Curso 2016-17

COMPADRES E COMADRES 2017

O ciclo do Entroido ourensá ten varias datas sinaladas, entre elas os xoves de compadres e os xoves de comadres. Trátase dunha simbólica loita de sexos na que os mecos ou bonecos "os compadres" e "as comadres" son os protagonistas. Uns días antes aos xoves de compadres e comadres, as mulleres realizan uns bonecos chamados "compadres" con figura de home ao que tratan de ridiculizar con roupas chamativas ou "cursis" para provocar o enfado destes. Pola súa banda, os homes realizan "as comadres", tratando de ridiculizar ás mulleres na boneca que confeccionan.

O xoves chamado de compadres, os homes corren detrás das mulleres para arrebar e destrozar os bonecos (os compadres) que realizaran previamente estas. E o xoves de comadres, ao revés ca o xoves anterior, as mulleres corren detrás dos homes para arrebatar as bonecas (as comadres) que confeccionaron eles. 

Este curso no centro participamos nesta actividade que trata de contribuír á conservación das nosas tradicións dunha maneira lúdica e pedagóxica. A actividade foi organizada polo Concello de Ourense. Así o martes, 21 de febreiro, os alumnos e alumnas de 2º de primaria participaron no centro nun obradoiro destinado a confección de compadres e comadres. O obradoiro foi impartido por Sabela Gago e Flor Figueiroa que lles ensinaron aos nenos e as nenas a realizar os seus respectivos mecos. Foron feitos con materiais de refugallo: papeis de xornais, las, fíos, anacos de papel de todo tipo, botóns, lazos ... como podedes ver na presentación seguinte resultaron moi vistosos e chamativos. 

 

O obradoiro completouse coa asistencia ao propio xoves de comadres que se celebrou o 23 de febreiro na Praza Maior de Ourense. Alí acudiron xunto con varios colexios da cidade e participaron na carreira na que as nenas trataron de destrozar as bonecas realizados polos nenos. Os nenos e as nenas correron e disfrutaron con esta actividade tradicional e ao mesmo tempo lúdica e divertida.  

Nos medios de comunicación foi nova, tanto a celebración do obradoiro:

- La Región (edición dixital)  21-2-2017 (información da celebración do obradoiro no centro)

- La Región (edición dixital) 21-2-2017 (fotos do obradoiro) 

- 13 minutos novas

 - Edición impresa do xornal LA REGIÓN: 

(Aitor e Yoel mostrando as comadres que confeccionaron)

 Coma a celebración do xoves de comadres na Praza Maior de Ourense:

- LA REGIÓN (edición dixital) 23-2-2017 

- La REGIÓN (edición impresa) - suplemento VIDA 26-02-2017

 

- TELEMIÑO (informativos 23-2-2017):

 

Premendo no seguinte enlace podedes visualizar a información ofrecida o propio día da celebración pola Televisión de Galicia e ollar un vídeo no que entrevistan aos nosos alumnos: Brais, Sabela, André e Erika...

    -INFORMATIVOS 

 

 

SANDRA E MEIROL EN XISTRALIA

O día 13 de febreiro  os alumnos de 3º e 4º de primaria asistiron no Auditorio Municipal á representación da obra "Sandra e Meirol en Xistralia", unha mestura de música popular e teatro en galego dirixida polos Gaiteiros da Xistra.

A obra ten como protagonista a Sandra que comeza unha aventura polas terras de Xistralia (un país situado entre o sur de Galicia e o Alto Minho portugués). O caracol Meirol acompañaraá nunha viaxe chea de sorpresas. Os dous xogan con instrumentos musicais tradicionais e cos “Fastudos” e dannos a coñecer un mundo máxico no que incluso ten cabida Terco, o malvado dragón de dúas cabezas.Os nenos e nenas foron tamén protagonistas, cantando e bailando ao son das muiñeiras, xotas e pasacalles para liberar a Sandra que é raptada por Terco. Contemplaron tamén a danza das espadas guiados polo Centoulo e por unha Trebolada Galega.

A Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra é unha asociación sen ánimo de lucro,cuxo principal obxectivo resúmese no estudo e divulgación dos costumes, músicas e cantos e danzas do folclore tradicional e popular galego. (Se premedes na imaxe teredes máis información sobre este grupo na súa páxina web).

Os nosos alumnos divertíronse moito e entraron en contacto cos instrumentos que forman parte da musica tradicional galega e asi como cun amplio repertorio de cantigas populares tanto de Galicia como do Norte de Portugal.

 

Na cadea televisiva "Televisión de Galicia" fixéronse eco desta nova. Premede na imaxe e poderedes visualizala:

ENTROIDO 2017

Un ano máis xa temos aquí ao ENTROIDO. Atentos toda a semana ás ORDES DO MECO!!!

ENCONTRO CO AUTOR MANOLO RIVAS

O escritor galego Manuel Rivas e o seu libro Bala Perdida foron os protagonistas dunha xornada especial cos alumnos e alumnas de 5º de primaria do noso centro. 

Grazas ao Concello de Ourense, que promoveu a actividade, os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer en persoa ao escritor, escoitar as súas palabras sobre o seu libro e sobre a importancia da lectura, facerlle preguntas nunha charla-coloquio e poder conversar con el mentres lles asinaba exemplares do seu libro. 

Se queredes ter máis información sobre esta actividade tan interesante e motivadora para o alumnado, premede nas seguintes imaxes para acceder ao blog da biblioteca escolar:

   

 

VISITA AO IES 12 DE OUTUBRO

Agora que xa estamos comezando o proceso de reserva e admisión para o vindeiro curso 2017-18, os alumnos e alumnas de 6º de primaria, que rematan xa a etapa de primaria e acceden á etapa de secundaria, acudiron, acompañados polos seus pais ou nais, o pasado 7 de febreiro, ao INSTITUTO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA 12 de OUTUBRO (centro que nos corresponde por adscrición ao rematar a etapa de primaria), a unha xornada de portas abertas.

Uns días antes, membros do equipo directivo do instituto acudiron ao noso centro para manter unha reunión informativa cos pais/nais e os alumnos de 6º. Nela explicáronlles o paso á nova etapa educativa que van comezar, características, programa de estudos... e contestaron as preguntas que lles plantexaron. Para completar esta información, o seguinte paso foi visitar o instituto para coñecer in situ as instalacións. 

Ao chegar foron recibidos polos citados membros do equipo directivo que lles ensinaron as diversas dependencias do centro: as aulas de 1º de ESO, aula de música, aula de tecnoloxía, de química, de física, o laboratorio, aulas específicas das distintas ramas profesionales que se imparten no instituto: perruquería, estética, mecanizado, masaxes...

Tamén visitaron os patios cos que conta o centro e coñeceron o sistema de taquillas para gardar a súa roupa e materiais. Novamente lles foron despexadas, a eles e aos seus pais, todas as dúbidas ou aclaracións que precisaban. 

Finalmente, para rematar a xornada, que mellor que tomar un chocolate quentiño cun boliño!! que lles serviron na cafetería do centro. Unha xornada moi proveitosa que os nenos viviron con emoción ao pensar na nova etapa que comezaran o vindeiro curso. 

 

(Premede na imaxe para acceder á galería de fotos)

NA PROCURA DO PASADO

O 31 de xaneiro o alumnado de 5º e 6º de primaria, e o día 2 de febreiro o alumnado de 3º e 4º tamén de primaria, acudiron á sala de exposicións de   na Praza Maior de Ourense para participar na actividade:

«Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense», a iniciativa do MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE. 

A exposición, que permanecerá aberta ata o día 19 de febreiro, ofrece unha visión dos principais impulsores da arqueoloxía na provincia desde finais do S.XIX ata os anos 70 do S. XX.

A mostra consta de fotografías destes persoeiros e de pezas relacionadas co seu traballo.

"Na procura do pasado é un percorrido visual de décadas de traballo de investigación arqueolóxica en Ourense a través dunha selección de imaxes das persoas que a protagonizaron. Figuras insubstituíbles da nosa historia que se enfrontaron á pescuda e resolución dos interrogantes do noso pasado a través da terra, conforme ao método científico do seu tempo ou mesmo adiantándose á práctica común, nun camiño cheo de grandeza pero tamén de dificultades.

Froito do seu labor é a achega de valiosos vestixios da cultura material aos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense para a súa salvagarda e goce pola comunidade e xeracións futuras máis como elemento indispensable de reconstrución histórica".  (Sinopse extraída do cartel principal de entrada á exposición).

Marcelo Macías, Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Xaquín Lorenzo, Manuel Chamoso Lamas... son algúns dos nomes destes investigadores. Tríscele, a Cabeza de Verrón, o Guerreiro de Armeá, a Ara de Calpurnia Abana, as Estatuas Sedentes de Xinzo... son algunhas das pezas mostradas na exposición.

                 TRÍSCELE  ARA DE CALPURNIA ABANA                 ESTATUAS SEDENTES 

actividade didáctica na que participou o alumnado consistiu en simular unha escavación arqueolóxica, recoller información sobre personaxes destacados da arqueoloxía ourensá e describir unha peza das expostas na sala relacionada co seu traballo.

Os alumnos, distribuídos en equipos, acharon no terreo dividido en cuadrículas restos arqueolóxicos que retiraron con coidado e logo cubriron a ficha correspondente cos datos necesarios para catalogalos.

Na seguinte actividade, tamén por equipos, responderon un cuestionario sobre un dos personaxes destacados da arqueoloxía ourensá e fixáronse nunha peza da exposición relacionada co seu traballo . Logo houbo posta en común e cada grupo falou do seu personaxe e da súa peza.

Unha maneira lúdica de acercar a infancia á arqueoloxía.

 

ANIMACIÓN Á LECTURA

Dentro das actividades programadas polo equipo de biblioteca do centro destacan as actividades de animación á lectura e, dentro destas, as sesións de contacontos teñen un papel importante. Unhas veces son os propios nenos os que fan de contadores de historias para os compañeiros máis pequenos (normalmente alumnos de cursos superiores narran historias aos pequenos de infantil, 1º e 2º de primaria). Outras veces son os profesores os que realizan sesións especiais (ademais das que se produzan normalmente nas aulas), pero ademais, ao longo de cada curso escolar, teñen lugar sesións de contacontos coa colaboración de "contadores" de historias que se adican a esta actividade de forma profesional. 

Precisamente nos últimos días recibimos a visita no cole de dous magníficos contadores de historias: Sabela Gago e Iago López. Sabela realizou unha sesión para o alumnado de infantil e Iago realizou dúas: unha tamén para o alumnado de infantil e outra para o alumnado de 1º e 2º de primaria. 

Se queredes saber algo máis sobre estas actividades e ver toda a galería de fotos, premede no seguinte enlace para acceder ao blog da biblioteca:

A BIBLIOTECA DE LIBRÍN

 

 

PROGRAMA METEOESCOLAS: REFRÁNS E DITOS SOBRE O TEMPO

Queridas familias,

Este curso estamos aprendendo aspectos sobre a meteoroloxía dentro do Programa Meteoescolas. Nesta ocasión precisamos a vosa colaboración para que cada neno e nena aporte un ou varios refráns ou ditos relacionados co tempo. Poden vir escritos a man ou a ordenador nun folio. No cole encargarémonos de ilustralos para que formen parte dunha exposición.

A data límite de entrega será o 24 de febreiro.

 

Moitas grazas de antemán pola vosa colaboración!

DÍA DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ 2017

Ao longo das últimas semanas realizamos nas aulas actividades relacionadas coa PAZ para preparar a celebración, o 30 de xaneiro, do DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ. Este ano, como novidade, aunamos tamén esta celebración co DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL, que se conmemora o 26 de xaneiro. Deixámosvos unha mostra dos traballos realizados:

RECICLAMOS PALABRAS...

Como este curso o noso proxecto de VOZ NATURA versa sobre a reciclaxe e o aproveitamento dos recursos, os alumnos e alumnas de 5º de primaria, decidiron que tamén podíamos reciclar palabras:

Reciclar palabras contrarias á paz e pasalas por unha planta de tratamento para obter palabras renovadas, cheas de ilusión, solidariedade, comprensión...  

E así realizaron un mural sobre a RECICLAXE DE SENTIMENTOS. 

RECICLAMOS TAPÓNS...

 

 

Ademais de reciclar palabras, quixemos reciclar materiais que empregamos habitualmente e aproveitalos para realizar un mural conxunto.

Con tapóns usados tratamos de expresar neste mural os nosos desexos de paz e solidariedade e, ao mesmo tempo, lanzar unha mensaxe sobre o coidado do noso planeta e sobre o aproveitamento dos recursos. 

REALIZAMOS MANDALAS POLA PAZ E POLO COIDADO DO MEDIO AMBIENTE...

Os nenos e nenas tamén colorearon mandalas co fin de activar a nosa enerxía positiva e manifestar os nosos desexos de paz, amor, respecto, coidado.. Con elas decoraron a árbore da entrada do cole. 

No seguinte enlace podedes coñecer algo máis sobre o significado das mandalas:

 

 QUE SON AS MANDALAS? 

 

 RECORDAMOS FRASES E PERSOAS QUE LOITARON POLA PAZ...

Os nenos e nenas de 2ºB quixeron recordarnos frases famosas relacionadas coa paz que pronunciaron diferentes dirixentes internacionais, pacifistas ou artistas... A figura de Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz, foi recordada polos alumnos de 6º.

EXPRESAMOS COAS MANS E CO CORAZÓN OS NOSOS DESEXOS DE PAZ...

Os pequenos e pequenas de infantil plasmaron as súas mans pola paz do mundo e con corazóns quixeron expresar os rapaces e rapazas de 3º o significado da paz para eles...

BUSCAMOS AS CORES DA PAZ...

Alumnos e alumnas de 1º de primaria realizaron unha experiencia sobre as cores e a paz, con educadoras do grupo XARELA.

Premede no enlace ao blog de VOZ NATURA onde se explica a actividade:

BLOG VOZ NATURA 

FIXEMOS NUBES DE ETIQUETAS SOBRE A PAZ...

Alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º expresaron, a partir dun remuíño de palabras cal era para eles o significado da palabra paz, e logo plasmáronno visualmente mediante o emprego de nubes de etiquetas realizadas co ordenador. A actividade foi realizada nas tres linguas que estudamos no centro: galego, castelán e inglés. 

 

 

ELABORAMOS RECEITAS PARA A PAZ...

O equipo da biblioteca escolar e o equipo de comedor axiña se puxeron de acordo: que mellor para estas datas que facer receitas pola paz!!.

Dito e feito, xa veredes que receitas tan saborosas realizaron:

RECEITAS PARA A PAZ...

 

 E FINALMENTE BAILAMOS POLA PAZ.

E o 30 de xaneiro culminamos todas as actividades relacionadas con estas datas cun pequeno acto conxunto.

Primeiro lemos o manifesto sobre a Paz onde expresamos os nosos desexos cara un mundo pacífico e en harmonía coa natureza e logo bailamos dúas danzas:

- LA HORA DEL PLANETA (JUAN D e BEATRIZ)

- DANZA DA PAZ (MAMÁ CABRA)

PROCESO DE RESERVA DE PRAZA 2017/18

Comezamos o proceso de admisión e matrícula para o vindeiro curso 2017/2018 coa reserva de praza nos centros de adscrición. Do 1 ao 15 de febreiro os alumnos e alumnas de 6º de EP que desexen continuar os seus estudos de 1º de ESO no IES 12 DE OUTUBRO (centro ao que está adscrito o noso colexio) deben solicitar a reserva de praza. 

 A solicitude pode cubrirse manualmente, como ata agora, e presentala no noso centro. Podedes descargar o impreso no seguinte enlace: 

RESERVA DE PRAZA, CAMBIO DUN CENTRO A OUTRO AO QUE SE ESTEA ADSCRITO

 

Como principal novidade, este curso poden cumprimentarse as solicitudes de reserva de praza ou de admisión de forma electrónica a través da aplicación "admisionalumnado" que acaba de por en marcha a Consellería de Educación. Para iso tedes que acceder á seguinte páxina web:

www.edu.xunta.es/admisionalumnado 

Unha vez dentro da aplicación hai que seguir a seguinte ruta:

Solicitudes - reserva de prazas - crear solicitude de reserva

 

Recordamos  a normativa que regula o proceso de admisión e matrícula:

 DECRETO 254/2012 POLA QUE SE REGULA A ADMISIÓN DO ALUMNADO EN CENTROS DOCENTES 

 ORDE DO 12 DE MARZO DE 2013 QUE DESENVOLVE O PROCEDEMENTO PARA A ADMISIÓN DO ALUMNADO  

 ORDE DO 25 DE XANEIRO DE 2017 POLA QUE SE MODIFICA A ORDE DO 12 DE MARZO DE 2013 POLA QUE SE DESENVOLVE O PROCEDEMENTO PARA A ADMISIÓN DO ALUMNADO

(* Os alumnos e alumnas que non vaian continuar os seus estudos de secundaria no centro adscrito (IES 12 de outubro), terán que presentar solicitude de admisión no centro que desexen do 1 ao 20 de marzo)

RECORDAMOS tamén que o vindeiro 07 de febreiro os alumnos e alumnas de 6º do noso centro acudirán ao IES 12 DE OUTUBRO para coñecer in situ as instalacións. É conveniente que os acompañe algún familiar, para iso podedes utilizar o autobús que sairá ás 11:30 do colexio.  

Powered by Drupal - Design by artinet