AULA DA NATUREZA

O 1 de decembro os alumnos/as de 2º curso de educación primaria realizaron unha visita á AULA DA NATUREZA DO RÍO MIÑO. A través desta aula, a Concellería de Educación do Concello de Ourense tenta fomentar a participación cidadá nos aspectos relacionados co medio ambiente urbano, a través da sensibilización, formación e educación para achegar á poboación en xeral o coñecemento da realidade ambiental e así, ir creando unha maior conciencia ecolóxica capaz de colaborar cos necesarios esforzos que permanentemente hai que realizar para lograr cada día un maior equilibrio medio ambiental. 

A actividade na que participaron os nosos cativos/as día foi a seguinte: "CONCIENCIACIÓN. OS NOSOS AMIGOS, OS CANS E OS GATOS". Con ela trátase de concienciar aos máis pequenos sobre os coidados e responsabilidades que require unha mascota, valorando a importancia que teñen como animais de compañía e como fonte constante de alegría e cariño. Así como inculcar comportamentos para paliar o abandono destes animais. 

A actividade, dirixida por Luis, coordinador desta aula, contou tamén coa colaboración de Erea, voluntaria de PROGAPE que viña acompañada de dous pequenos cadeliños. PROGAPE é unha asociación protectora de animais, cuxo cometido principal é a defensa dos animais, a denuncia ante o maltrato e calquera outra acción encamiñada a conseguir o respecto e o recoñecemento dos dereitos dos animais. Este grupo é ademais o que se encarga de xestionar a "perrera" municipal de Ourense.

Erea faloulle aos cativos sobre os cans e os gatos que se atopan na "perrera" municipal (600 cans e 200 gatos) e sobre as súas condicións. Faloulles da importancia do coidado dos animais e os nenos/as faláronlle das súas mascotas e de como as coidaban. Tamén lles falou dos animais abandonados e de que podían ir coas súas familias non só para adoptar un deles senón tamén para visitalos, darlles un pouco de cariño ou pasealos nunha tarde. Indicoulles  cousas que podían levarlles e que lles eran moi necesarias: xornais vellos, cartóns, botellas de plástico...

Despois de visionar algún video sobre os animais, os nenos/as debuxaron un can ou un gato e fixeron tamén con papel a pequena carauta dunha mascota. Foi unha mañá estupenda, e os nenos/as, ademais de aprender cousas sobre as súas mascotas, pasárono xenial!!

 

(Preme nas imaxes para acceder á galería fotográfica)

Dende aquí en nome de PROGAPE pedimos a vosa axuda: visitade a perrera municipal coas vosas familias para pasar unha tarde con algún destes animais e non vos esquezades de levarlles eses materiais  que ides tirar ao lixo:  papeis, xornais, envases de plástico...

 

Powered by Drupal - Design by artinet