FP Innova 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza FP Innova Galicia 2023, Congreso de Innovación na Formación Profesional, que terá lugar entre os días 22 e 24 de marzo na Cidade da Cultura de Galicia. Trátase da quinta edición dun evento que se constitúe como referente na difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia de coñecemento e da capacidade de emprender na que está imnersa a Formación Profesional de Galicia.

O horario de apertura da zona expositiva será:

  • Mércores 22 e xoves 23: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00
  • Venres 24: de 10:00 a 14:00

 

Un espazo expositivo no que conflúen a innovación e o emprendemento, a formación e a empresa

O congreso contará cunha zona expositiva de 4.100 m2, distribuída nos andares -1 e 0 do Museo Centro Gaiás, na que as persoas asistentes poderán coñecer:

A investigación e a innovación que os centros de formación profesional de Galicia están a desenvolver en colaboración con empresas e institucións, a través da visualización en directo dos 40 proxectos de innovación que se presentan e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado.
 
A innovación ligada ao emprendemento, representada nunha mostra de proxectos que o alumnado e o profesorado puxeron en marcha no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende.  
 
A experimentación en primeira persoa das novas tecnoloxías, coa participación nos obradoiros sobre hidróxeno verde, ciberseguridade, biotecnoloxía, robótica aplicada, creación de videoxogos, realidade virtual e aumentada, aplicacións móbiles ou impresión dixital, entre outros.

 

Unha magnifica ocasión para coñecer as posibilidades que ofrece a formación profesional

Unhas ensinanzas que están a formar profesionais altamente capacitados que dan resposta ás necesidades dun tecido social e económico cada vez máis tecnificado e especializado. A alta taxa de inserción laboral das persoas tituladas nestas ensinanzas (84,6%) é un claro reflexo da potencialidade da formación profesional galega.

O acceso a estes espazos ten carácter gratuíto para o público en xeral. Os centros que desexen organizar unha visita para alumnado e profesorado deberán cubrir unha solicitude de inscrición, segundo as instrucións que recibiron por correo electrónico.