"Caderno de bitácora". Materiais do IES Pedras Rubias para a competencia informacional.

Desde o IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas (Pontevedra), achégannos un excelente material para traballar a competencia informacional co alumnado, froito dun Grupo de Traballo que se desenvolveu no centro ao longo do curso 2011/2012.  Segundo nos conta a responsable da  biblioteca o título que lle deron a este material está ben xustificado: A  nosa unidade trata de solucionar a educación documental dixital, a través dunha especie de "Caderno de bitácora" no que guiarse para aprender buscas na Rede, distinguir páxinas fiables, etc. En definitiva, a tan nomeada e necesaria alfabetización dixital. ACCESO a "Caderno de Bitácora". Educación documental dixital.

Selección de recursos para unha pedagoxía da igualdade e en contra da violencia de xénero. 25 de novembro

Achégase o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, e son moitas as institucións e organismos que se suman a unha dinámica de sensibilización e de formación cidadá neste ambito, cada día máis necesaria. Tamén as bibliotecas escolares seleccionan fontes informativas adaptadas ao seu alumnado, e múltiples recursos que poñen a disposición do profesorado, en apoio das actividades que desenvolven unha educación para a igualdade e a xustiza. Segundo teñamos noticia deles,  ou de actividades arredor deste día, iremos incorporándoas a esta páxina.

E tamén:


Curta sobre o acoso escolar rodada nun centro de Primaria: educando para os medios e algo máis.


Nas pasadas IV xornadas de bibliotecas escolares tivemos ocasión de coñecer experiencias de centros que están a traballar co alumnado as linguaxes audiovisuais mediante a creación de curtas, entre outras actividades. Viuse tamén, ao longo dos distintos relatorios, a urxencia por formar aos máis novos nunha "lectura crítica" dos produtos audiovisuais e dotalos de recursos para que cando se converten en "produtores" de mensaxes a través destes medios, o fagan de forma consciente e responsable. Estes días está na prensa un desafortunado caso de acoso escolar que remata co suicidio dunha mociña. E hoxe chéganos desde a biblioteca do CEIP O Ramo, de Fene, un traballo realizado no centro  no curso pasado, coa autoría do profesor José Carballido e un bo grupo de nenos e nenas, que se implican a fondo e nos lanzan unhas cantas mensaxes. Porque pode ser un complemento a algunhas lecturas que se están a ofrecer nas bibliotecas escolares, especialmente nalgúns clubs de lectura, dámoslle aquí difusión ao tempo que felicitamos aos seus autores e autoras.

IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia: LER PARA VER

Os días 9 e 10 de novembro de 2012 terán lugar, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos), as IV XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, cita anual do colectivo de profesores e profesoras comprometidos coa biblioteca escolar e a lectura nos centros públicos galegos. Logo da paréntese de 2011 (ocasionada pola celebración, nas datas acostumadas, do que fora o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, con carácter estatal), reanúdase unha actividade que, con periodicidade anual, combinando a fórmula xornadas/encontros, vén reunindo a máis de mil docentes en Compostela, preocupados por mellorar a súa formación en todo o relacionado coa lectura na actual sociedade da información, así como as estratexias necesarias para unha axeitada educación neste terreo, pois as bibliotecas escolares son territorios privilexiados para adquirir competencias imprescindibles para moverse polo mundo da información, son centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, fundamentais en colexios e institutos.

O lema destas xornadas, LER PARA VER, recolle a necesidade de educar para unha lectura comprensiva e crítica dos medios de comunicación, dos medios polos que se transmite información na sociedade actual, máis aló de soportes ou xéneros discursivos. No programa contémplanse conferencias plenarias (Fabio Tropea, Tíscar Lara, Luis González) e mesas de experiencias, coa participación de expertos en distintos medios, relacionándoos coa educación (prensa, radio, cómic, videoxogos, arte, audiovisuais, vídeo, cine, animación....) e responsables de bibliotecas escolares con boas prácticas nestes ámbitos.

Está aberto o prazo para a inscrición nesta xornada de formación (12 horas), na aplicación FPROFE, con data límite do 12 de outubro. O código da actividade é G1202009, e atópase aloxada nas actividades do Plan Anual de formación do profesorado 12/13, do CAFI-Santiago. É unha actividade organizada conxuntamente por este organismo, dependente do Servizo de Formación do Profesorado, e pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Libros sobre bibliotecas: "Erase una biblioteca".

Co gallo da celebración do Día da Biblioteca, o pasado 24 de outubro, a Biblioteca Civican Pamplona edita unha completísima guía de lectura titulada ÉRASE UNA BIBLIOTECA, con títulos de libros e películas que teñen como protagonista a biblioteca e os libros.

Esta biblioteca edita interesantes guías de lectura, todas elas dispoñibles a través da súa páxina web; un material de gran axuda á hora de seleccionar materiais para a biblioteca escolar.

Caderno informativo 2012/2013

Publícase en formato pdf un CADERNO INFORMATIVO 2012/2013 coa relación de todos os centros integrados actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, xunto con outras informacións de interese: blogues de bibliotecas escolares galegas, blogues dos clubs de lectura, orientacións sobre o modelo de biblioteca escolar, pautas para a actualización da colección da biblioteca, informacións relacionadas co Proxecto Lector de Centro, propostas da consellería en relación con bibliotecas escolares e lectura, materiais a disposición dos centros para o fomento da lectura, bibliografía e recursos dixitais en relación coas bibliotecas escolares, a alfabetización informacional ou o fomento da lectura... (Trátase dun documento en revisión que se actualizará periódicamente).

Outubro, mes da biblioteca escolar. 24 de outubro: Día da Biblioteca.

   

   

Desde hai algúns anos, a IASL vén instando á celebración do "mes da biblioteca escolar" (anteriormente, Día da biblioteca escolar no cuarto luns de outubro) co fin de difundir as posibilidades deste tipo de bibliotecas e a súa potencialidade como factor de calidade do ensino nos centros.  Desde os inicios, a Asesoría de bibliotecas escolares apoiou esta iniciativa internacional cunha chamada á realización de actividades que servisen para facer visible a biblioteca nos centros.  O lema deste ano é A biblioteca escolar, unha chave para o pasado, o presente e o futuro.

Desde 2008, a Consellería de Educación vén editando, a comezos de cada curso escolar, un cartel para difundir o modelo de biblioteca escolar polo que se está a traballar, uníndose desta forma á celebración do Día da biblioteca (24 de outubro), no convencemento de que, aínda sendo unha biblioteca específica (cunha misión clara dentro do centro educativo, e uns servizos e actividades acordes á súa definición como "centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe"), non deixa de ser unha BIBLIOTECA; máis aínda, é a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país: todos os nenos e todos os mozos teñen no seu centro (ou deberían ter) unha biblioteca escolar.

Galicia conta, desde hai pouco (Lei 5/2012, do 15 de xuño), cunha Lei de Bibliotecas de Galicia que contempla a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.

"Contidos educativos dixitais: un mundo en pezas e para facer"


Conferencia do profesor Antonio Rodríguez de las Heras no Congreso Nacional sobre Contenidos Educativos Digitales, celebrado os pasados 4, 5 e 6 de outubro en Mérida. Cómpre escoitar con atención as recomendacións deste investigador do mundo dixital e defensor das Humanidades, e facer das nosas bibliotecas escolares, en tanto que centros de recursos da información, uns espazos eficaces que contribúan a racionalizar as actividades e as prácticas que se levan a cabo no centro, sabendo cales son as dificultades ás que se enfronta o noso alumnado, ás que nos enfrontamos como educadores.

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2012/2013

 

O DOG publica hoxe, 26 de setembro, a resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013. Son xa 504 centros os que integran esta Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, espazos imprescindibles para a lectura, a información e a aprendizaxe.

Biblioteca escolar, acelerador de innovación

As bibliotecas escolares galegas viviron importantes transformacións nos últimos anos, grazas ao esforzo conxunto de comunidades educativas e administración, nunha tarefa que ten como finalidade ofrecer máis e mellores instrumentos ao alumnado para a súa formación académica e persoal. Estas transformacións non foron só físicas (moito profesorado afirma que a biblioteca é o espazo máis fermoso do seu centro); o cambio máis importante é o que se produce no centro educativo cando a biblioteca se activa, porque arredor das súas propostas e dos seus recursos, da actividade que xenera e os apoios que presta, botan a andar (ou cobran forza, asentándose) dinámicas de traballo diferente, prácticas pedagóxicas máis activas, propostas máis colaborativas, proxectos ilusionantes que axudan a construír coñecemento e a construír comunidade tamén. As bibliotecas, ao renovarse e activarse, confírmanse como aceleradores de innovación, de innovación educativa.

Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que chegará aos centros en datas próximas. Nesta ocasión, a ilustración correspondeu ao creador galego Andrés Meixide,  que vén sumarse así aos ilustradores que teñen colaborado con esta consellería no obxectivo de difundir as posibilidades da biblioteca escolar (Manuel Mariño/2008, Miguelanxo Prado/2009, Marina Seoane/2010, Emma Ríos/2011)

Comunicación presentada no Congreso Iberoamericano de las lenguas en la Educación y la Cultura-IV congreso Leer.es (Salamanca, 5/7 de setembro de 2012)

Biblioteca e comunidade escolar

Comeza un novo ano escolar e as bibliotecas prepáranse para recibir ao alumnado; moitas delas, contemplan nos seus programas, tamén, actividades para as familias, nese intento (sempre ben recibido) de involucrar a nais e pais na formación dos novos lectores.

Neste DÍPTICO, Biblioteca e comunidade escolar, sinálanse algunhas das actividades máis frecuentes e que mellor resultado veñen dando desde hai anos, pois poñen en valor os libros, a lectura e o acceso ao coñecemento; facilitan orientación a nais e pais nestes temas; posibilitan a súa colaboración; aproveitan o entusiasmo e o bo facer daquelas familias que queren contribuír á construción dunha escola máis aberta e mellor para os seus fillos e fillas.

+ Información sobre MOCHILAS VIAXEIRAS  RECUNCHO PARA PAIS

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2012/2013

Club de lectura. IES Leiras Pulpeiro. LugoO Portal Educativo publica hoxe, 4 de setembro, a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura, para o curso 2012/2013, en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Esta iniciativa está encadrada no programa HORA DE LER para o fomento da lectura en centros de ensino, integrando á súa vez no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de outubro.

+ información AQUÍ

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013.

O Portal Educativo publica hoxe, 11 de xullo, a resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013, segundo o contemplado no punto 7 da orde de convocatoria. Esta resolución relaciona os centros que se incorporan a este programa no vindeiro curso. A resolución definitiva, que se publicará posteriormente no DOG, recollerá a totalidade dos centros que estarán incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares no vindeiro curso 2012/2013.

O prazo para a presentación das posibles alegacións remata o luns 16 de xullo. Esta relación inicial poderase ampliar no caso de producírense máis baixas ou renuncias.

Vídeo resume da V Xornada dos Clubs de Lectura


Xornada Clubs de Lectura 9 de Xuño - HD 1080p from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

O pasado 9 de xuño celebrouse en Compostela a V Xornada dos Clubs de Lectura, con asistencia dos profesores que coordinan os clubs de lectura nos 215 centros públicos de ensino secundario de Galicia e que contaron con axudas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o funcionamento dun club durante o curso que agora remata. Os clubs de lectrua son unha iniciativa integrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.

Esta actividade de formación para o profesorado implicado, reuníu nesta ocasión tamén a unha boa representación de alumnos e alumnas que integran os clubs de lectura, xunto cunha pequena representación de nais, pais ou persoal non docente, que forman parte dos grupos de lectura de adultos, presentes nalgúns centros. A través deste vídeo podemos coñecer algo do que alí pasou. 

Todos os vídeos das sesións plenarias, así como outros materiais e informacións, están dispoñibles AQUÍ (entrar como convidado)

Unha despedida do curso alegre... que comeza na biblioteca


No CEIP de Bandeira (Bandeira-Silleda, Pontevedra) despediron o curso con este alegre lipdub, froito do traballo de todo o centro, coordinado polo ENDLG e o Departamento de Música. Parabéns a toda a comunidade educativa! Esta vez, como  tantas outras, as cousas bonitas comezan na biblioteca....

Préstamo para o verán nas bibliotecas escolares galegas. Será por libros!!!

libros para o verán. IES As Mariñas - BetanzosDesde hai varios anos, algunhas bibliotecas escolares ofrecen préstamos especiais para o verán ao conxunto da comunidade educativa. Alumnado, familias, profesorado, persoal non docente... teñen acceso a lotes de libros para acompañar o período de vacacións. Na imaxe, a biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos, un dos centros pioneiros neste tipo de actividades (préstamos dun máximo de dez títulos por lector ou lectora). Pero hai moitos outros:

Lectura para o verán 2012: As bibliotecas escolares galegas recomendan...

Participante na V Xornada dos Clubs de LecturaComezan a chegar as guías de lectura e recomendacións elaboradas polas bibliotecas escolares galegas para este verán. Unha morea de títulos nos que escoller, madialeva!

V Xornada de Clubs de Lectura

 
Por V ano consecutivo convócase a Xornada dos Clubs de Lectura, destinada ao intercambio de experiencias e á formación do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 215 centros públicos de ensino secundario de toda Galicia, con apoio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través do seu programa HORA DE LER e da convocatoria anual de axudas.
Ademais do profesorado, nesta V Xornada de Clubs de Lectura vai participar tamén alumnado integrante de clubs de distintos puntos de Galicia, así como pais e nais que forman parte dos grupos de lectura de adultos existentes nun 25% dos centros con club de lectura. Será ocasión para o intercambio de experiencias de lectores de distintas idades e intereses. O programa inclúe conferencias, mesas de debate, reunións por perfís de asistentes, e obradoiros para os mozos e mozas.
Esta actividade está cofinanciada polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, en virtude do convenio de colaboración asinado en 2011 para o programa Leer para aprender.

 

 

A biblioteca do IES Salvador de Madariaga (a Coruña), de onte a hoxe.


O IES Salvador de Madariaga, de A Coruña, leva algúns anos intentando mudar a súa biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, actualizado, atractivo e útil para o seu alumnado. O proceso, que nunca remata, foi longo e non foi doado. Non hai máis que ver o vídeo para darse conta do labor que tiveron que enfrontar. É un exemplo dos procesos de transformación que están vivindo as bibliotecas escolares galegas, pero é sobre todo un exemplo (outros houbo xa, afortunadamente) de intervención na que os protagonistas son o profesorado e o alumnado. Vontade de mudar as cousas é o que transmiten esas imaxes, vontade de mellorar e de acadar un espazo educativo de primeiro nivel. Parabéns a toda a comunidade educativa, principalmente ás persoas que o fixeron posible.

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012


Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012, celebrados en Santiago de Compostela os días 19 e 20 de abril, coa asistencia de responsables ou membros dos equipos de bibliotecas incluídas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (nesta ocasión, centros que se integraron nas catro últimas convocatorias). Para a organización desta actividade de formación, no contexto do Plan de mellora de bibliotecas escolares, contouse con financiación do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en virtude dos convenios de colaboración nesta materia.

Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade

Segundo se achega a data do 17 de maio vanse multiplicando as actividades nos centros educativos, a maioría das veces froito da colaboración entre os equipos de Biblioteca, Normalización Lingüística e TIC, un bo exemplo de que a integración dos distintos programas existentes no centro é o camiño a seguir.

Boa mostra disto son os materiais que recolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística no repositorio de actividades sobre a figura de VALENTÍN PAZ ANDRADE co gallo da celebración do Día das Letras 2012, e que a meirande parte corresponde a actividades xurdidas de programacións conxuntas en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña), CEIP A Ponte (Lugo), CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), CPI José García García (Ourense), CEIP Nosa Sra. de Xuvencos (Boborás, Ourense), CEIP de Rebordáns (Tui, Pontevedra), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Deste último centro é o libro interactivo sobre Valentín Paz Andrade da imaxe.

Preparando as Letras Galegas 2012


As mozas e os mozos do CPI dos Dices (Rois, A Coruña) están a traballar xa coa figura de Valentín Paz Andrade, preparando motores para a celebración do Día das Letras Galegas, e ofrecéndonos un documento excelente para achegarnos desde as aulas a este personaxe da cutlura galega. Parabéns a este grupo de "reporteiros" e ao profesorado que os estimula e guía,  polo seu traballo.

É obvio o gran traballo de documentación que hai detrás deste "informativo". E detrás, está tamén, de forma evidente, unha biblioteca escolar como centro de recursos para a  información e a aprendizaxe.

Velaquí outros traballos e actividades en distintos centros:

Publicada no DOG a Orde de convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013

O DOG do 7 de maio fai pública a ORDE do 26 de abril de 2012 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitsaria, para o curso 2012/2013.

Seleccionaranse 55 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna, en tempo e forma,  e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 11/12. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares (Addenda 2010), un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, asinado en 2006.

O prazo de presentación de solicitudes é de UN MES a partir da data de publicación, sendo a data límite o 7 DE XUÑO.

Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes? Versión en galego.

O Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (entonces Ministerio de Educación), en colaboración coa Fundación Germán Sánchez Ruipérez, publicaba en 2011 Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?, unha ferramenta para a autoavaliación das bibliotecas, elaborada por Inés Miret, Mónica Baró, Teresa Mañá e Inmaculada Vellosillo, co asesoramento metodolóxico de Elena Martín e a coordinación de Luis González, da FGSR.

Esta guía para a autoavaliación  resulta un instrumento a favor da biblioteca escolar, pois contempla de forma moi específica a función destas bibliotecas como apoio ao currículo no seu conxunto, e desenvolve todos e cada un dos aspectos que deben terse en conta para facilitar a existencia dun auténtico recurso educativo, que actúe como elemento estratéxico ao servizo da calidade da ensinanza e da autonomía na aprendizaxe. Permite avaliar, entre outras, a contribución da biblioteca á adquisición de competencias básicas contempladas nos currículos vixentes, un dos comentidos fundamentas para as actuais bibliotecas.

As comunidades educativas poden atopar nesta guía de autoavaliación unha ferramenta flexible e  de gran utilidade para coñcer o uso que se fai da súa biblioteca e o impacto que ten nas prácticas de fomento da lectura e de tratamento do currículo no centro, máis aló de indicadores como o equipamento ou o número de volumes que alberga.

Dado o interese deste material de apoio ás bibliotecas escolares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tramitou diante das institucións responsables a oportuna autorización para a súa publicación en galego. Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na tradución,  preséntase agora esta versión galega da guía, en edición conxunta do ministerio e a FGSR: BIBLIOTECAS ESCOLARES ¿ENTRE INTERROGANTES? FERRAMENTA DE AUTOAVALIACIÓN. Preguntas e indicadores para mellorar a biblioteca.

Vaia desde aquí o noso agradecemento a todas as persoas que traballaron en tempo record para que esta guía estivese lista para a súa presentación nos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012, así como á Fundación Germán Sánches Ruipérez e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, pola súa inestimable colaboración.