Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

Os días 19 e 20 de abril de 2012 tiveron lugar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012, coa participación de responsables de bibliotecas de 306 centros dos 449 que conforman este programa no presente curso. En breve estarán dispoñibles os vídeos de boa parte das sesións, así como un vídeo resume das dúas xornadas.

Todos os materiais (presentacións dos diferentes relatores e informacións adicionais) están dispiñibles na aula virtual habiliada, a través desta LIGAZÓN (pódese entrar como convidado).

Julia González, responsable do CEIP Mestres Goldar (Vigo) realizou unha reportaxe fotográfica da EXPOSICIÓN DE MATERIAIS que os centros participantes achegaron e que se puido ver durante a celebración dos encontros.  

23 de abril, Día Mundial do Libro.

 

Co gallo da celebración do Día Mundial do Libro - 2012, edítase un novo marcapáxinas que inclúe, desta vez, un texto-agasallo de Agustín Fernández Paz, OS RÍOS DA VIDA, escrito para esta ocasión por un dos autores más lidos por grandes e pequenos no noso país, e recoñecido a nivel internacional.  

 

"ABRIR UN LIBRO E DEIXARSE LEVAR POLA FERVENZA DE VOCES, DE LINGUAS, DE RECENDOS, DE PAISAXES... UNHA MAXIA SECRETA E INESGOTABLE, QUE A NÓS NOS CORRESPONDE DESCUBRIR".

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

cartel dos encontrosOs vindeiros 19 e 20 de abril, o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela reunirá a 315 asistentes e estes Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012. Nesta ocasión danse cita en Santiago profesoras e profesores que coordinan os equipos de biblioteca de máis de 300 centros incluídos no programa nas últimas convocatorias (desde a 4ª á 7ª), asistindo así mesmo asesores e asesoras da Rede de formación do profesorado que colaboran neste ámbito.

Ademais das conferencias previstas (Casildo Macías, Elena Martín, Santiago Fernández, José Antonio Millán, entre outros), tamén haberá espazo para a difusión de experiencias de calidade, arredor dos proxectos interdisciplinares e as pequenas investigacións que, co apoio da biblioteca escolar e os seus recursos, permiten dotar ao alumnado de habilidades para o uso e produción da información, contribuíndo á adquisición de competencias básicas, especialmente as competencias de "tratamento da información e competencia dixital" e a de "aprender a aprender".

Abril, mes dos libros: Actividades nas bibliotecas escolares

Abril é o mes no que os libros e a lectura está máis presente, como chamada de atención sobre a importancia dunha actividade que é esencial na formación do alumnado como cidadáns activos e críticos, como estudantes eficaces, como persoas felices. A esta "festa do libro e a lectura" están chamados todos os sectores da comunidade educativa, e así o podemos comprobar nas programacións dalgunhas das bibliotecas escolares galegas:

I Encontro Lectura e Familias. "Lemos xuntos". Sanxenxo, 12/13 de abril de 2012

Un dos aspectos que é preciso contemplar no deseño desenvolvemento dos Proxectos Lectores de centro é a maneira de implicar ás familias na formación dos pequenos como lectores e lectoras competentens, e  o seu papel na adquisición dos hábitos de lectura. Son moitas as iniciativas que se levan a cabo nos centros, desde as aulas e desde as bibliotecas escolares, nese traballo conxunto  cos pais e nais, co fin sempre de poñer en valor a actividade da lectura: unha competencia fundamental para o desenvolvemento persoal, académico e social dos nenos e nenas.  

Desta vez, xúntanse vontades e profesionalidade dos equipos de biblioteca de varios centros do concello de Sanxenxo, e xunto con ANPAS, librerías e o propio Concello, botan a andar o I Encontro de Lectura e familias, LEMOS XUNTOS, que se vai celebrar os días 12 e 13 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (Pontevedra). Obradoiros para nenos e mozos, conferencias para os adultos, sesións de narración oral, lecturas públicas e recitais configuran un programa de interese, que conta coa colaboración da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Está aberto aínda o periodo de inscrición en obradoiros para os máis novos e "encontros da noite", previstos para os adultos.

Toda a información, no blogue da actividade: LEMOS XUNTOS SANXENXO. Tamén en facebook e twitter

Parabéns aos EQUIPOS DE BIBLIOTECA dos centros organizadores: IES SANXENXO, IES VILALONGA, CEIP A FLORIDA, CEIP DORRÓN, CEIP PORTONOVO, así como ao resto dos centros do concello que se sumaron á iniciativa e ás súas comunidades educativas.

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil

"Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchenos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas".

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro é o texto que Francisco Hinojosa, poeta, dramaturgo, narrador, editor e ensaísta mexicano, cedeu á IBBY para a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil 2012. Cada ano, a International Board on Books for Young People encarga a unha das súas seccións a edicíón do cartel conmemorativo deste día no que se lembra o nacemento de Hans Christian Andersen. Nesta ocasión foi a sección Mexicana quen acolleu esta iniciativa, e velaquí  tamén o cartel que elaborou para a ocasión o ilustrador deste país, Juan Gedovius.  

As datas significadas, coma esta, poden ser útiles para insistir nos beneficios da lectura, na necesidade de ofrecer ao alumnado textos de calidade que os axuden a medrar como cidadáns xustos e felices. Aínda que estas celebracións por si soas non consiguen nada, cando vaian acompañadas de actividades sistemáticas, de tempos e espazos para a lectura (na familia e na escola), e de bos libros (en papel ou en pantalla), seguramente poidamos avanzar como sociedade lectora, máis culta e máis igualitaria.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

A poesía é unha fogueira,

queimémonos nela.

Celso Emilio Ferreiro.

"Nun mundo que está en plena mutación, sacudido por unha vertixe de cambios e transformacións sociais, os poetas acompañan os movementos cívicos e atinan tanto a sacudir as conciencias polas inxustizas do mundo como a conmovelas pola súa beleza. Nós vemos tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as breves mensaxes que circulan polas redes sociais para conferir un novo alento á poesía e favorecer a creación e o intercambio de poemas ou versos capaces de dilatar a nosa relación co mundo."

Da mensaxe de Irina Bukova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2012.

As bibliotecas escolares galegas comezan a facernos chegar as crónicas das súas actividades para celebrar o Día da Poesía.

RECURSOS:

  1. LEER.ES
  2. Literalia.Tv
  3. REDE LECTURA: POESÍA  POESÍA INFANTIL  POESÍA XUVENIL

¡A poesía é o gran milagre do mundo!

Luís Pimentel

Formando usuarios da biblioteca escolar: CEIP Mestres Goldar

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de facilitar materiais que favorezan o desenvolvemento de habilidades de uso da información entre o alumnado do centro; un primeiro tramo nesa carreira de fondo que é a adquisición da competencia informacional, pasa por coñecer a biblioteca escolar e saber moverse por ela cun mínimo de seguridade, gañando así en autonomía e "aprendendo a aprender".

Velaquí un excelente exemplo, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo: un material a disposición da comunidade educativa para o traballo de competencias básicas.

 

 

Biblioteca escolar do CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), un exemplo de boas prácticas.


Co gallo da entrega dos Premios Nacionais de boas prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2010, celebrado en Madrid, na primavera de 2011, e no que se concederon 8 galardóns para bibliotecas galegas, o CEIP Quintela de Moaña foi o encargado de "ilustrar o acto"; entre outras actividades presentaron este vídeo sobre a súa biblioteca, que ben pode representar a moitas outras espalladas por toda Galicia.

Día Internacional da Muller, 8 de marzo 2012, nas bibliotecas escolares galegas.

moza lendo

(...)

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.  (...) Olga Novo

Coas palabras da poeta galega Olga Novo e unha imaxe, por fortuna moi común nos nosos centros, iniciamos unha breve recompilación dalgunhas das actividades que se levan a cabo nestes días nas bibliotecas escolares galegas, ou de materiais elaborados e difundidos por elas, para lembrar o moito que aínda queda por facer para acadar xustiza e igualdade:

Cinco impactos positivos das bibliotecas escolares no rendemento do alumnado.

A través da páxina LECTURA LAB (FGSR), coñecemos este estudo realizado a instancia do Departamento de Educación do Estado de Nova Iork en relación coa influencia das bibliotecas escolares nos resultados obtidos polos estudiantes. No estudo, realizado polo New York Comprehensive Center en 2011, obtéñense resultados que falan da importancia de apoiar ás bibliotecas escolares, dados os beneficios que proporciona a docentes e alumnos a súa presenza activa nos centros educativos.  Así por exemplo, o "primeiro impacto" do que fala o estudo afirma:

Grazas á colaboración na busca de obxectivos coherentes e a que facilitan aos estudantes o acceso á tecnoloxía, as bibliotecas escolares axudan a mellorar a efectividade dos docentes.

+ Información AQUI

24 de febreiro: Día de Rosalía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contempla, dentro do Calendario do Libro e da Lectura para o ano 2012, a data do 24 de febreiro como DÍA DE ROSALÍA, co gallo da conmemoración do nacemento da poeta. Nesta ocasión cúmprense 175 anos e á programación de actividades da FUNDACIÓN ROSALÍA, súmase nesta ocasión a proposta da AELG (Asocación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), cunha proposta ben fermosa: que agasallemos aos nosos seres queridos cun libro galego e unha flor, como unha forma festiva de lembrar a importancia da lingua (o 21 de febreiro celebrábase a instancias da UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna), e homenaxear a esta escritora fundamental das nosas Letras. A AELG abriu un blogue no que ir recollendo achegas creativas e iniciativas en relación con esta conmemoración.

Pola súa parte, as bibliotecas escolares galegas veñen celebrando xa este día con diversas actividades, todas dirixidas a lembrar os poemas de Rosalía e manter viva a súa lembranza entre os máis novos. Van chegando as propostas deste ano 2012, que iremos recollendo aquí:

Daniel Cassany: Bibliotecas escolares, cultura escrita e sociedade en rede.

Videoconferencia de Daniel Cassany para a apertura do curso Bibliotecas escolares, cultura escrita y sociedad en red (2011). Corresponde á segunda edición do curso do CAEU da OEI Diplomatura de posgrado en Bibliotecas escolares, cultura escrita y sociedad en red http://www.oei.es/postgrado_bibliotecas/


Ai, amor, amor! Hai moito amor na biblioteca escolar...

Ilustración de Pedro SeromenhoHai datas con gran presencia na sociedade do consumo que, ao igual que outros fenómenos coma o deporte de masas, por exemplo, poden servir para avanzar en habilidades de lectura, escritura e investigación. Téñeno claro os docentes que dinamizan as bibliotecas escolares galegas, que aproveitan estes días fríos de febreiro para poñer en valor a poesía amorosa... porque "aos mozos e ás mozas gústalles a poesía", inda que algúns non queiran crelo. Velaquí algunhas actividades e propostas destes días:

Espazos de lectura informal, outra forma de crear ambientes lectores no centro.

Espazo de lectura informal - CPI Manuel Suárez Marquier - O RosalÁ hora de transformar a biblioteca no centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, unha das primeiras accións é a de redistribuír os espazos e crear zonas para as distintas actividades que se poden levar a cabo na biblioteca. Cómpre estudar as posibilidades da superficie dispoñible e, cando non é moita, ver de aproveitala ao máximo e non renunciar a ningunha das zonas (lectura informal, lectura individual, traballo en pequeno grupo, gran grupo, zona de ordenadores, recuncho audiovisual para uso autónomo, exposición de novidades, zona de xestión, préstamo e atención a usuari@s, taboleiro informativo, recuncho de lectura en voz alta ou de presentación de traballos, recitais, etc.), aínda que sexa gañando "terreo colindante": corredores, zonas de paso, recunchos infrautilizados....  Cando a biblioteca dispón dun espazo amplo (coma neste caso, o CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, Pontevedra) o deseño das distintas zonas (en función tamén dos recursos dispoñibles), é esencial. Así o están facendo en moitas das bibliotecas escolares galegas, que están a innovar non só os espazos senón, especialmente, as actividades que se levan a cabo nelas e os servizos que ofrecen ás súas comunidades educativas. Estas actuacións permiten a creación de espazos atractivos, onde se pon en valor a lectura en toda a súa extensión, e o encontro "amable" cos recursos culturais e o coñecemento. Non se trata dun luxo senón dun dereito, o dereito á educación de calidade. Un bo exemplo é esta imaxe da zona de lectura informal na biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier.

VÍDEO: BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

V Certame de Matmonólogos. IES Monelos - TETRACTIS

 

Cartel V certame de matmonólogosO IES Monelos (A Coruña) e o boletín de divulgación matermática TETRACTIS, convocan o V CERTAME DE MATMONÓLOGOS, en convocatoria aberta, con distintas categorías. Poderán participar alumnos e alumnas de primaria, secundaria, bacharelato, e persoas en xeral maiores de 18 anos. Os participantes presentarán un guión cunha extensión máxima de mil palabras, en galego ou castelán. O prazo de presentación, que se fará no propio IES Monelos ou a través de correo postal, remata o 2 de maio de 2012. O 15 de maio será o acto para a defense dos monólogos, ben polo autor ou ben por un alumno do IES. As bases desta interesante iniciativa pode verse AQUÍ.

No boletín TETRACTIS podemos ver os resultados do certame anterior e coñecer os guións que foran premiados en 2011.

"Como facer un traballo monográfico". Materiais para a competencia informacional desde a biblioteca escolar.

COMO FACER UN TRABALLO MONOGRÁFICO


A biblioteca escolar do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra) elaborou esta presentación como material para aprender a realizar un traballo, destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria. Simple e ben documentada, é un material que pode ser empregado para a educación documental desde a biblioteca escolar.

Apertas pola Paz, Radio Patio pola Paz, Xogos Pacíficos, xornada de convivencia...

Apertas pola paz no IES Lagoa de AntelaÁ formación dos máis novos nunha Cultura de Paz esixe romper esquemas, rachar inercias e chamarlle ás cousas polo seu nome. As biblitoecas escolares galegas lideran nos centros iniciativas que procuran unha educación en valores sen paliativos, unha educación de cidadáns activos con capacidade para sentir, para pensar, para expresarse e actuar. Algúns exemplos de actividades levadas a cabo nesta semana a cabalo entre xaneiro e febreiro nos centros galegos:

30 de xaneiro: Día Escolar pola Paz - 2012

Unha das datas do calendario civil que máis oportunidades ofrece para a educación en valores é o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se vén celebrando o 30 de xaneiro en conmemoración da morte de Mahatma Gandhi. As bibliotecas escolares acostuman difundir listados de libros e outros materiais que poden apoiar ao profesorado no tratamento de contidos propios da cultura de Paz, tan necesaria. Velaquí algúns exemplos:

Na páxina do Seminario de Educación para a Paz pódense atopar máis informacións, materiais e propostas.

IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Spiderman e Batman na Biblioteca do IES Perdouro de BurelaNo IES PERDOURO de Burela (Lugo) deron comezo os IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña, unha cita xa ben asentada na dinámica do centro, con ampla repercusión na comarca. Estes encontros, organizados conxuntamente pola Biblioteca do centro e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, implica a todo o profesorado e alumnado do centro e conta coa colaboración do concello de Burela. Podemos ver imaxes do acto de inauguración que tivo lugar na biblioteca o día 18 de xaneiro, á hora do recreo, no blog dos encontros BANDA DESEXADA.

En palabras dos organizadores, os encontros pretenden, por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. A adquisión de moitas obras novas para os fondos da Comiteca posibilita a consulta e a lectura de calidade, o que fai que o noso alumnado mostre interese por este tipo de obras.
Ademáis das actividades programadas (obradoiros, encontros, exposicións, proxeccións de películas...), a biblioteca do IES Perdouro convoca un concurso de creación de banda deseñada, con tres categorías: ata 13 anos, de 14 a 18 anos e unha categoría aberta. Pódense consultar as BASES no blogue dos encontros. O prazo de presentación de orixinais remata o 20 de marzo de 2012.

Bibliotecas escolares de Galicia, espazos ALFIN

O portal ALFARED, dedicado á difusión de actividades relacionadas con Alfabetización Informacional, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (Secretaría de Estado de Cultura), vén de publicar un dosier monográfico sobre Alfabetización Informaciónal que inicialmente ía ser publicado na revista, tristemente desaparecida, Educación y Biblioteca. O dosier titulado "Veintitantas experiencias ALFIN y una canción esperanzada", recolle principios básicos de ALFIN y experiencias concretas en distintos ámbitos (biblioteca pública, biblioteca universitaria, biblioteca escolar). As bibliotecas escolares galegas protagonizan este último ámbito, a través do artigo Bibliotecas escolares de Galicia, espacios ALFIN poco a poco.

Ás portas do Aninovo

Todo un ano por diante para traballar polas bibliotecas escolares e a lectura. Que veñan ben dadas!!!

Clubs de lectura 2011/2012. Resolución da convocatoria

O Portal Educativo da Consellería de Educación e O.Universitaria, publica a Resolución de 30 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se adxudican contías para o funcionamento de CLUBS DE LECTURA, para o curso 2011/2012, ao abeiro da convocatoria de 1 de setembro. En total, reciben axudas 215 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de Persoas Adultas, Ensinanzas de Réxime Especial.

RESOLUCIÓN

CEIP A Lama, 1º premio nacional de boas prácticas 2011

No BOE do 20/12/11 a Secretaría de Estado de Educación fai pública a resolución do concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2011. Lembramos os centros galegos que recibiron galardón na convocatoria deste ano:

Parabéns, unha vez máis, a todas as comunidades educativas que ven recoñecidos así os seus esforzos por facer posible esas pequenas utopías que son as bibliotecas escolares. Reproducimos do BOE a explicación do primeiro premio, que resulta signnificativa:

En la modalidad a) correspondiente a los Centros de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Especial y Educación de Personas Adultas los siguientes premios:

Un primer premio dotado con 14.000 euros al centro: CEIP A Lama, de A Lama (Pontevedra), por haber convertido la biblioteca en un recurso de primer orden al servicio del currículum y del proyecto educativo del centro, favoreciendo el desarrollo de las competencias básicas a través de un espacio multimedia bien organizado, gestionado y adaptado a las necesidades de la comunidad escolar.