadas no Salón de actos:

En primeiro lugar, fíxose a final do Concurso de oratoria de 1º ciclo. A proposta goza de grande éxito no centro dende hai varios cursos e está organizada por Normalización Lingüística.

Velaquí algúns deses momentos de imaxinación, improvisación de historias a partir dunha palabra escollida ó azar:

O xurado, composto por 2 profesores e 2 alumnos, decidiu que os gañadores foran:

-Efrén López Zarauza

-Fernando García Fernández

-Gael Mariño González 

En segundo lugar, un grupo de alumnos de 2º ESO puxo en práctica o aprendido no Obradoiro de regueifas no que participara hai meses. Regueifas que tiveron temática diversa e que dirixiron a outros grupos e compañeiros.

Por último, para finalizar, o alumno de 1º ESO Sergio López Rodríguez recitou un poema e as 4 rapazas que participaron o pasado sábado no Concurso poético "Rosalía sempre viva" na Casa-Museo Manuel María (África Cobo, Zeltia Pérez, Sandra Rodríguez e Lucía Rodríguez) deleitáronnos co recitado de diversos poemas de Rosalía de Castro.

 

Grazas pola vosa activa participación nas diversas propostas!

Distribuir contido