Outras actividades

O alumnado de 5º e 6º participa nunha charla sobre a seguridade en Internet

Hoxe veunos visitar un Policía Nacional para falarnos do importante que é que teñamos coidado cando andamos na Internet.

Falounos de que hai que ter moito coidado cos datos privados que compartimos consciente e inconscientemente na rede. Que debemos crear contrasinais seguras para todas as nosas contas. 

Tamén nos falou do Ciberacoso e da importancia de informar aos adultos de confianza do que está a pasar tanto se nolo fan  a nós mesmos, como se sabemos que llo están a facer a outros.

A charla de hoxe solicítamola a través do Plan Director. E se serviu para que repensen o que fan nas redes e vaian sendo un pouco conscientes do coidado que deben ter, cremos que logramos o noso propósito.

Intenet non é malo, pero ás veces facemos un mal uso del e iso pode derivar en preocupacións e agobios.

Tede coidadiño na rede!

 

 

XORNADA DE PRIMEIROS AUXILIOS PARA 6º DE PRIMARIA

Hoxe, 18 de marzo, os alumnos e alumnas de sexto tiveron, a que posiblemente fose, a "clase" máis transcendental de todo o curso. Grazas ao Concello de Ourense, tivemos a oportunidade de contar coa experiencia de Nieves que nos ensinou como afrontar un lume na casa, que facer ante unha queimadura, como actuar cando alguén entra en parada cardíaca...

Ogallá nunca teñamos que aplicar o aprendido, pero todos rematamos coa idea clara de como salvar unha vida.

Grazas Nieves!!

 

 

Preme sobre as imaxes para velas máis grandes

TEATRO EN INGLÉS NO COLEXIO

O alumnado de 4º, 5º e 6º presenciou no colexio a obra de teatro en inglés Three Eggs, Two Birds and a King representada por On Stage Company.

Esta actividade atópase dentro das actividades escolares promocionadas por Afundación.

Unha experiencia que cremos motivadora e divertida, ademais de ser totalmente en inglés e interpretada por actores nativos.

 

SINOPSE DA OBRA: O rei abdica! Demasiado traballo, non hai volta atrás, retírase..O reino é peculiar e o trono non se hereda nin se gana no campo de batalla. Todo aquel que queira ser o próximo rei ou raíña pode pasarse por palacio e participar na competición.

Poderán Samantha Frankenstein e o seu fiel lacaio Igor facerse co trono? Será Victoria Rochefeler e a sú lexión de followers a nova raíña? Os rapaces e rapazas descubrírono nunha aventura sobre a honestidade, a importancia do xogo limpo.

 

  

  

Premendo en cada imaxe podes vela en grande

 

 

ACTIVIDADE - CONTA COA NATUREZA: INCENDIOS FORESTAIS

Esta actividade, promocionada polo Concello de Ourense, na que participou o alumnado de 3º de primaria, é unha proposta educativa e lúdica para explicar a actual situación de crise sanitaria, ambiental e social ao alumnado. Nela emprégase o conto teatralizado para abordar a temática, pois é unha ferramenta educativa moi útil que permite simplificar temas de gran complexidade e facilitar a súa comprensión. A situación actual bríndanos a gran oportunidade de repensar a nosa relación coa natureza e trasladar ese novo modelo de vida á infancia.

A través do conto os nenos e nenas participan de maneira interactiva situando nun mural diferentes seres vivos e vendo a súa problemática se algún deles ou todos faltasen. Ademais de visualizar unha serie de alimentos da horta para conciencialos dunha alimentación saudable.

 

 

 Se premes nas imaxes podes velas en grande

ENCONTROS COA AUTORA

 

 

 

 Hoxe 14 de febreiro veunos visitar  ANDREA MACEIRAS, autora do libro A FOLLA AZUL.

 

Esta actividade de ENCONTROS CO/A AUTOR/A está dentro das actividades educativas do CONCELLO  que se ofertaban para 5º de primaria.Para participar nesta actividade recibimos para cada neno/a e as profe o libro e na hora de ler aproveitamos para unha lectura conxunta do libro e así gozar en grupo das aventuras da protagonista.

 

Andrea Maceiras convidounos coa súa visita a unha pequena viaxe pola Amazonia para coñecer un pouco mellor o mundo e a tribu na que se inspirou o seu libro.  Logo deu paso ás preguntas que lle fixeron os nenos e nenas sobre a súa faceta como escritora e sobre as inquedanzas que lles xurdiron coa lectura do libro. Finalmente asinou os libros de todos e todas e puidemos facer unhas fotos de grupo con ela.

 Todos os rapaces e rapazas coincidiron en que lles gustou moito e que lles encantaría que houbese unha segunda parte.

 MOITAS GRAZAS ANDREA.

 

EMPATIZANDO COA DIVERSIDADE

 

Co gallo da celebración do DÍA DA DISCAPACIDADE realizáronse no cole unha serie de talleres da man de LIDIA e PATRICIA.

Os máis pequenos tiveron un taller de LINGUAXE DE SIGNOS para coñecer como se comunican as persoas xordas.

Os maiores puxéronse na pel dunha persoa cega. Cuns lentes comprobaron como se sentían vendo pouco ou nada, coñeceron o método BRAILLE para ler e escribir e viron os recursos que pode empregar unha persoa invidente para desprazarse.

 

OS VOLCÁNS DE 4º DE PRIMARIA

O xoves día 10 de outubro os alumnos e alumnas de cuarto de primaria levaron a cabo a construción dun volcán.

Esta iniciativa ten como obxectivo conectar ao alumnado coa triste actualidade e satisfacer a súa curiosidade con todo o relacionado co volcán da Palma.

Este proxecto levouse a cabo no patio para aproveitar o bo tempo que nos vai acompañando.

 

 

Podedes ver que ben o pasaron premendo AQUÍ

 

 

VOLVE O BASKET AND ENGLISH

 

    

 

Durante este curso volvemos contar coa actividade BASKET AND ENGLISH promovida polo Concello de Ourense e impartida por Will Ladson, xogador americano profesional que leva anos adicándose ao ensino do basket combinado coa lingua inglesa. 

 

Actividade que sempre é ben acollida polos rapaces e rapazas e coa que se pretende fomentar o exercicio físico dun deporte de equipo e o ensino da lingua inglesa de forma lúdica.

 

Un ano máis gozará desta actividade  o alumnado de 2º A e 2º B despois do xantar. Os luns tócalle a 2ºA e os venres a 2ºB.

 

ACCIÓNS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Nunha anterior entrada, informabamos que se realizarían unha serie de actividades,  na semana do 10 ao 13 de maio, organizadas pola ANPA do centro e enmarcadas dentro do plan promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento de actuacións relacionadas coa promoción da igualdade e da prevención da violencia de xénero. 

Como xa indicaramos, había dous tipos de actividades:

1- Sesións de contacontos e xogos para infantil, 1º, 2º e 3º de primaria.

2- Obradoiros de ciencia a través dos traballos e inventos de mulleres científicas, para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.

Na seguinte presentación tedes máis información e imaxes das distintas actividades:

(premede no símbolo  para pasar as distintas páxinas cara abaixo e no botón     para ver as presentacións de fotos)      

O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA

O pasado mércores, 5 de maio, os alumnos e as alumnas de 1º e 2º de primaria participaron na actividade desenvolvida no colexio  "O doce mundo do Mel de Galicia"; actividade organizada polo Consello Regulador da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Mel de Galicia, co fin de acercar aos máis pequenos o mundo das abellas e do mel.

Dunha forma didáctica e interactiva os pequenos e pequenas coñeceron o proceso que se segue para a obtención do mel, os aparellos que necesitan os apicultoress (luvas, buzo ou blusón con cabeza, espátula, cepillo, afumador...), as partes dunha colmea, os tipos de mel...

Ao rematar, todo o alumnado recibiu como agasallo, un globo, un caderno e un pequeno tarro con delicioso mel. 

Nestes enlaces tedes maìs información sobre este alimento tan saudable:

- MEL DE GALICIA

- GUÍA MEL COMO ALIMENTO 

Powered by Drupal - Design by artinet