Proxecto Lector de Centro - Recursos

Xeometría cálida no IES Sánchez Cantón

 

A biblioteca escolar é un espazo de ciencia e para a ciencia (como o foi sempre), máis alá de preconceptos e esquemas restrictivos aínda presentes nalgún profesorado. As novas bibliotecas escolares amosan esta realidade cada vez que poñen en marcha ou apoian proxectos do ámbito das ciencias. E cando a biblioteca escolar e o Departamento de Matemáticas se aúnan poden dar lugar a proxectos tan fermosos coma este: XEOMETRÍA CÁLIDA, proposta do profesor Manuel Cortegoso, do Departamento de Matemáticas do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, que recibe o apoio total e entusiasta do equipo de biblioteca. Os traballos realizáronse durante todo o curso no espazo da biblioteca escolar, en horas de titoría, con alumnado de 4º curso de ESO. Afirma a responsable da biblioteca, Charo Sánchez: "É tamén un traballo de equipo porque cando traballamos xuntos os proxectos tenden a mellorar". O vestíbulo do centro acolle a exposición dos traballos elaborados polo alumnado, e nós podemos acceder a través desta exposición virutal. Parabéns!!

Roberto Vidal Bolaño: o teatro protagoniza as Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño, autor, director, actor e escenógrafo, entre outras mil actividades que levou a cabo; home de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral. El mesmo defíníase como "un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas."

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa o seu labor de sensibilización, información e apoio ao profesorado dos seus respectivos centros, co fin de que o alumnado coñeza e goce da obra deste autor e procurando, tamén, que aprendan a amar a través das actividades, un xénero literario e unha expresión cultural esencial para unha sociedade democrática e unha poboación culta. Seleccóns de recursos, propostas de actividades, materiais para a busca documental, iniciativas para espertar o gusto polo teatro, comezan a difundirse. Velaquí algúns exemplos:

Outros recursos dispoñibles:

- Seminario Galán (Seminario Permanente do CEIP Galan, Oseiro-Arteixo): Roberto Vidal Bolaño

Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade

Segundo se achega a data do 17 de maio vanse multiplicando as actividades nos centros educativos, a maioría das veces froito da colaboración entre os equipos de Biblioteca, Normalización Lingüística e TIC, un bo exemplo de que a integración dos distintos programas existentes no centro é o camiño a seguir.

Boa mostra disto son os materiais que recolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística no repositorio de actividades sobre a figura de VALENTÍN PAZ ANDRADE co gallo da celebración do Día das Letras 2012, e que a meirande parte corresponde a actividades xurdidas de programacións conxuntas en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña), CEIP A Ponte (Lugo), CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), CPI José García García (Ourense), CEIP Nosa Sra. de Xuvencos (Boborás, Ourense), CEIP de Rebordáns (Tui, Pontevedra), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Deste último centro é o libro interactivo sobre Valentín Paz Andrade da imaxe.

I Encontro Lectura e Familias. "Lemos xuntos". Sanxenxo, 12/13 de abril de 2012

Un dos aspectos que é preciso contemplar no deseño desenvolvemento dos Proxectos Lectores de centro é a maneira de implicar ás familias na formación dos pequenos como lectores e lectoras competentens, e  o seu papel na adquisición dos hábitos de lectura. Son moitas as iniciativas que se levan a cabo nos centros, desde as aulas e desde as bibliotecas escolares, nese traballo conxunto  cos pais e nais, co fin sempre de poñer en valor a actividade da lectura: unha competencia fundamental para o desenvolvemento persoal, académico e social dos nenos e nenas.  

Desta vez, xúntanse vontades e profesionalidade dos equipos de biblioteca de varios centros do concello de Sanxenxo, e xunto con ANPAS, librerías e o propio Concello, botan a andar o I Encontro de Lectura e familias, LEMOS XUNTOS, que se vai celebrar os días 12 e 13 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (Pontevedra). Obradoiros para nenos e mozos, conferencias para os adultos, sesións de narración oral, lecturas públicas e recitais configuran un programa de interese, que conta coa colaboración da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Está aberto aínda o periodo de inscrición en obradoiros para os máis novos e "encontros da noite", previstos para os adultos.

Toda a información, no blogue da actividade: LEMOS XUNTOS SANXENXO. Tamén en facebook e twitter

Parabéns aos EQUIPOS DE BIBLIOTECA dos centros organizadores: IES SANXENXO, IES VILALONGA, CEIP A FLORIDA, CEIP DORRÓN, CEIP PORTONOVO, así como ao resto dos centros do concello que se sumaron á iniciativa e ás súas comunidades educativas.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

A poesía é unha fogueira,

queimémonos nela.

Celso Emilio Ferreiro.

"Nun mundo que está en plena mutación, sacudido por unha vertixe de cambios e transformacións sociais, os poetas acompañan os movementos cívicos e atinan tanto a sacudir as conciencias polas inxustizas do mundo como a conmovelas pola súa beleza. Nós vemos tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as breves mensaxes que circulan polas redes sociais para conferir un novo alento á poesía e favorecer a creación e o intercambio de poemas ou versos capaces de dilatar a nosa relación co mundo."

Da mensaxe de Irina Bukova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2012.

As bibliotecas escolares galegas comezan a facernos chegar as crónicas das súas actividades para celebrar o Día da Poesía.

RECURSOS:

  1. LEER.ES
  2. Literalia.Tv
  3. REDE LECTURA: POESÍA  POESÍA INFANTIL  POESÍA XUVENIL

¡A poesía é o gran milagre do mundo!

Luís Pimentel

Formando usuarios da biblioteca escolar: CEIP Mestres Goldar

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de facilitar materiais que favorezan o desenvolvemento de habilidades de uso da información entre o alumnado do centro; un primeiro tramo nesa carreira de fondo que é a adquisición da competencia informacional, pasa por coñecer a biblioteca escolar e saber moverse por ela cun mínimo de seguridade, gañando así en autonomía e "aprendendo a aprender".

Velaquí un excelente exemplo, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo: un material a disposición da comunidade educativa para o traballo de competencias básicas.

 

 

Día Internacional da Muller, 8 de marzo 2012, nas bibliotecas escolares galegas.

moza lendo

(...)

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.  (...) Olga Novo

Coas palabras da poeta galega Olga Novo e unha imaxe, por fortuna moi común nos nosos centros, iniciamos unha breve recompilación dalgunhas das actividades que se levan a cabo nestes días nas bibliotecas escolares galegas, ou de materiais elaborados e difundidos por elas, para lembrar o moito que aínda queda por facer para acadar xustiza e igualdade:

Recomendacións de lecturas matemáticas

cartel IV Certame Matmonólogos - IES Monelos

 

O IES MONELOS de a Coruña publica un boletín de divulgación matemática, TETRACTIS, no que podemos acceder, ademais de moitas outras propostas de interese, a unha relación de lecturas recomendadas arredor das matemáticas.

Salienta, así mesmo, a convocatoria do IV Certame de Matmonólogos, de participación aberta, establecéndose varias categorías e cun prazo de presentación de guións que remata o 28 de abril. Está publicada en Tetractis a información sobre as pasadas edicións.

 

Formulario 2010 para analizar a biblioteca escolar e a súa integración no centro

Cuestionario actualizado para a análise da situación da biblioteca escolar do centro. É unha ferramenta útil para descubrir o papel que a bibliote está a xogar na dinámica pedágoxica e cultural da vida do centro.

CUESTIONARIO

Letras Galegas 2010, ou cando Uxío Novoneyra visitou as bibliotecas escolares.

Andan os versos de Uxío Novoneyra nos beizos da rapazada, pendurando dos muros e das fiestras... enchendo espazos virtuais e reais dos centros educativos galegos. Comezara xa en xaneiro, cando o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo) difundira o seu fermoso calendario do ano Novoneyra. Posteriormente foron chegando propostas de traballo e materiais moi diversos sobre a obra de Uxío Novoneyra e, a partir dela, actividades para o tratamento de distintos contidos curriculares e, ao tempo, formación das competencias no uso, tratamento e produción de información (ALFIN). As bibliotecas escolares apoiando os programas e proxectos do centro (entre eles, o Proxecto lingüístico), unha das súas principais funcións. A título de exemplo, pódense consultar as seguintes:

Itinerarios lectores no IES de Catabois (Ferrol)

O profesorado responsable das bibliotecas escolares descansa daquela maneira... Chéganos noticia desde o IES de Catabois, en Ferrol, sobre o seu Proxecto Lector de Centro. O blogue da biblioteca enlaza a outros blogues dos diferentes departamentos, nos que se recollen pautas para o tratamento da lectura e o desenvolvemento do Proxecto Lector na área correspondente, así como os itinerarios lectores, ou libros especialmente recomendados por cada un destes departamentos.

  1. Matemáticas
  2. Plástica
  3. Tecnoloxía
  4. Música

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

Día das Matemáticas e lecturas

O 12 de maio celébrase o Día das Matemáticas. Desde a Biblioteca do IES Auga la Laxe, achégannos unha interesante selección de títulos relacionados con esta materia.

A páxina da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) inclúe, entre outros recursos, varias actividades específicas para este día, que son todos os do ano; entre elas, unha conferencia sobre a cidade e as matemáticas do profesor Jose María Sorando.

Itinerarios lectores no IES de Fene

Coa colaboración do equipo docente, a Biblioteca escolar do IES de Fene, no contexto do desenvolvemento do proxecto lector de centro e do seu amplo programa de actuacións,  está a publicar uns "itinerarios lectores", seleccións de títulos por materias, de coidada factura e gran interese. Están dispoñibles na Rede, a través do blog desta biblioteca escolar, O Segrel do Penedo, na sección "documentos a compartir".

Títulos imprescindibles para unha colección de calidade - Infantil e Primaria

De entre os titulos de literatura infantil e xuvenil editados no 2007 e 2008, profesorado con ampla experiencia no trato con libros e pequen@s lectores,  fixo unha selección (a petición da Asesoría de bibliotecas escolares) dos que poderían considerarse imprescindibles.  Velaquí esta Selección de libros imprescindibles para infantil e primaria (fición)

E para manter actualizada a sección de materiais informativos (ou de consulta, coñecemento...) estoutra selección de títulos axeitados ao alumnado destas idades: Imprescindibles-Informativos para ensino infantil e primario. (Neste caso, o campo "idade" debe entenderse como "a partir de", é dicir, textos que xa poderían ser consultados, sequera parcialmente ou con axuda,  por lectores a partir de "3-6 anos", por exemplo.)

 

Algúns Proxectos lectores de centro

Algúns centros educativos xa elaboraron o primeiro borrador do Proxecto lector de centro. Son documentos que guían o traballo anual e están en fase de proba, revisióne mellora:

Sobre avaliación da lectura

Achéganse uns apuntamentos sobre a avaliación da lectura no contexto educativo: qué se pode avaliar, que instrumentos se poden empregar, que prácticas poden axudar a coñecer o alcance das lecturas feitas polo alumnado...

Repertorio de lecturas para o Proxecto Lector

Unha proposta dos posibles tipos de documentos a ter en conta á hora de deseñar proxectos lectores e recursos para o seu desenvolvemento. Serían os documentos necesarios para garantir que nunha sección de aula, ou nunha biblioteca de aula, ou para un grupo de nivel, houbese suficiente variedade de recursos.

Materiais dos II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia

No mes de outubro de 2008 tiveron lugar en Santiago de Compostela os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, baixo o lema BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER. O groso do programa estaba adicado á presentación de experiencias de centros educativos arredor de tres temas fundamentais: os proxectos lectores de centro, a educación documental e a integración dos recursos da biblioteca  no desenvolvemento do currículo. Nos seguintes enderezos pódese ter acceso aos materiais presentados nas diversas comunicacións, así como outras informacións de interese relacionadas co contido dos encontros.

Avaliación da comprensión lectora.

Este documento pode servir para avaliar a comprensión lectora do alumnado, ben para obter información sobre a situación inicial, ben para recoller datos de avaliación ao final dun proceso. É un documento de carácter inidividual e pode adaptarse a idades diversas.

Xeografía e Literatura. 3º ESO

A responsable da biblioteca do IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa, Susana Trigo, ofrece para a súa difusión este traballo, froito dunha Licenza por estudos concedida pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no ano 2007:

XEOGRAFÍA E LITERATURA. Unha proposta para 3º da ESO, segundo Decreto 133/2007:

Bloque 3: Organización política e espazo xeográfico. Bloque 4: Transformacións e desequilibrios no mundo actual.

Inclúe dous ficheiros: Índice de materias e Catálogo bibliográfico.

Educación documental

A educación documental comeza dende ben pequenos. No seguinte documento, elaborado pola Asesoría de bibliotecas escolares, recóllense algunhas cuestións para iniciar ao alumnado no uso de fontes documentais diversas.

Cuestionario sobre hábitos de lectura e uso das bibliotecas - alumnado de secundaria

O seguinte cuestionario pode servir para coñecer os usos que o alumnado de ensinanza secundaria e outras  fai da biblioteca escolar. Permite tamén coñecer os seus hábitos de lectura. Pode empregarse para un diagnóstico da situación de partida, na primeira fase de elaboración do Proxecto Lector de Centro.

Cuestionario sobre usos de biblioteca escolar e hábitos de lectura - Alumnado de Primaria

Achégase un estadillo que pode servir para coñecer os usos que o alumnado de primaria (está pensado para un 5º curso, pero podería adaptarse aos máis pequenos), fai da biblioteca escolar. Permite tamén achegarse aos seus hábitos de lectura. Pode empregarse para un diagnóstico da situación de partida, na primeira fase de elaboración do Proxecto Lector de Centro.

Proxecto Lector de centro

   

Información básica sobre o Proxecto Lector de centro, unha nova achega dos currículos de ensino primario e secundario da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto Lector pode ser unha oportunidade para repensar as prácticas docentes relacionadas coa lectura e a escritura e educación en información, a prol da mellora da calidade do ensino e da construción dunha sociedade lectora.

Documentos de referencia: