A BIBLIOTECA DE LIBRÍN

Visita de Pablo Nogueira

O martes 14 de xuño visitou a clase de 3ºA de primaria o mestre e escritor carballiñés Pablo Nogueira para falarnos un pouco do seu libro Nube Branca no Camiño que os nenos e nenas de 3ºA leron e sobre o que traballaron neste terceiro trimestre.

Despois dunha serie de preguntas a cargo dos nenos e nenas o escritor asinou moi amablemente cada un dos exemplares do seu libro.

 

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO COLE

 

Para conmemorar o Dia das Letras Galegas fixemos os CARTEIS SOBRE O AUTOR que xa vistes nunha entrada anterior, pero iso non foi todo.

Ao longo dalgúns días escoitabamos música en galego no patio e á volta da ponte tivemos a actividade APADRIÑAMENTO LECTOR, no que se xuntaban os distintos cursos por grupos, un curso alto cun curso baixo, para que os nenos e nenas se leran uns aos outros diferentes textos en galego.

Actividade que a todos e todas lles gustou moito.

Outra das actividades propostas foi que quen quixera trouxera unha camiseta con VERBAS EN GALEGO. 

Menuda aceptación tivo a proposta, miraras para onde miraras podías ler en galego.

Deixámovos aquí un pequeno vídeo dese día.

 

VISITA DO ESCRITOR E ILUSTRADOR MARCOS VISO

 

Outra actividade relacionada co DÍA DO LIBRO foi a visita do escritor e ilustrador MARCOS VISO, membro da nosa comunidade educativa, que achegou ás nosas aulas ao seu oficio de escritor e ilustrador.

En infantil deron renda solta á súa imaxinación seguindo as súas directrices, que se basearon no proxecto "Os vermes de seda" que están a traballar na aula .

En 3º de primaria, despois dunha pequena charla sobre a ilustración, crearon personaxes baseados en Pepa a loba, e puideron observar como os trazos e as cores dan personalidade á ilustración.

Co alumnado de 6º de primaria levouse a cabo unha charla coloquio para coñecer os pormenores do oficio de escritor e ilustrador, rematando a sesión cun debuxo feito por el e adicado a cada alumno e alumna.

Premendo na seguinte imaxe podedes ver un vídeo coas fotos do día.

Conmemoración do Día Mundial contra o Acoso Escolar

 

O 2 de maio conmemórase o Día Mundial contra o Acoso Escolar.

E no colexio queremos aportar o noso gran de area para concienciar ao alumnado da importancia que ten que eviten estas condutas.

Para iso non só temos en conta o Día da conmemoración, senón que en 5º e 6º de primaria establecemos neste trimestre a lectura de dous libros que lles axudarán a reflexionar sobre o tema, ver como se senten as dúas partes e converterse en persoas con CERO TOLERANCIA CO ACOSO ESCOLAR.

 En 5º de primaria visionaron a película WONDER coa finalidade educativa de ver como se sente un neno/nena que sofre o Acoso Escolar por parte dalgúns dos seus compañeiros/as e a posteriori están lendo o libro titulado WONDER - La historia de Julian de R. J. Palacios. Neste caso acércanse aos pensamentos do rapaz acosador.

 En 6º de primaria están lendo o libro INVISIBLE de Eloy Moreno. Este libro acércaos ao Acoso Escolar dende varios puntos de vista, para provocar neles a reflexión sobre a repercusión que ten o acoso en todas as  persoas implicadas, pero sobre todo na persoa que o sofre constantemente.

 

Agardamos que con estas lecturas, as reflexións e os debates, consigan ver o terrible que é para un rapaz ou rapaza sufrir ese acoso constante e en consecuencia evitar as condutas de acoso ao mesmo que tempo que se conciencian da importancia de denuncialo se son coñecedores dun acoso a calquera compañeiro/a.  

 

 

DÍA DO LIBRO 2022

 

 O luns celebramos o DÍA DO LIBRO.

Os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria convertéronse para a ocasión  en padriños e madriñas lectores/as para lerlles contos aos máis pequenos.

A actividade levouse a cabo en distintos lugares do patio e no salón de actos, polo que moitas zonas se converteron en fermosos espazos para a lectura.

A actividade gustoulles moito a grandes e pequenos e foi moi emotivo ver como todos e todas gozaban dese rato de lectura na que a maioría leron e escoitaron máis dun conto.

Rematado o rato da lectura tiñan en dúas zonas do colexio  libros que se expurgaron da biblioteca para que escolleran algúns e darlles unha segunda vida nos seus fogares.

Había para todos os gustos lectores polo que todos e todas atoparon algún que fose do seu interese.

Deixámosvos aquí un vídeo coas imaxes que deixou o día.

    

SEGUIMOS CO EXPURGO

Seguimos cos cambios na biblioteca. Agora xa estamos co expurgo dos libros de narrativa e ao mesmo tempos estamos adaptando a catalogación á CDU actual.

   

Expurgamos, organizamos, gardamos ata ver cal vai ser o seu uso

LIBROS EXPURGADOS PREPARADOS PARA SER APADRIÑADOS 

Libros recatalogados preparados para a pegatina protectora

 

CAMBIOS NA BIBLIOTECA

 

Neste curso decidimos reorganizar os fondos da biblioteca para facer a busca de libros máis sinxela e intuitiva e, unha vez postos a revisar os fondos, de paso tamén estamos facendo un expurgo quitando aqueles libros que xa son moi antigos ou están en mal estado.

Comezamos pola sección de consulta, na que organizamos os libros por temáticas atendendo á CDU.

Mirade que chulo nos quedou o recuncho de consulta.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet