EDLG: Actividades
O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO COLE
Para conmemorar o Dia das Letras Galegas fixemos os CARTEIS SOBRE O AUTOR que xa vistes nunha entrada anterior, pero iso non foi todo.
Ao longo dalgúns días escoitabamos música en galego no patio e á volta da ponte tivemos a actividade APADRIÑAMENTO LECTOR, no que se xuntaban os distintos cursos por grupos, un curso alto cun curso baixo, para que os nenos e nenas se leran uns aos outros diferentes textos en galego.
Actividade que a todos e todas lles gustou moito.
Outra das actividades propostas foi que quen quixera trouxera unha camiseta con VERBAS EN GALEGO.
Menuda aceptación tivo a proposta, miraras para onde miraras podías ler en galego.
Deixámovos aquí un pequeno vídeo dese día.
POEMAS DE FLORENCIO GURRIARÁN ILUSTRADOS POLO ALUMNADO DE 5ºB
Os alumnos e alumnas de 5ºB convertéronse en ilustradores para converter dous poemas de Florencio Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, en poemas ilustrados.
Deixámosvos aquí o resultado do seu traballo.
Bo traballo!!!
CARTEIS LETRAS GALEGAS
Unha das actividades que fixemos no colexio para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS foi a elaboración de carteis.
Deixámosvos aquí o resultado do traballo feito, que opinamos é espectacular.
Todos os carteis están expostos na entrada do colexio.
VISITA DO ESCRITOR E ILUSTRADOR MARCOS VISO
Outra actividade relacionada co DÍA DO LIBRO foi a visita do escritor e ilustrador MARCOS VISO, membro da nosa comunidade educativa, que achegou ás nosas aulas ao seu oficio de escritor e ilustrador.
En infantil deron renda solta á súa imaxinación seguindo as súas directrices, que se basearon no proxecto "Os vermes de seda" que están a traballar na aula .
En 3º de primaria, despois dunha pequena charla sobre a ilustración, crearon personaxes baseados en Pepa a loba, e puideron observar como os trazos e as cores dan personalidade á ilustración.
Co alumnado de 6º de primaria levouse a cabo unha charla coloquio para coñecer os pormenores do oficio de escritor e ilustrador, rematando a sesión cun debuxo feito por el e adicado a cada alumno e alumna.
Premendo na seguinte imaxe podedes ver un vídeo coas fotos do día.
DÍA DO LIBRO 2022
O luns celebramos o DÍA DO LIBRO.
Os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria convertéronse para a ocasión en padriños e madriñas lectores/as para lerlles contos aos máis pequenos.
A actividade levouse a cabo en distintos lugares do patio e no salón de actos, polo que moitas zonas se converteron en fermosos espazos para a lectura.
A actividade gustoulles moito a grandes e pequenos e foi moi emotivo ver como todos e todas gozaban dese rato de lectura na que a maioría leron e escoitaron máis dun conto.
Rematado o rato da lectura tiñan en dúas zonas do colexio libros que se expurgaron da biblioteca para que escolleran algúns e darlles unha segunda vida nos seus fogares.
Había para todos os gustos lectores polo que todos e todas atoparon algún que fose do seu interese.
Deixámosvos aquí un vídeo coas imaxes que deixou o día.
O RATIÑO PRESUMIDO
Con motivo do Dia Internacional das Mulleres 8M, o grupo Trinketrinke teatro representou no salón de actos do colexio unha versión do conto tradicional "A ratiña presumida", no que se fomentan os estereotipos de xénero e as ideas sexistas, dun xeito diferente.
Nesta actividade, á que asistiron os alumnos e alumnas de educación infantil, dáselle a volta ao conto clásico para amosar a un ratiño -o rato Fuco- que disfruta cantando e limpando a súa casa, e para visibilizar a unhas mulleres empoderadas -neste caso animais- que non teñen ningún problema en tomar a iniciativa e propoñer elas o matrimonio ao ratiño.
O contacontos foi moi aplaudido polo alumnado e profesorado asistente, e serviunos para traballar a idea de que "todos somos iguais e podemos facer as mesmas cousas"
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- seguinte ›
- última »