4 anos A

Sétima proposta de actividades (01.04.2020)

 

Bos días familias!!

 

Bueno, un día mais aquí estamos achegando dentro das nosas posibilidades novas actividades que espero vos estean servindo.

 

Velaquí as de hoxe:

 

                *LECTOESCRITURA.  Volvemos a centrarnos nos prerrequisitos lectoescritores e para facelo DEBUXAREMOS CORONAVIRUS!! Jajajaja, non, non toleei, o meu obxectivo é realizar un obradoiro de grafismos combinando círculos con raias curtas e dereitas; pero vendo o modelo non me digades que non se parecen. Para facelo podedes darlle ó nen@ círculos recortados ou debuxarllos nun papel. Os nenos deberán facer dentro do voso círculo outro, servíndolle este como guía. Logo con outra cor irán facendo trazos pequenos que corten os borde do círculo.

 

 

                  *LOXICO-MATEMÁTICAS. Desta volta centrarémonos nas referencias espaciais dentro-fora. Para elo soamente deberedes xogar a verbalizar onde están determinadas cousas, por exemplo coas imaxes dos contos que le contedes, ó recoller os xoguetes ou o por a mesa: “este xoguete está fora do caixón”; “a culler está dentro do caixón”... É posible que nun inicio non entendan o xogo, polo que lle iredes vos axudando a que o verbalice facéndolle preguntas ou facendo que repita o que vos dicides, para que pouco a pouco sexan eles sos os que o vaian dicindo.

 

                *CONTO.  Esta vez volvo a traervos un conto gañador do concurso “Nós tamén creamos!” A verdade é que é un conto moi bonito e con moita mensaxe, espero que vos guste https://www.youtube.com/watch?v=oInKiO1p5cs

 

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Para este recanto achégovos dúas propostas xa que non sei realmente dos materiais dos que dispoñedes nas vosas casas. Propóñovos que aproveitedes as liñas que empregástedes para poñerlle garavanzos enriba e esta vez pegarémoslles papeliños pequenos de cores. Os papeis podédesllos dar xa cortados ou podédelos cortar xuntos; non ten porqué ser con tesoira, poden facelo resgando cos dedos e así estaremos traballando dobremente. A outra proposta é, se tedes témperas na casa, que mollen un bastoncillo dos oídos e que vaian seguindo a liña moi paseniño para non perder o camiño.

 

                    *EXPERIMENTO. Seguímoslle dando a benvida á primavera e esta vez farémolo xerminando o que vos apeteza; poden ser garavanzos, lentellas, alpiste (se tedes paxaros) ou algunha pebida dunha froita que comades estes días coma unha mazá ou unha pera. Seguramente moitos de vos fixéstedes algunha vez o de plantar lentellas nun vasiño de iogurt... pois iso imos a facer. Podedes facelo nun vaso de iougrt ou un tarro de cristal, ou nunha bolsa de zip das de conxelar. No vaso poremos algodón húmido, na bolsa pode ser papel de cociña tamén húmido, e as sementes que queiramos. É importante telas nun lugar onde lle de a luz e que as manteñades húmidas, así que delegade nos vosos pequenos esa responsabilidade. 

      

 

Choquiños de cóbado para tod@!!

 

Sexta proposta de actividades (30.03.2020)

 

Bos días familias!!

Último luns do segundo trimestre, e a pesar da situación collémolo con moitas ganas. Que tal estades todos vos? Espero que fenomenal, mellor organizados cada día que pasa e afeitos a esta nova forma de vivir que nos toca superar. Pensade que estamos facendo historia e que isto valerá de moito no futuro; e non esquezades os que teñades que saír coidarvos moito e manter tódalas precaucións posibles.

Comezamos semana cunha nova canción. A canción é a banda sonora dunha das miñas pelis de debuxos prefeirda, Vaiana. https://www.youtube.com/watch?v=TsI7co5OWtg. Non está nada mal comezar o día cun pouco de música que nos poña de bo humor, e creo que esta é perfecta.

Como propostas para este par de días suxírovos:

                *LECTOESCRITURA/CONCIENCIA FONOLÓXICA. Esta actividade non é tanto de recoñecer letras nin xogar con elas, senón de tomar conciencia de como soan. Propóñovos comezar polas vogais por ser as mais fáciles de identificar en canto ó seu son se refire, pero podedes xogar tamén coa inicial do neno. Escribiredes ben grande nun folio a letras coa que queredes xogar e dirédeslle como soa (Esta é a letra A e soa “aaaaaaaaaaa”) Con esta premisa iredes pola casa buscando cousas que comecen pola letra A. Non pasa nada se se equivocan, posiblemente cousas que vos digan non comecen pola letra A pero si a conteñan no seu nome, polo que lle diredes, por exemplo, “Sofá non comeza pola letra A pero si que a leva sofAAAAAAA, tratando de esaxerar esta pronunciación, e que eles repitan con vos. Se lles resulta difícil acompañádeos e ídelle sonorizando as palabras para que pensen, ou preguntádelle como se chama cada cousa para que vaian collendo confianza e entendendo como vai o xogo.

               

 

                   *LOXICO-MATEMÁTICAS. Aproveitaremos os rolos baleiros do tan prezado hoxe en día papel hixiénico. Se queredes podedes pintalos e será unha actividade extra que os terá entretidos un bo rato, e se non poden quedar en marrón. Consiste en que lle asignedes un número a cada rolo, e os nenos deberán meter dentro de cada rolo o número correspondente do obxecto que queirades: poden ser pauciños, pedriñas, boliñas de papel.              

  

                 *CONTO. O conto de hoxe é “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” de Werner Holzwarth. Espero que o desfrutedes, porque aínda que é un pouco “escatolóxico” é un conto moi moi divertido. https://www.youtube.com/watch?v=zJmzxjZPO_o.

 

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Desta volta imos a preparar uns bonitos colares ou pulseiras para darlle a benvida a primavera. Seguro que todos vos cando erades pequenos fixéchedes algún, e sabedes de sobra como facelo. Soamente necesitaredes un cordón duns zapatos vellos, ou se empregades lá non vos esquezades de poñerlle un bo anaco de cinta adhesiva para que lles sexa mais doado metelos macarróns. Se lles resulta moi difícil non quererán facela actividade. Se dispoñedes de témperas na casa, por suposto podédelos pintar para que queden moito mais chulis; ou empregar pasta de verduras que xa ten cor.

                                

 

              *EXPERIMENTO/RECEITA. Non sei se algún de vos se animou a facer a plastilina caseira nin que tal lle quedou. Hoxe tráiovos outra receita dunha pasta de modelar, moi sinxela de facer e que se a cocedes ou a deixades secar ben quedará dura. https://www.youtube.com/watch?v=R_DpDb4swPM A esta masa tamén lle podedes engadir colorante alimenticio, e así conseguir pasta da cor que queirades. Espero as fotos das vosas figuriñas a ver con que me sorprendedes!!!

              

                *EXTRA. Estes días son moitos as persoas que nas redes sociais están pondo fotografías con animais exóticos en 3D. Creo que é unha idea moi chuli para ter ós peques entretidos un ratiño. Por se non sabedes como se fae, adxuntovos o vídeo explicativo. Non todos os móviles os admiten, e non hai calqueira animal, tedes que ir probando, espero que vos guste. https://www.youtube.com/watch?v=wfd4xIVm_Wg

 

Ademais Belén, a mamá de Asier aportoume un nova idea que poida que a moitos vos sexa de interese. Contoume que coma eles viven nun piso e non teñen terraza nin balcón é difícil facer exercicio, xa que soamente contan co corredor. A idea que tiveron foi porlle uns zapatos á bici nos rodíns e conseguir así una bici estática; mirade que contento esta Asier!!!

                                              

 

Choquiños de cóbado para tod@!!

Quinta propostas de actividades (27.03.2020)

 

Bos días familias!!

 

Volve a ser venres, e con el rematámola segunda semana de confinamento. Espero que todos e todas vos atopedes ben, e que esteades desfrutando dentro do que cabe do tempo en familia. Tamén espero que @s que teñades que saír das vosas casas por traballo, facela compra e demais vos esteades protexendo o máximo posible. Non cabe dúbida de que desta sairemos fortalecidos.

 

Quero tamén unha vez máis agradecela vosa colaboración e palabras de ánimo e agradecemento, xa teño dito que é un momento complicado para todos pero creo que estamos formando un bo equipo, e iso é grazas a vosa confianza e bo facer sen dúbida. Grazas e animo!!

 

Esta fin de semana será a última da canción de “El mundo entero” (aínda que non me cabe a menor dúbida de que non será a única que escoitedes) Xa teño “no forno” a da semana que ven, a ver se vos gusta!!

 

Como propostas para este par de días suxírovos:

 

                *LECTOESCRITURA. Estes días imos a deixar as letras un pouquiño de lado, que xa lle levamos dando duro, e imos a xogar un pouco cos trazos, a lateralidade... ó mellor non vos parece algo importante, pero antes de que un nen@ sexa capaz de escribir é moi importante traballar con el/ela uns prerrequisitos imprescindibles para a lectoecritura. Estes prerrequisitos poden ser a prensión da pinza (cousa que fomos fortalecendo coas pinzas para coller garabanzos ou co xogo de recortar liñas) a lateralidade (que tamén tedes traballada coas series de pinzas de cores, ou co traballo de seguir as liñas que vos propuxen o mércores...) Pois neste caso o traballo será similar, pero máis centrado na orientación espacial do noso propio corpo, para nun momento dado chegar á orientación espacial dentro do papel.

 

O xogo que vos propoño é trazar liñas no chan (que as podedes facer con cinta illante, cinta de carroceiro, washi tape... o que teñades pola casa, ou mesmo con xiz que se pode borrar logo facilmente) e que os nen@s camiñen por enriba delas seguindo o trazo que vos lle propuxéstedes. Ademais de camiñar por enriba delas tamén as poderán seguir con algún coche ou moneco, adquirindo así maior destreza do trazo e do espazo.

                         

                  *LOXICO-MATEMÁTICAS. Tamén para descansar un pouco dos números, propóñovos un traballo novo; imos a xogar coas formas xeométricas. A idea é que llas poidades debuxar nun folio dicíndolles os seus nomes, e que logo eles vaian repasándoas co dedo, póndolle palillos enriba, ou mesmo os garabanzos ou  as fabas cos que xa temos xogado. Unha vez o teñan feito poderedes elaborar modelos destas formas xeométricas en papel, cartulina ou cartón, para que @s nen@s os poidan manipular e levalos pola casa facendo de detectives buscando formas xeométricas que están por ahi (un cadro que e cadrado, un espello redondo ou unha foto rectangular...)

 

                 *CONTO. O conto de hoxe é “Paxaro Amarelo” da autora Olga de Dios. Espero que o desfrutedes tanto coma min!! https://www.youtube.com/watch?v=QeEhgoIK7Ik.

 

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Para este xogo quizais necesitedes un pouco mais de “preparación” do material, pero creo que pode ser realmente entretido para @s pequen@s, e fantástico para melloralas súas habilidades motrices. Trátase de preparar un “circuito” nun cartón facendo buratos polos que @ nen@ poida pasar un cordón dos zapatos ou unha tira de lá. (se o facedes con lá non esquezades poñerlle un celo na punta para que sexa máis sinxelo ila pasando polos buratos) A dificultade déixovola ó voso gusto e podedes ila incrementando pouco a pouco se vedes que o modelo inicial lle resulta demasiado fácil. Déixovos coma sempre algún modelo, o que non quere dicir que teña que ser así o que vos fagades. Tedes total liberdade para innovar e adaptarvos ós materiais que tedes pola casa.

                

 

                   *Gustouvos a rima de Tamara Chubarovsky? Empregádela a diario para lavárvolas mans? Déixovos esta vez a de Libélula Lila; un gran traballo do fonema da L; ademais de ser unha bonita forma de darlle á benvida á recén chegada primavera. https://www.youtube.com/watch?v=LCpT6ZyohZw&list=PLWrIJESsP9-r1QQf6LC9jJCPqJA-8Dqua&index=8

 

 

Choquiños de cóbado para tod@!!

 

CANTO NOS BOTAMOS DE MENOS!!

Queridas familias

 

O prometido é débeda, e hoxe que xa levamos case dúas semanas sen cole decido publicar a primeira presentación coas fotos que me fóstedes enviando para que @s nen@s se sintan mais acompañados e preto d@s seus compañeir@s.

 

Espero que vos guste, e desculpade os erros... eu tamén estou aprendendo.

 

https://www.canva.com/design/DAD3onz9TaQ/UPs7jTAtADVip8AtZ4W1MQ/view?utm...

 

 

Actividade anexa á cuarta publicación

Perdoade familias, pero ó rematala publicación de hoxe esquecinme de adxuntar o documento que vos prometín no apartado de lóxico matemática. Déixovolo aqui

Cuarta proposta de actividades (25.03.2020)

 

Bos días familias!!

 

Antes de nada quero agradecervos a vosa colaboración e implicación. De sobra sei que son momentos complicados... que o paso dos días comeza a facerse tedioso, que necesitamos respirar aire puro, que @s nen@s andarán un pouco máis nerviosos da conta... pero aínda así estades colaborando coma podedes. Non sabedes o que me alegra recibir as vosas fotografías e palabras de agradecemento e alento. Espero o venres podervos compartir a primeira publicación, xa que estou dando tempo para ter material fotográfico, e tamén me estou informando dos “requisitos legais” de autorizacións e demais, para non “metela pata”.

 

Que tal estades vos? Espero que levándoo o mellor posible e desfrutando do tempo... ese gran esquecido nas nosas vidas diarias, onde sempre estamos atarefados, e ás carreiras dun lado para outro. É momento de atopalo pracer das pequenas cousas da vida; cociñar, ler, ver unha peli... non esquezades que somos os modelos d@s nosos pequen@s, e que de como esteamos nós levando esta situación aprenderán eles novas ferramentas para afrontala súa vida diaria.

 

Espero que esteades bailando moitísimo coa nosa canción semanal “El mundo entero”; activando o corpo cada mañá activamos tamén a nosa mente; e se é con música que nos pon de bo humor, dobre beneficio!!

 

Como propostas para este par de días suxírovos:

 

                *LECTOESCRITURA. Estes días converterémonos en detectives. E vos diredes...en detectives? Como detectives? Detectives de que? Pois en DETECTIVES DAS LETRAS. A actividade consistirá en ir pola casa buscando letras (estamos rodeados de letras moitas veces case sen darnos conta) xornales, revistas, caixas de comida... O obxectivo é que “capturen” as letras do seu nome en diferentes tipografías, as recorten (así que andade con ollo, non as vaian a sacar de algún sitio que “non se poida” coma un conto ou algún documento importante) e que as peguen nun folio compoñendo o seu nome ó ordenalas.              

                               

                    *LOXICO-MATEMÁTICAS. Para seguir contando e contando axúntovos un documento que compartiu unha compañeira en internet estes días; é un libriño pequeno de imaxes onde @s nen@s teñen que contar cantas imaxes iguais de cada unha hai en cada páxina. Non é preciso que o imprimades nin que @s nen@s escriban o número nin nada; simplemente, cando teñades un ratiño tranquilo con eles, descargádelo no ordenador, na tablet ou no mobil e xogades a contar e a comparar (cantos hai deste, cantos do outro, de cal dos dou hai mais...) Ademais de ser un traballo de lóxica-matemática, tamén se traballa a atención, destrezas visuais, lateralidade... (o enlace para descargar este libriño está ó final coma sempre)

 

Con respecto ás cores, que tal vai esa clasificación de pinzas? Todas ben colocadiñas? Pois agora podemos xogar a facer series. Vos darédeslle un modelo, por exemplo (vermello-azul) e eles deberán seguir a secuencia colocando o resto de pinzas. Non ten que ser con pinzas, pode ser co material que empregarades para clasificar as cores (botóns, coches...)

 

 

                 *CONTO. O conto de hoxe é unha bonita historia que nos anima a ler e a buscalos gusto pola lectura espertando a nosa imaxinación; chámase “La montaña de libros más alta del mundo” de Rocío Bonilla https://www.youtube.com/watch?v=tgix6L905Sc. Con este conto, propóñovos un reto matemático. Seredes capaces de facer unha montaña ben alta cos vosos contos? Como de alta é? Mais alta ca vos? Mais baixa? Alta coma a vosa cama? Espero as vosas comparacións e fotos.

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Seguimos con garabanzos, fabas, pedriñas, botóns... estas cousiñas tan pequenas que nos obrigan a manter a atención e a facer un gran esforzo para que non se nos escapen. Trátase de que nun papel tracedes unha liña longa; é igual curva ou recta, ou podedes facer diferentes deseños como vedes na foto. @s nen@s deberán ir colocando o obxecto elexido pouquiño a pouco seguindo esa liña; teñen que estar moi concentrados, asi que...deixádeos facer con calma, a ver que sale!!

  

             *Estes días decidín cambiar o experimento por unha RIMA dunha autora moi coñecida no ámbito educativo, Tamara Chubarovsky, á que teño o gusto de coñecer a través dalgunha formación. Esta muller adícase a inventar rimas con movemento que axudan moito ós nen@s tanto coa coordinación e expresión corporal, como coa dicción e problemas de linguaxe. Espero que vos guste. Como non, era mester comezar pola canción de lavalas mans!! Non nos podemos esquecer do importante que é. Neste vídeo que os adxunto, a canción comeza no minuto 1:10 e remata no 1:24; aínda que logo fai unha adaptación do 1:29 ó 2:17 en relación co noso xa coñecido Covid-19. Espero que vos guste e a poñades en practica diariamente. https://www.youtube.com/watch?v=Q3w2tLAKltE

 

 

Mándovos un saúdo e ós pequenos un choque de cóbado, que o saben facer fenomenal; e non vos esquezades de aportarme todas os fotos que vos apeteza!!

Terceira proposta de actividades (23.03.2020)

 

Feliz comezo de semana familias!!

Como estades? Espero que tod@s ben, coidándovos moito e tomando tódalas precaucións posibles, xa que como sabedes, a cousa vaise alongar e temos que ser conscientes do perigo que corremos. Ó longo desta semana faremos diferentes publicacións para continuar intentando achegarvos propostas que vos axuden a estar entretidos e que espero que non estean sendo demasiado tediosas para vós, xa que non é a pretensión. Contando a publicación de hoxe serán 3 esta semana, polo que tedes tempo para organizalas con calma.

Gustaríame tamén achegarvos o meu e-mail ó igual que o fixen no tokapp para recibilas respostas de quen quixese participar na adiviña. Deste xeito poderedes achegarme dúbidas que teñades, calquera cousa que necesitedes comentarme ou sobre a que precisedes asesoramento, ou incluso fotos dos pequen@s realizando as tarefas, xa que teño intención de irvos facendo tamén publicacións dese estilo para estar mais preto uns dos outros aínda na distancia.

Como comeza unha nova semana propóñovos a nova canción coma vos prometín. A canción é a de “El mundo entero” que podedes atopar en youtube https://www.youtube.com/watch?v=D4uV57RSX_4. Non está nada mal comezar o día cun pouco de música que nos poña de bo humor. Por suposto admito tódalas suxestións que se vos ocorran.

Como propostas para este par de días suxírovos:

                *LECTOESCRITURA. Propóñovos un exercicio de escritura creativa. Necesitaredes unha bandexa con algo de borde para manchar o menos posible. Nesta bandexa poderedes verter cada un o que teña a man ou considere mais adaptado no seu caso: fariña, pan raiado, area, confeti... Nesa superficie os nen@s poderán ir debuxando letras e números indistintamente; sexan do seu nome ou non. Tamén lle poderedes amosar algún modelo ou deixalos a eles que poñan en marcha a súa creatividade e o seu saber facer.  

 

 

                    *LOXICO-MATEMÁTICAS. Para continuar coa proposta dos números do 1 o 5, poderedes nun folio debuxar diferentes círculos cada un co seu número correspondente. O que deberán facer os pequenos é meter dentro de cada círculo o número de obxectos (pedras, pinzas, botóns...o que teñades pola casa)que lle manda a grafía. Deixarédelos primeiro que o fagan libremente (non pasa nada se se confunden, non lle diremos que está mal, senón que os axudaremos a razoar) Cando rematen, preguntarémoslle que numero pon un círculo en concreto e contaremos xuntos os elementos que puxeron; no canto de terse equivocado axudarémolos a que cheguen a cantidade correcta, engadindo ou sacando obxectos e volvendo a contar con cada modificación que fagamos.

Achégovos unha idea para que entendades cal é a proposta, pero non é necesario que imprimades nada, podédelo facer cun simple folio e un rotulador a man alzada.

                        

 

Para continuar coas cores propóñovos que lle deixedes a cesta das pinzas da roupa e que eles sos vaian facendo montóns por cores clasificando cada unha no seu montón correspondente. 

                 *CONTO. Hoxe preséntovos o conto de “A mellor sopa do mundo” de OQO; unha bonita historia de amizade, compañeirismo, e colaboración; boa mostra do momento que estamos a vivir. Unha vez mais gústame achegarvos historias contadas polos nenos, así que axúntovos o enlace dos gañadores do concurso de “Nós tamén creamos” http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos/a-mellor-sopa-do-mundo-do-ceip-a-xunqueira-2 espero que o desfrutedes tanto coma o desfruto eu. Tamén neste apartado podedes achegarme os vosos contos favoritos, para coñecelos e facer una lista de preferidos da clase, por exemplo.

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Para ir fortalecendo os nosos dediños e ir collendo soltura, imos deixarlles as tesoiras ós pequen@s. En moitas escolas, en 3 anos todo se fai con punzóns, pero a min gústame ir collendo grupiños pequenos (por seguridade mais que nada, jajaja) e ir pondo a proba as súas posibilidades... sorprenderiádesvos do que son capaces de facer. Por elo propóñovos que lle deixedes unhas tesoiras (adaptadas ó seu tamaño) e papel vello; é igual de periódico, revista, cousas que imprimístedes e non saíron ben... Unha vez a mais a miña recomendación é deixalos experimentar libremente, que corten na dirección que queiran, pero si debedes estar atentos a que coloquen ben os dedos para que ó pasar ó seguinte nivel non haxa que corrixir malos hábitos.

 

O seguinte nivel é debuxarlle liñas polas que deberán de recortar, dentro das súas posibilidades; evidentemente recortar é un traballo difícil que require de moita coordinación e atención que iremos adestrando pouco a pouco; déixovos un exemplo:

                                           

 

                      *EXPERIMENTO. No canto dun experimento, esta semana propóñovos unha receita. Bueno, realmente non vola propoño; anímovos a cociñar cos vosos pequen@s (dame igual, un biscoito, unhas magdalenas, un pizza...) o que me gustaría é que os fagades participes, que experimenten e manipulen coa cociña, e por suposto se queredes podedes ensinarnos as receitas e o resultado.BO PROVEITO!!!

 

 

Mándovos un saúdo e ós pequenos un choque de cóbado, que o saben facer fenomenal

 

Segunda proposta de actividades (18.03-23.03)

Boas familias!!

Que tal o estades levando? Espero que vos teñades organizado fantasticamente para desfrutar deste tempo en familia o mellor que se poida. Como están indo as rutinas diarias? Supoño que estaredes seguindo na medida do posible as indicacións anteriores da rutina dos horarios, da canción... Eu na escola a canción adoito mantela durante todo o mes; pero para que non se vos faga aburrido, a semana que ven cambiareina.

As actividades “lectivas” que vos propoño para os vindeiros días seguirán a liña das anteriores. A pesar de que esta semana teriamos ponte e polo tanto hoxe sería o último día da semana con clase, incluirei igualmente diferentes actividades para amenizar a estancia o mellor posible.

               *LECTOESCRITURA. Para seguir traballando co nome, poderedes confeccionar en cadradiños de papel as diferentes letras do seu nome propio, e que logo posteriormente o vaian confeccionando, do mesmo modo que vos comentei o luns. Primeiro podemos facelo con modelo (escribíndollo vos nun papel) e se vedes que lle resulta fácil deixalos sos. Como moitos xa o saben facer, podedes xogar con outros nomes da familia, ou cos nomes dos compañeiros do cole.

Tamén relacionado, podedes deixarlle un folio, no que arriba constrúan o seu nome coas letras móbiles que confeccionástedes, debaixo que o escriba libremente, e debaixo que se debuxe. É unha actividade que adoita facer no encerado o encargado de cada día e que lles gusta moito.

 

               *LOXICO-MATEMÁTICAS. Durante estes días repasaremos os números do 1 ó 5 e a correspondencia do número coa cantidade; xa que moitas veces @s nen@s saben contar, porque repiten a secuencia como se de unha canción se tratase, pero realmente non saben relacionar o nome do número coa cantidade que lle corresponde. Para isto, recoméndovos que empregando os propios xoguetes dos nen@s (coches, pezas de construcción, animais...) fagades vós un grupo de obxectos (do 1 ó 5); logo contarédelos xuntos para ver cantos hai; e logo pedirédeslle que fagan eles outro conxunto de obxectos co mesmo número que o voso. Unha vez teña o montón feito comprobaredes se a cantidade é a mesma ou non. Para comprobalo podedes contalos xuntos, ou facer unha fileira cos vosos obxectos e ir colocando os obxectos d@ nen@ ó lado dos vosos (facendo coincidir o obxecto numero 1 voso co 1 deles; o 2 voso co 2 deles....) Deste xeito, se non o conseguiron facer é moito máis visual ver cantos lle faltan.

 

Tamén vos recomendo xogar coas cores. Cada día podedes xogar cunha cor por exemplo, e deberá facer grupos de obxectos da cor que lle digades; ou buscar pola casa cousas de determinada cor. 

 

                  *CONTO. Espero que o conto dos “Chivos, chivóns” vos gustara. Desta volta propóñovos o meu conto favorito, “Imos cazar un oso”. En youtube, a versión que atopei non é das mellores narracións, pero serviranos para outra cousa. https://www.youtube.com/watch?v=LZiYXnC5KGA  Como podedes ver, este conto está contado por nen@s, e esta é a miña proposición. Por que non alentamos ós nen@s para que sexan eles os que nos conten un conto?? Por exemplo, co gallo de que mañá é o día do Pai (MOITAS FELICIDADES A TODOS!!!) que sexan eles os que vos conten o conto a vos para durmir. Seguro que teñen algún conto favorito que xa lle léstedes un milleiro de veces e que saben de memoria…

 

                    *PSICOMOTRICIDADE FINA. Que tal saíu a plastilina para os que vos aventurástedes a facela?? Espero que saíra ben e que o pasarades ben xogando con ela. Con respecto ó adestramento desta habilidade propóñovos poñerlle ós pequen@s dous cuncos; un con garavanzos ou fabas e outro baleiro. O que terán que facer é cunhas pinzas (de cociña, ou dunha cubitera, o que teñades por casa) é ir pasando os obxectos dun cunco a outro. No caso de non ter pinzas na casa, podedes confeccionar unhas facilmente cunha pinza da roupa de 2 depresores (pauciños de xeado ou do médico; cousa que se coida é mais difícil ter na casa)

 

                       *EXPERIMENTO. Estes días corre por internet un vídeo cun experimento moi sinxelo para demostrar a importancia de lavalas mans, para explicárllelo ós nenos. O vídeo do experimento podédelo atopar neste enlace https://elpais.com/elpais/2020/03/14/mamas_papas/1584175666_096616.html

 

 

Moita forza e ánimo!! Xuntos sairemos desta!!

Recomendacións e actividades para casa 16.03.20

BOAS FAMILIAS!!

Non sei se xa o sabedes todos, pero chámome JUDIT e son a substituta de LUZ. Como sabedes, ó longo destes 15 días de corentena que temos impostos, @s titores iremos facendo diferentes publicacións para irvos suxerindo algunhas actividades que podedes facer cos vos@s pequen@s durante este tempo para que sexa o máis entretido posible. Tratarei de que estas propostas sexan sinxelas e que se poidan facer con materiais que posiblemente teñades na casa.

Para estes primeiros días, o que me gustaría facer son unhas RECOMENDACIÓNS XERAIS que poderedes manter ó longo de todo o tempo, para que @s nen@s non perdan as rutinas habituais do noso día a día na escola.

                -É importante seguir mantendo unha rutina de horarios, procurando levantarse e deitarse a mesma hora.

                -O primeiro que facemos ó chegar ó cole é movernos un pouquiño para espertar o corpo, movéndonos libremente, bailando, saltando... Estes días a canción que eu poría na clase é “DE ELLOS APRENDÍ” que a tedes en youtube   ( https://www.youtube.com/watch?v=eFzPy5d7oFo )

                 -Podedes tamén facer un pequeno recordatorio do día que é hoxe; ver o calendario, comprobar que números ten o día… Para isto tamén cantamos una canción, a cal eu adapto un pouco pero podedes apoiarvos nesta outra tamén atopades na rede ( https://www.youtube.com/watch?v=v7mm8MC1MgY ) Moitos xa saben os xestos, así que espero que sexan eles os que vos ensinen.

                -Tamén é boa idea que os involucredes nas tarefas diarias do fogar, mantendo así responsabilidades ó igual que facemos na escola; coma recoller e ordenar os xoguetes, poñer e recoller a mesa (onde se están tamén pondo en xogo habilidades lóxico matemáticas como contar cantos somos, a correspondencia de que con cada prato debe ir un vaso...)

                -Cando están moi alterados, como por exemplo a volta do patio, deitámonos no chan e escoitamos música relaxante (pode ser de sons da natureza coma un río ou o mar, chíos de paxaros...) e mentres voulles acariciando a cabeza de un en un, ou pasando suavemente unha pluma polas súas caras. É unha cousa que lles gusta moito, e baixa notablemente as pulsacións, polo que o podedes empregar en momentos de agonío ou berrinches, relaxándose tanto @s pequen@s coma os adultos.

 

Como actividades “lectivas” para estes días propóñovos:

                *LECTOESCRITURA. Como puiden ver estes días, Luz xa tiña traballado o nome propio cos nen@s e paréceme que o teñen bastante ben adquirido, así que propóñovos que lle plantexedes un xogo de buscar as letras do seu nome.

Para facelo podedes irlle dicindo como se chama cada unha (moitas sábenas) e como soan. Este xogo podemos facelo escribíndolle nun papel o nome en letras maiúsculas e se tedes xogos de letras de estampar ou magnéticas que as collan desas; no caso de non ter podedes escribir en anaquiños de papel distintas letras e que as vaian collendo, ou tamén podedes facelo nalgún dos soportes que vos achego como modelo.

                 *LOXICO-MATEMÁTICAS. @s pequen@s xa con Luz, polo que me dixeron estaban empezando a traballalo número 5, así que recoméndovos que xoguedes a facer agrupamentos que cousas de 5 en 5; deixalos a eles primeiramente, logo contalos xuntos para ver se están no certo ou se necesitan volvelo a facer....

                *CONTO. Seguramente dispoñades de moitos contos na casa; pero se necesitades de recursos extra, nesta primeira publicación recoméndovos “Os chivos, chivóns” que o podedes atopar neste enlace https://www.youtube.com/watch?v=aHuZ-mP2K4U   Cando lles conto contos acostumo a dicirlles a modo de curiosidade quen o escribiu e quen o debuxou, non coa pretensión de que se lembres de todos, pero sí para ensalzala labor de escritores/as e ilustradores/as que pasan moitas veces desapercibid@s

                *PSICOMOTRICIDADE FINA. Como última proposta suxírovos xogar con plastilina; é una boa maneira de adestrar as habilidades psicomotrices dos vos@s fill@s e ir collendo destreza para una posterior escritura. Podemos propoñerlle que xoguen libremente, ou que constrúan ó personaxe do conto que mais lle gustou, por exemplo. No caso de non ter plastilina na casa podédela preparar facilmente con:

                                                        -1 taza de fariña de trigo

                                                        -1/2 taza de sal de mesa

                                                        -1/2 taza de auga  (cunhas gotiñas de colorante alimenticio se queredes)

Nun bol mesturámolo todo ata que consigamos a textura que nos gusta. Despois botamos un pouco de fariña enriba da mesa e amasámola máis. Estou segura de que o resultado vaivos a gustar!!! E @s nen@s tamén comprobarán que non sempre é necesario comprar e comprar para xogar (Onte 15 de Marzo celebrouse o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, no que habitualmente nas escolas trabállase en torno ó consumismo e a loita na súa contra)

 

Mándovos un saúdo e ós pequenos un choque de cóbado, que o saben facer fenomenal

Distribuir contido

Back to top