Skip to Content

Plan Proxecta

Rapazas emprendedoras nas TIC e Proxectos de Vida Activa e Deportiva. Curso 22-23

Neste curso 22-23 retomamos a participación no proxecto “Rapazas emprendedoras nas TIC”, que xa iniciáramos no curso 19-20. Con este plan, no que está a participar o alumnado de 3º e 4º da ESO, tratamos de fomentar as vocacións tecnolóxicas, no ámbito STEAM (Ciencies, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) especialmente nas rapazas, aínda que toda a información e formación, así como a participación nos diferentes proxectos e actividades é realizada por todos/as os/as estudantes.

No seguinte blogue recóllense todas as actuación que se levan a cabo dentro do programa:

Logo Rapazas Pecalama

Ademais, este curso escolar, o departamento de Educación Física, decidiu participar no Plan Proxecta "Proxectos de Vida Activa e Deportiva", na modalidade DAFIS. As accións desenvolvidas neste programa irán encamiñadas á valoración da condición física e deportiva do alumnado do centro, para tratar de recompilar datos que permitan determinar o seu estado físico en relación á saúde. Tamén se incluirán actividades deportivas e recreativas, tanto dentro como fóra do centro. Todas as actuacións relativas a este programa, poden ser consultadas nun blogue ao que se accede premendo na seguinte imaxe:

Logo PecalamActivo

 

Andaina pola Vía Verde Oroso - Cerceda

O martes 20 de xuño o alumnado da ESO realizou unha andaina pola Vía Verde de Compostela - Tambre - Lengüelle. A actividade tivo unha duración de 3 horas, nas que percorreron 12 quilómetros de fermoso camiño, baixo un tempo estupendo para realizar esta andaina.

(Acceso a algunhas fotos da xornada premendo na imaxe inferior)

Alumnado na vía verde 

PLAN PROXECTA

 

Viaxe a Guimaraes - Proxecta "Proxecto Terra"

Os días 18 e 19 de maio, o alumnado de 2º da ESO, dentro das actividades desenvolvidas no Plan Proxecta de "Proxecto Terra", realizaron unha viaxe a Guimarães (Portugal).

(Premendo na seguinte imaxe, accédes ás fotos da viaxe)

Alumnado asistente á viaxe

PLAN PROXECTA

 

Saída en bici pola Vía Verde Oroso - Cerceda

O venres 19 de maio, e no marco do Plan Proxecta de PVAD (Programas de Vida Activa e Deportiva), realizouse unha saída en bici co alumnado de 4º da ESO pola Vía Verde de Compostela - Tambre - Lengüelle, que segue o antigo trazado de ferrocarril que ía de A Coruña a Santiago de Compostela. Despois de saír do centro e desprazarnos ata Arcai de Abaixo e cruzar o embalse de Vilagudín, comezamos a transitar pola vía verde, chegando ata a estación de Oroso (Trasmonte), onde repoñemos forzas para despois emprender o camiño de regreso. Unha xornada de case 40 quilómetros que resultou dura á vez que gratificante.

(Acceso a algunhas fotos e vídeos da xornada premendo na imaxe inferior)

Alumnado na vía verde 

PLAN PROXECTA

 

Charla sobre a "Seguridade nos dispositivos móbiles"

O xoves 11 de maio, dentro das actividades que se desenvolven no marco das accións do Plan Dixital de centro, e como actuacións tamén vencelladas ao Plan Proxecta de “Rapazas emprendedoras nas TIC”, acudiu ao centro Cristina López Bravo a impartir unha charla sobre Seguridade nos dispositivos móbiles ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

Resultou unha conferencia moi interesante sobre a seguridade que hai que ter nos dispositivos móbiles. Explicou que os dispositivos móbiles son ordenadores portátiles que se conectan a Internet e que poden almacenar e transmitir datos confidenciais. Por iso, é moi importante protexelos das ameazas de ciberseguridade que poden poñer en risco a nosa privacidade e a nosa información.

Algúns dos aspectos que sinalou foron os seguintes:

  • Sistemas de bloqueo do dispositivo: é fundamental activar un sistema de bloqueo do dispositivo, como un código PIN, un contrasinal, un patrón ou un método biométrico (pegada dactilar, recoñecemento facial, etc.). Isto impide que alguén poida acceder ao noso dispositivo se o perdemos ou nolo rouban
  • Phishing e smishing: son técnicas de engano que buscan obter os nosos datos persoais ou bancarios mediante correos electrónicos ou mensaxes de texto falsos que simulan ser de entidades ou servizos lexítimos. Apuntou que hai que estar atentos e non facer clic en enlaces sospeitosos nin facilitar información sensible sen verificar a fonte.
  • Instalación segura de aplicacións: débense descargar e instalar só aplicacións de fontes oficiais ou de confianza, como as tendas de aplicacións do noso sistema operativo. Tamén hai que revisar os permisos que solicitan as aplicacións e denegar aqueles que non sexan necesarios ou razoables para o seu funcionamento.
  • Boas prácticas de mantemento do dispositivo: é imprescindible manter o noso dispositivo actualizado coas últimas versións do sistema operativo e as aplicacións, xa que adoitan incluír melloras de seguridade. Tamén é necesario realizar copias de seguridade periódicas dos nosos datos para evitar perdelos en caso de roubo, perda ou avaría do dispositivo. Por último, aconsellou non conectarse a redes wifi públicas abertas, salvo que o fagamos a través dunha rede privada virtual (VPN), xa que, de non facelo así, a nosa conexión non está cifrada.

Sinalou estes consellos para mellorar a seguridade dos dispositivos móbiles e evitar moitos problemas. Esperemos que pouco a pouco, vaiamos facendo os nosos dispositivos máis seguros!!!

(Clica na imaxe para ver as fotos da xornada)

Alumnado na charla de Seguridade nos dispositivos móbiles 

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

Día das Rapazas nas TIC

O xoves 27 de abril conmemorouse o "Día das Rapazas nas TIC" e con tal motivo, o CESGA, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organizou un evento presencial e virtual. O CPI Pecalama participou no coloquio virtual con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadores e tecnólogas no eido das TIC.

O alumnado implicado no Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" visionou, en tempo real, o coloquio no que participaron Mariamo Mussa Juane, Esther Medina, Alba Meijide e Carmela Troncoso. Resultou unha charla moi interesante para o alumnado, e supuxo un pulo para ter en conta as posibilidades e atractivo do ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador ou profesional.

 

PLAN PROXECTA

 

Charla sobre a "Iniciación á pegada dixital"

Sabes que é a pegada dixital e como che afecta? O pasado venres, os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO tiveron a oportunidade de aprender máis sobre este tema na charla “Iniciación segura á pegada dixital”, impartida por Nacho Álvarez, responsable de concienciación en Govertis.

A pegada dixital é o conxunto de datos que deixamos en internet cada vez que usamos algún servizo ou aplicación dixital. Estes datos poden ser recompilados de forma pasiva, sen que nos deamos conta, ou de forma activa, cando os compartimos voluntariamente. Por exemplo, cando subimos unha foto a Instagram, estamos a deixar unha pegada dixital activa, pero tamén cando navegamos por unha web ou usamos unha app, estamos a deixar unha pegada dixital pasiva.

A pegada dixital forma parte da nosa identidade dixital, é dicir, a imaxe que proxectamos de nós mesmos no mundo virtual. Esta imaxe pode ser positiva ou negativa, dependendo de como xestionemos os nosos datos e a nosa privacidade. Ademais, a pegada dixital ten unha característica moi importante: a permanencia. Isto significa que os datos que deixamos en internet non se borran facilmente e poden ser accesibles para outras persoas ou entidades durante moito tempo.

E que fan as compañías cos nosos datos? Pois depende. Algunhas os usan para ofrecernos servizos personalizados, como recomendacións de produtos ou contidos, outras os venden a terceiros para fins publicitarios ou de investigación, e outras poden usalos para fins maliciosos, como o roubo de identidade ou a fraude. Por iso é moi importante que sexamos conscientes da pegada dixital que deixamos e que tomemos medidas para protexer os nosos datos e a nosa privacidade. Na charla explicáronse algúns exemplos de como as redes sociais máis populares entre os mozos, como Instagram, B-Real e Tik-Tok, recollen e usan os nosos datos.

Tamén se deron algúns consellos prácticos para reducir a nosa pegada dixital e mellorar a nosa identidade dixital. Algúns destes consellos son:

  • Ler as políticas de privacidade e os termos de uso das aplicacións e servizos que usamos.
  • Configurar as opcións de privacidade e seguridade das nosas contas e dispositivos.
  • Non compartir información persoal ou sensible en internet sen verificar a fonte e o destino.
  • Non aceptar solicitudes de amizade ou mensaxes de descoñecidos.
  • Usar contrasinais seguros e diferentes para cada conta. Borrar ou desactivar as contas que xa non usamos.
  • Revisar periodicamente a nosa pegada dixital e eliminar ou solicitar a eliminación dos datos que non queremos que estean en internet.

Esperamos que esta charla sexa útil e interesante para o noso alumnado e que lles axudara a tomar conciencia da importancia de coidar a súa pegada dixital.

Alumnado na charla de Iniciación á pegada dixital 

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

Innovart 2023

O pasado xoves, 13 de abril, o alumnado da ESO acudiu ao Innovart na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Tratouse dun evento que aglutinou as ensinanzas artísticas, as ensinanzas de idiomas e as ensinanzas deportivas que se imparten en Galicia.

As persoas participantes puideron participar en:

  • Mostra e exhibición das distintas ensinanzas.
  • Obradoiros de artes plásticas e deseño.
  • Traballos de conservación e restauración de bens culturais.
  • Actividades didácticas de música e danza, así como de idiomas.
  • Actividades deportivas.
  • Espazos escénicos con actuacións en directo.

(Premendo na seguinte foto pódese acceder a imaxes da visita)

Alumnado na actividade

PLAN PROXECTA

 

Titoría entre iguais - Sesión II

Continuando coa implementación do Plan Dixital de Centro confeccionado durante o curso pasado, esta semana desenvolveuse a segunda sesión de Titoría entre iguais, onde o alumnado de 3º e 4º da ESO exerceu de compañeiro/a guía de aprendizaxe ao alumnado de 5º e 6º de primaria, traballando aspectos da mellora da competencia dixital en relación á Información e datos e á Colaboración e Comunicación.

MOITAS GRAZAS AO ALUMNADO POLA SÚA BOA DISPOSICIÓN E DINÁMICA CREADA

(Facendo clic na imaxe accédese á galería de fotos da xornada)

Foto do alumnado na aula de informática

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

FP Innova 2023

O pasado venres, 24 de marzo, o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO acudiu ao FP Innova 2023 na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Na exposición puideron observar diferentes proxectos desenvolvidos en centros educativos de toda Galicia onde se cursan diferentes ciclos de Formación Profesional.

(Premendo na seguinte foto pódese acceder a imaxes da visita)

Alumnado na actividade

PLAN PROXECTA

 

Charla "Delitos e Redes Sociais"

O pasado 3 de marzo, José Antonio Ramos Vázquez, profesor Dereito Penal na Facultade de Dereito da UDC impartiu unha charla sobre “Delitos e Redes Sociais” ao alumnado da ESO.

A charla centrouse nos delitos que se poden cometer e sufrir nas redes sociais. Foi unha experiencia reveladora que lles fixo reflexionar sobre como protexerse en liña.

En primeiro lugar, é importante entender que as redes sociais son unha ferramenta poderosa que pode ter consecuencias legais moi serias.

O relator comezou falando dos delitos que se poden cometer nas redes sociais. Isto inclúe o acoso, a difamación, a suplantación de identidade e o sexting, entre outros. Explicou como estes delitos poden ter un impacto negativo na vida da vítima, e como as consecuencias poden ser graves.

Un dos delitos nos que máis incidiu a súa charla, e que tamén é dos máis comúns nas redes sociais, é o acoso ou o ciberacoso. Isto pode incluír mensaxes intimidatorias, ameazas ou insultos dirixidos a unha persoa específica. Este tipo de comportamento pode ter graves consecuencias legais, incluíndo cargos de acoso cibernético, difamación e fustrigación.

Outro delito que tamén tratou foi a difusión de imaxes íntimas sen o consentimento da persoa involucrada. Isto coñécese como "pornovenganza" e pode resultar en cargos criminais por difusión non consensuada de material sexualmente explícito.

Ademais, as redes sociais tamén poden ser utilizadas para a comisión de delitos económicos, como o roubo de identidade ou a estafa en liña. Por exemplo, alguén podería crear un perfil falso e utilizalo para enganar a outros usuarios para que compartan información persoal ou financeira.

Doutra banda, as redes sociais tamén poden ser utilizadas para difundir información falsa ou enganosa, o que pode ter consecuencias legais graves. Se alguén difunde información falsa que dana a reputación doutra persoa ou empresa, pode enfrontarse a cargos de difamación.

Por último, falou sobre o roubo de identidade e o phishing. Estes delitos poden ter un impacto financeiro na vítima, e poden ser difíciles de detectar.

Para concluír, o poñente salientou a importancia de protexer as nosas contas en liña. Suxeriu utilizar contrasinais seguros e cambialas regularmente, así como activar a autenticación de dous factores. Tamén recomendou non compartir información persoal en liña, como direccións e números de teléfono e, como aspecto importante, sinalou a importancia de denunciar os delitos en liña. Explicou que é importante informar á policía ou ás plataformas de redes sociais se somos vítimas dun delito en liña. Isto pode axudar a deter ao delincuente e evitar que se cometan máis delitos.

En resumo, a charla do profesor de dereito penal foi unha experiencia moi valiosa. Lembrou ao alumnado a importancia de ser conscientes dos riscos en liña e de tomar medidas para protexerse. Aínda que as redes sociais poden ser unha ferramenta útil para conectarnos e compartir información, tamén poden ser perigosas se non tomamos as precaucións necesarias.

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

Sendeirismo conxunto alumnado de Primaria e Secundaria

O martes 14 de febreiro, coa idea de realizar unha actividade de fomento da vida saudable de maneira conxunta entre alumnado de primaria e secundaria, desenvolveuse unha andaina con alumnado de 6º de Primaria e 3º da ESO. Esta actividade forma parte dun proxecto de vida activa e deportiva que busca incentivar a práctica de actividade física entre os estudantes.

Para empezar, o alumando de ambas as etapas educativas reuníronse na entrada do centro educativo a primeira hora da tarde para comezar a camiñada. O percorrido planeado tiña unha lonxitude de 3 quilómetros e a duración estimada era de 50 minutos.

A ruta comezou no centro educativo e pasou por un bosque próximo, onde os estudantes puideron observar diferentes especies de plantas e árbores autóctonas, como carballos e castiñeiros. Despois, continuaron a camiñata cara un outeiro próximo, onde puideron gozar dunhas vistas impresionantes da paisaxe. Durante todo o percorrido, os estudantes mostráronse moi entusiasmados e comprometidos coa actividade.

Finalmente, os estudantes chegaron de novo ao centro, onde se lles lembrou a necesidade de hidratarse e animóuselles a seguir practicando deportes e levar unha vida activa e saudable.

PLAN PROXECTA

 

Charla sobre a telefonía móbil

O xoves 9 de febreiro acuidiu ao centro Íñigo Cuiñas, Catedrático da Universidade de Vigo que dá clases na Facultade de Enxeñaría de Telcomunicacións no departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, a impartir unha charla sobre "as xeracións da telefonía móbil e a chegada do 5G".

Foi unha conferencia moi interesante e adaptado ao alumnado, no que participaron activamente dado o carácter próximo e aberto do poñente. Na charla, Íñigo Cuiñas explicou como a industria da telefonía móbil está en constante cambio e evolución, ofrecendo velocidades máis altas, novas funcións e formas máis eficientes de conectarse con amigos e familiares. Igualmente salientou que a telefonía móbil percorreu un longo camiño desde a primeira rede móbil analóxica, o Advanced Mobile Phone System (AMPS), introducida en 1983.

Nas décadas en que, a telefonía móbil pasou de analóxico a dixital, e continuou desenvolvendo e expandíndose, levando ao desenvolvemento das primeiras redes 3G en 1998. Desde entón, vimos avances rápidos na tecnoloxía, e as redes 4G foron introducidas en 2009, que ofrecen velocidades máis altas e mellor cobertura. Afirmou que hoxe estamos ao bordo da revolución 5G, que promete aumentar drasticamente a velocidade de datos e permitir maiores posibilidades na forma en que nos conectamos entre si. Espérase que as redes 5G ofrezan ata 20 gigabits por segundo en velocidades de descarga (actualmente están a 10Gb por segundo), 40 veces máis rápidas que as actuais redes 4G. Isto revolucionará a forma en que accedemos á información, con novas e amplas posibilidades na recollida e análise de datos, tempos de carga máis rápidos e conexións máis fiables.

Foi fascinante saber ata onde chegamos desde que Alexander Graham Bell inventou o seu teléfono por primeira vez en 1876. Tamén nos presentou algúns novos e interesantes desenvolvementos que son posibles grazas á tecnoloxía 5G: desde velocidades de internet máis rápidas para transmitir vídeos ou xogar xogos en liña sen tempo de atraso ata tratamentos médicos avanzados como a cirurxía remota mediante brazos robóticos conectados a través de alta velocidade, clases virtuais pero en condicións similares, tanto de espazo como de compañeiros/as, a unha clase na vida real, aplicacións á gandeiría para o control do estado dos animais, na agricultura para o seguimento das vides ou plantacións de frutais e vexetais, ...

En xeral, foi unha charla reveladora que nos permitiu coñecer tanto onde estivo a nosa industria ao longo dos seus máis de 140 anos de historia como o que se podería conseguir se todos adoptasen esta tecnoloxía de rede móbil de última xeración. Con máis países que comezan a lanzar as súas propias versións de plans de cobertura 5G a nivel nacional en múltiples operadores, parece que hai moita máis innovación por diante cando se trata de que as nosas vidas dixitais estean alimentadas por conexións de datos sen fíos .

Premendo na seguinte imaxe accédese ás fotos da xornada

Alumnado atendendo á charla

 

11F - Día da muller e a nena na ciencia

11F "Día da muller e a nena na ciencia

O pasado venres 11 de febreiro conmemoramos no centro o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Para tratar de concienciar da realidade das mulleres no ámbito das disciplinas STEAM, fixemos unha pequena exposición no centro

PLAN PROXECTA

 

Dia de Internet Segura

Con motivo da celebración do Día Mundial de Internet Segura, celebráronse diferentes talleres online organizados polo INCIBE para dar consellos sobre como configurar os dispositivos móbiles, de maneira que sexan máis seguros e correr menos riscos ante as posibles ameazas que supón a instalación e manexo de diferentes aplicacións nos distintos dispositivos que empregamos diariamente. Nesta ocasión, o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO, participou nunha sesión interactiva para maiores de 13 anos.

A sesión tivo dúas partes: unha parte inicial de exposición de diferentes recomendacións de seguridade e de resolución de tres supostos nos que, dadas unhas circunstancias que se poden dar nas redes sociais, tomar unha decisión adecuada para evitar calquera problema que puidera xurdir, e unha segunda fase na que, a través dun xogo empregando a aplicación de Kahoot, había que ir respondendo a 7 preguntas.

O que se expuxo foi que, para garantir a seguridade dos/as estudantes en internet, é importante tomar medidas para protexer as súas contas e datos. Un dos pasos máis importantes é crear contrasinais seguras. Os contrasinais deben ser longas e complexas, evitando palabras ou nomes, e non deben conter ningunha información persoal. Tamén é importante non reutilizalos nunca.

Ademais, a autenticación de dous factores (2FA) pode proporcionar unha capa adicional de seguridade para as contas. 2FA require que un usuario proporcione un contrasinal como primeiro factor e como segundo factor, xeralmente un token de seguridade ou datos biométricos. Isto garante que, incluso se un contrasinal vese comprometido, un atacante aínda terá que eludir a segunda capa de seguridade.

Finalmente, é importante que o alumnado preste atención aos axustes de privacidade nas redes sociais e comparta só información con contactos verificados e coñecidos.

Premendo na seguinte imaxe accédese ás fotos da xornada

Alumnado atendendo á charla

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

Charla sobre Drons, Imaxe aérea e Imaxe satélite

Dentro das actividades que se están a desenvolver no marco do Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC", o xoves 26 de xaneiro acudiu ao centro Fernando Martín, Doutor Enxeñeiro en Telecomunicacións, a impartir unha charla ao alumnado de 3º e 4º da ESO sobre Drons, Imaxe aérea e Imaxe satélite, que está encadrada nas charlas de divulgación científica que ofrece a Universidade de Vigo.

Resultou unha charla moi interesante na que se trataron basicamente tres aspectos:

  • DRONS: tipos, partes e lexislación aplicable aos mesmos.
  • IMAXE AÉREA: tipos de imaxes aéreas e a súa aplicación en diferentes ámbitos.
  • IMAXE SATÉLITE: características deste tipo de imaxes e uso.

Premendo na seguinte imaxe accédese ás fotos da xornada

Alumnado atendendo á charla

 

Elección do nome da aula de informática

Dentro do desenvolvemento do programa "Rapazas emprendedoras nas TIC", onde se trata de fomentar as vocacións científico-técnicas especialmente entre as rapazas, o alumnado implicado no mesmo realizou unha investigación sobre seis mulleres galegas relevantes no eido das disciplinas STEAM, para despois, proceder a unha votación entre os memboras da comunicade educativa para darlle nome á aula de informática.

As mulleres escollidas foron:

  • Ángeles Alvariño
  • Ángela Robles
  • Manuela Barreiro
  • Antonia Ferrín
  • María Josefa Wonenburger
  • Isabel Zendal

A continuación se presentan os traballos confeccionados polo alumnado. Botádelle unha ollada e despois abrirase un formulario para realizar a votación.

Ángeles Alvariño Ángela Robles Manuela Barreiro Antonia Ferrín María Josefa Wonenburger Isabel Zendal

PLAN PROXECTA

 

Actividade de escalada e visita á Casa das Ciencias

O luns 19 de decembro, e dentro dos Plans Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" e "Proxecto de Vida Activa e Deportiva", o alumnado de 3º e 4º da ESO acudiu a unha actividade de escalada no recién estreado rocódromo de Riazor. Esta actividade estivo levada polos técnicos do clube de escalada AMI, e financiada pola Deputación da Coruña.

Despois de finalizar esta primeira actividade, acudiron á Casa das Ciencias onde puideron visitar a exposición e desfrutar dunha sesión no planetario exclusivamente para eles.

Ás fotos e vídeos da xornada accédese premendo nas seguintes imaxes.

Alumnado asistente á actividade de escalada

Alumnado no rocódromo de Riazor

Máis alumnado en busca do Gato

Alumnado no Planetario

 

Titoría entre iguais - Sesión I

No proceso de implementación do Plan Dixital de Centro confeccionado durante o curso pasado, esta semana desenvolveuse a primeira sesión de Titoría entre iguais, onde o alumnado de 3º e 4º da ESO impartiu unha sesión para a mellora da competencia dixital en relación ás comunicacións dixitais.

MOITAS GRAZAS AO ALUMNADO POLO SEU ESFORZO, BOA DISPOSICIÓN E LOGROS ACADADOS

(Facendo clic na imaxe accédese á galería de fotos da xornada)

Foto do alumnado na aula de informática

PLAN PROXECTA PLAN DIXITAL

 

Visita ao CIS Tecnoloxía e Deseño

O pasado venres 22 de abril, o alumnado de 3º e 4º da ESO acudiu ao CIS Tecnoloxía e Deseño dentro do marco do programa EduTecEmprende. Alí foron recibidos pola directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, que os acompañou na súa visita.

O obxectivo desta iniciativa é motivar e sensibilizar a alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover o seu achegamamento ás áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Nesta actividade de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas búscase conseguir un maior interese por estas áreas de coñecemento e axudar a que os estudantes visualicen as profesións STEM como opcións de futuro satisfactorias.

Ao longo da visita, o grupo de estudantes visitou a Materioteca de Galicia, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos; un showroom, onde puideron experimentar en primeira persoa distintos dispositivos de realidade virtual e aumentada e introducirse na CAVE, un entorno inmersivo formado por catro pantallas de grandes dimensións, así como visitar demostradores, onde puideron probar gafas de realidade aumentada para visualizar o mantemento de distintas instalacións e gafas de realidade virtual para experimentar cun proceso de pintura/vernizado con pistola.

Facendo clic na seguinte imaxe accederase á galería de fotos da xornada

Simulador de condución no CIS

 

Charla de Verónica Bolón

Logo 8M

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER NO CPI PECALAMA

No día de hoxe, 8 de marzo de 2021, e co fin de poñer en valor ás mulleres da nosa contorna, contamos coa visita da carballesa Verónica Bolón Canedo, Enxeñeira Informática e profesora na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que imparte docencia nos graos de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría de Datos, en materias na súa maioría relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e o Aprendizaxe Máquina, a nivel de grao e posgrao.

Verónica Bolón

Verónica, doutora en Informática, conta cunha traxectoria profesional que inclúe a súa participación en numerosos congresos internacionais, e o liderazgo en diferentes traballos de fin grao e investigación no ámbito da Intelixencia Artificial.

Tivo unha estancia postdoutoral na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, e actualmente é Profesora Doutora no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC, onde está integrada no grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) do CITIC.

Traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da IA, especialmente en Aprendizaxe Máquina para Big Data, colaborando con outros grupos de investigación nacionais e europeos. É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, e numerosos artigos en congresos internacionais e revistas. Coorganizou varias sesións especiais en congresos internacionais en temas relacionados con Big Data. A súa tese doutoral recibiu o premio extraordinario de doutoramento da UDC, así como o premio á mellor proposta predoctoral (2011), mellor tese española en IA (2014) e premio Frances Allen á mellor tese en IA defendida por unha muller (2015), estes tres últimos premios outorgados pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

Desde 2018 é Secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial. Está moi comprometida co fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM. En 2020 foi elelixida nova académica de número da Academia Joven de España.

A charla, “Muller, Ciencia e Intelixencia Artificial”, xirou ó redor da escasez de mulleres no ámbito STEM, así como as posibles causas e solucións a este problema e. Ademais, amosou unha das disciplinas STEM con máis popularidade nestes días: a Intelixencia Artificial, repasando as bases e comentando algunhas das súas aplicacións a problemas reais.

Na charla, o alumnado tivo a oportunidade de “xogar” a recoñecer referentes no ámbito das STEAM, por medio dun Kahoot no que puideron participar a través dos seus dispositivos móbiles.

Foi todo un descubrimento e un placer tela entre nós.

Foto da charla 1 Foto da charla 2 Foto da charla 3

 

Visita do alumnado de 3º e 4º da ESO á USC

Visita á Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago)

Alumnado da USC

O pasado 03 de marzo, o alumnado de 3º e 4º da ESO, no marco do desenvolvemento do Plan Proxecta “Rapazas Emprendedoras nas TIC”, tiveron a oportunidade de visitar a Universidade.

Acudimos ao campus de Santiago, e, alí, alumnado titor das diferentes titulacións, apoiados polo profesorado das distintas facultades, guiáronnos nunha visita máis que interesante. Os graos escollidos polo noso alumnado foron Económicas e Empresariais, Dereito, Bioloxía, Farmacia, Enxeñaría Informática, Matemáticas, Física, Psicoloxía e Ciencias da Educación. Deles puideron coñecer, de primeira man, os plans de estudos, dun xeito global, contando coa posibilidade de entrar nos propios centros de estudo, e, mesmo nalgún caso, observar o desenvolvemento de actividades académicas en primeira persoa.

Ofrecéronnos información das características xerais de cada grao, e as vías de acceso aos mesmos, ademais dalgún que outro consello e orientación para escoller con éxito as mellores alternativas académicas.

 

Investigamos a escena dun crime na Domus

laboratorio pcr na domus (a coruña)

A actividade desenvolveuse no LABORATORIO ABERTO da Domus, un espazo para vestir a bata de laboratorio, poñerse as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan os científicos e científicas no seu día a día, desde micropipetas a centrifugadoras, pasando por axitadores, básculas, tubos e moito máis.

Laboratorio Aberto da Domus

O pasado martes 1 de febreiro o alumnado de 4º da ESO acudiu a unha experiencia teórico-práctica no laboratorio aberto da DOMUS, en A Coruña.

A sesión consistiu na investigación dunha escena dun crime. Experimentando coa técnica da PCR (reacción en cadea da polimerasa), o alumnado simulou a elaboración de perfís de ADN tal e como se realizan habitualmente nos laboratorios forenses, para tratar de confirmar ou descartar a culpabilidade dun suxeito nun asasinato.

Despois de dividirse en pequenos grupos, o alumnado traballou nas diferentes técnicas que posibilitaron a confirmación da culpabilidade dunha persoa entre catro posibles, das que se tiñan mostras de ADN.

Picade na imaxe para ver as fotos da xornada

Alumnado no laboratorio da Domus

 

11F - Día da Muller e a Nena na Ciencia

O pasado venres 11 de febreiro conmemoramos no centro o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Co fin de visibilizar a algunhas das grandes mulleres que aportaron no ámbito científico, fixemos unha exposición no centro, coa sempre incansable colaboración das nosas alumnas de 4º ESO.

Para completar a celebración deste día, o profesor da Facultade de Informática da UDC; Víctor Manuel Carneiro Díaz, ofreceunos unha conferencia na que puidemos coñecer os principais traballos de investigación que están a levar a cabo as súas alumnas de Máster en Ciberseguridade.

 

O CPI PECALAMA: ENTRE OS 20 CENTROS GALEGOS PARTICIPANTES NO PROXECTO VIAEDU

ViaEdu

O noso centro é un dos 20 seleccionados para participar nun programa piloto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade consistente na aplicación dunha ferramenta en liña de orientación vocacional. Galicia é pioneira no estado español na implantación dun programa destas características, deseñado para axudar ao alumnado na toma de decisións académicas e profesionais de xeito complementario á labor que xa veñen desempeñando os departamentos de orientación.

 A toma de decisións sobre o futuro académico e profesional é un proceso complexo que require por parte do alumnado un alto grao de autocoñecemento e tamén contar con ampla información sobre as opcións dispoñibles. A través deste programa poderán percorrer este camiño de forma organizada e guiada sempre polo departamento de orientación.

Nun contexto complexo, onde 9 de cada 10 estudantes non saben que estudar, e onde 1 de cada 3 ten que rectificar o seu itinerario ou abandonar os estudos superiores elixidos, todo o apoio que se lles pode ofrecer é de especial relevancia.

O programa constará de varias etapas:

1. Realización dunha proba de orientación vocacional a través da plataforma Viaedu, desenvolvida por profesionais da psicoloxía e a pedagoxía (alumnado de 4º ESO). Mediante diferentes probas psicopedagóxicas e unha análise personalizada de cada estudante, ofreceranse unha serie de suxestións de estudos superiores (tanto de Formación Profesional como universitarios) relacionadas co seu perfil.

2. Resposta (con carácter voluntario) por parte das familias do alumnado de 4º ESO, a unhas breves preguntas para complementar a información facilitada polos seus fillos e fillas, o que permitirá que as suxestións de titulacións que se fagan teñan en conta as circunstancias familiares

3. Envío do informe de resultados. A orientadora estará en todo momento á súa disposición para a interpretación dos resultados e apoio na investigación das opcións educativas dispoñibles

Fotos e vídeos da exposición interactiva de robótica en Infantil e Primaria

Vista xeral do ximnasio

O venres 26 de abril o alumnado implicado neste gran proxecto, despois de ter montado e programado diferentes robots na aula de tecnoloxía, fixemos unha demostración práctica e interactiva aos compañeiros/as de infantil e primaria.

Foi unha forma máis de empatizar cos profesores. Fomos un día antes para preparar e organizar o espazo e as actividades. Dividímonos en catro pequenos grupos aos cales asignamos unha tarefa. Había catro seccións:

  1. Funcionamento de programación Scratch con mBlock e un pequeno xogo, o comecocos.
  2. Ensinar o funcionamento da aplicación móbil que permitía controlar o robot.
  3. Circuíto de obstáculos bastante complexo.
  4. Carreira de velocidade con dous robots diferentes e un segue liñas automático.

Ao principio, nós rotabamos cada certo tempo pero logo, decidimos unirnos a un grupo asignado anteriormente e rotar xunto a eles. Aos máis pequenos o que máis lle gustou era escapar do robot mentres este perseguíaos e tamén poder cambiar a cor e pórlle son de animais a un panda no programa. A medida que ían chegando cursos de máis idade, os seus gustos cambiaban. Gustáballes máis poder participar eles controlándoos ou guiándoos ao seu destino.

As nosas propostas para próximas veces son: rotar cada certo tempo para non aburrirse nunha mesma sección, pero non rotar co mesmo grupo, xa que é mellor ver distintas idades e opinións; diminuír o uso das pilas ou facerlle un soporte que evite que caian se o robot vira ou envorca; organizar máis e con máis tempo os horarios; buscar máis actividades para os maiores (6º primaria e ESO) porque había seccións que eran menos atractivas para estes alumnos. Por exemplo, os da ESO xa sabían o funcionamento do programa de computador e por iso non era unha actividade interesante para eles.

A parte dos robots, tamén poderiamos introducir outras máquinas como o dron, unha máquina adaptada para o ser humano (kart) e innovacións creativas que impresionen ao alumnado deste colexio.

Pódense ver todas as imaxes e vídeos dese día aquí ou picando na imaxe do inicio.

Por Carla e Álex (4º da ESO)

Premiad@s no concurso autonómico #ApuntasTech?

Premio!!!!

Como remate ao Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC", no que participou moi activamente o alumnado de 4º da ESO, desenvolvendo un gran número de actividades e implicando a modificación da dinámica lectiva de todo o centro, presentouse a un concurso autonómica organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) un documento recollendo parte do traballo desenvolvido no proxecto, nomeadamente o relacionado co tratamento motivador da programación e a robótica no día a día das clases. Este concurso, denominado #ApuntasTech?, que coincidiu coa celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, contaba con varias categorías. O alumnado de 4º da ESO participou, en colaboración cos profesores e profesoras colaboradores no programa, na sección de centros.

Despois dunha xornada na que, a través dunha retransmisión por streaming dun diálogo con catro mulleres galegas que desempeñan profesións en ámbitos tipicamente masculinos, procedeuse á proclamación dos gañadores nos diferentes apartados. E aquí chegou a magnífica nova: PREMIAD@S!!! Ao final, gracias aos alumnos e alumnas de 4º da ESO, o centro foi premiado cun Accesit polo proxecto "Pequenos códigos para as nosas pequenas".

Accesit

Noraboa ás gañadoras e gañadores polo seu traballo, implicación e paciencia por todo o labor feito durante todo o proxecto. Moitas gracias a Sheila, Brais,Paula, Yaiza, María, Ana, Suárez, Lidia, Iria, Inés, Alba, Álex e Isma, e tamén Carla, que este día non estaba no centro e non saíu na foto.

Premiados

Rapazas emprendedoras nas TIC

Este ano, dentro do Plan Proxecta promovido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO, están a participar no programa "Rapazas emprendedoras nas TIC".

O obxectivo é promover o emprendemento nas TIC e que se coñezan realidades actuais de mulleres que desenvolven a súa actuación en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías. Ademais, tendo en conta a dinámica social actual, de cambios moi importantes cara a igualdade de oportunidades e de concienciación da equiparación de aptitudes sen importar o xénero, considérase moi interesante integrar, dende idades temperás, estes valores no alumnado, nomeadamente nas alumnas, sobre todo para promover unha idea de futuro profesional e o camiño formativo necesario para lograr esa meta.

Para acadar tal fin, estanse a desenvolver diferentes actividades, elaboradas polo alumnado participante, para promocionar o emprendemento entre as alumnas de secundaria a través das tecnoloxía da información e da comunicación e fomentar a participación activa das mulleres na creación de contidos e aplicativos coas tecnoloxías actuais. A finalidade última é tomar conciencia da igualdade de capacidade das mulleres nas disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics)

Aínda que o programa se desenvolve todo o curso académico, estableceuse un ciclo de "Muller e ciencia" entre o 11 de febreiro (Día internacional da muller e a nena na ciencia) e o 8 de marzo (Día internacional da muller) no que se realizarán as actividades que se poden ver no seguinte tríptico:

Mes da muller e a ciencia no CPI Pecalama 

Información máis detallada sobre as actividades e as fotos dos diferentes traballos se poderán ir visionando facendo clic aquí.

Plan proxecta

 O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Clica na imaxe

Distribuir contido


by Dr. Radut