Skip to Content

Charla de Verónica Bolón

Logo 8M

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER NO CPI PECALAMA

No día de hoxe, 8 de marzo de 2021, e co fin de poñer en valor ás mulleres da nosa contorna, contamos coa visita da carballesa Verónica Bolón Canedo, Enxeñeira Informática e profesora na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que imparte docencia nos graos de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría de Datos, en materias na súa maioría relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e o Aprendizaxe Máquina, a nivel de grao e posgrao.

Verónica Bolón

Verónica, doutora en Informática, conta cunha traxectoria profesional que inclúe a súa participación en numerosos congresos internacionais, e o liderazgo en diferentes traballos de fin grao e investigación no ámbito da Intelixencia Artificial.

Tivo unha estancia postdoutoral na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, e actualmente é Profesora Doutora no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC, onde está integrada no grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) do CITIC.

Traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da IA, especialmente en Aprendizaxe Máquina para Big Data, colaborando con outros grupos de investigación nacionais e europeos. É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, e numerosos artigos en congresos internacionais e revistas. Coorganizou varias sesións especiais en congresos internacionais en temas relacionados con Big Data. A súa tese doutoral recibiu o premio extraordinario de doutoramento da UDC, así como o premio á mellor proposta predoctoral (2011), mellor tese española en IA (2014) e premio Frances Allen á mellor tese en IA defendida por unha muller (2015), estes tres últimos premios outorgados pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

Desde 2018 é Secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial. Está moi comprometida co fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM. En 2020 foi elelixida nova académica de número da Academia Joven de España.

A charla, “Muller, Ciencia e Intelixencia Artificial”, xirou ó redor da escasez de mulleres no ámbito STEM, así como as posibles causas e solucións a este problema e. Ademais, amosou unha das disciplinas STEM con máis popularidade nestes días: a Intelixencia Artificial, repasando as bases e comentando algunhas das súas aplicacións a problemas reais.

Na charla, o alumnado tivo a oportunidade de “xogar” a recoñecer referentes no ámbito das STEAM, por medio dun Kahoot no que puideron participar a través dos seus dispositivos móbiles.

Foi todo un descubrimento e un placer tela entre nós.

Foto da charla 1 Foto da charla 2 Foto da charla 3

 



page | by Dr. Radut