Iniciar sesión: Acceso

APERTURA CENTRO EN SEMANA SANTA

A actividade lectiva remata o venres 22 de marzo e voltamos despois de vacacións de semana santa, o martes 2 de abril.

O centro permanecerá aberto os días 25 e 26 de marzo de 10.00 a 13.00h.

Semana das viaxes no VdT

Rematou unha semana chea de novas aventuras!

Mentres o alumnado de 2º ESO aprendía a esquiar en Andorra, os rapaces e rapazas de 4º ESO pasaban a semana percorrendo as rúas de Barcelona, Tarragona e, como non, PortAventura!

Pola súa parte, o alumnado de 2º Bacharelato practicaba inglés e descubría o encanto de Edimburgo e os seus arredores.

Máis preto da casa, pero non por iso menos interesante, as alumnas e alumnos de Antropoloxía pasaron uns días percorrendo diversos museos da nosa xeografía.

Sen dúbida, unha semana para recordar. Agardamos que disfrutásedes da experiencia!

Obradoiro de aproximación ao cómic, con Marta Outeiriño

Me tiraste un limón, y tan amargo,
con una mano cálida, y tan pura,
que no menoscabó su arquitectura
y probé su amargura sin embargo.

Ai! Se Miguel Hernández soubese todo o bo que dá de si un limón!
Tamén el iría ao obradoiro de ilustración que impartiu hoxe a nosa profe Marta para o alumnado dos Clubs de lectura e para os usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña! Hoxe naceron debuxantes.


Grazas, Marta e Encarna, polo traballo, o cariño e a emoción.

BOLSAS EUROLINGUA

Infórmase da apertura da 11ª Convocatoria de Bolsas Eurolingua para a realización de Cursos de Inglés en Irlanda de dúas semanas de duración durante o verán nun programa de inmersión todo incluído dirixido a estudantes de Secundaria, Ciclos e Universidade.

O programa está becado ao 100% e inclúe:

  • Programa de 20 clases de inglés semanais.
  • Material didáctico.
  • Aloxamento en familias seleccionadas e residencia.
  • Programa de actividades culturais, visitas e excursións.
  • Certificado de aproveitamento  do curso expedido polo colegio.
  • Teléfono de emerxencia 24 horas.
  • Non incluído, pero xestionable gratuitamente, o billete de avión.


Os requisitos para solicitar a bolsa son:

  • Idade mínima 14 anos.
  • Media académica de polo menos 6 puntos.
  • Estar matriculado neste curso nalgún destes estudos: ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos ou Universidade (masters e doctorados incluídos).
  • Ter nacionalidade de calquera país da UE.


O prazo de solicitude para esta bolsa finaliza o 21 de abril. 

Para máis información: https://www.becaseurolingua.com/

Visita de Dores Tembrás no Club de lectura de familias

O sol tamén quixo estar, Dores, nos teus enxertos. Aí están a fotos : unha fermosa luz solar ilumina a escena por fóra e, esa mesma luz, por dentro. Con todos os enxertos, as infancias, os papás e as mamás, as matanzas, os amorodos, os fillos, o amor que se prolonga, a ausencia de puntos e a música... todo estaba na poeta e saímoslle ao encontro as lectoras. A poesía foi esa tarde unha simbiose de vivencias, as de quen escribe (tan ben recollidas, elexidas as palabras) e as de quen as le.

Dores achegounos "esa procesión de palabras en sinal de respecto" a quen te precede e tanto te ama, a quen te continúa, pero tamén ás lectoras.

Canta emoción neste enxerto teu, canta xustiza. Se fose un rego, Dores, a túa obra estaría ben feitiña, coma un fío na terra que a abre, sen ferila, sen mancala.

Nesa tarde de sol abrimos con Dores a terra (a dela e a nosa), enxertarmos no padrón a puga. Grazas por esa sesión de horticultura, Dores ( e tamén pola túa, Paula), polos "altares vexetais" , "trevos pedras prímulas", polos "dous puntos de rotulador verde na colcha", polas "lecturas ciscadas" pola xenerosidade coas palabras e o que hai detrás delas e por ler, sobre todo grazas por ler (en alto). Les como escribes. Con peso, con fondura, bailando cada verba. Tocándoa.

Grazas, mamás, polos tulipáns que caen na memoria.

"planta unha maceira
ao pé do camiño
para sacarlle a sede
a quen pase"

Dores Tembrás

Saint Patrick’s Week

Esta semana no I.E.S. Val do Tea celebramos San Patricio. Esta popular celebración irlandesa está moi estendida por tódolos continentes.

Desde o Departamento de Inglés non quixemos deixar pasar a ocasión e organizamos unha mini-exposición con información relevante sobre esta celebración e algunhas pinceladas da cultura irlandesa que incluíu temas varios como son a literatura, música, danza, mitos, gastronomía e simboloxía.

 A través dun “quest” o alumnado tivo a ocasión de aprender, de traballar en equipo e por suposto de pasalo ben nunha pequena competición por equipos.

Dende o centro desexámosvos un feliz San Patricio e lembrade:

Wear green on Saint Patrick’s Day OR you get pinched!

Boa acollida na primeira xornada da Escola de Nais e Pais

Na nosa primeira sesión da Escola de Nais e Pais do Val do Tea contamos coa psicóloga e pedagoga Luciana Maccio, quen nos fixo reflexionar sobre a etapa da adolescencia, os medos, as frustracións, a mellora da autoestima do noso alumnado, entre outros temas; como abordar estes temas dun xeito práctico.

Moitas grazas a Luciana, e tamén a tódalas nais e pais que asistiron e participaron activamente, así como dúas alumnas de bacharelato que tamén expresaron o seu punto de vista sobre estas cuestións.

Sen dúbida, unha tarde ben interesante.

Xa estamos agardando pola seguinte!

Coñecemos máis de preto a Universidade de Vigo

Parte do noso alumnado de 2º Bacharelato visitou este luns a Universidade de Vigo, na procura de seguir orientando o seu futuro máis inmediato!

O vindeiro curso, moitas das nosas alumnas e alumnos volverán percorrer os corredores da UVigo ou de calquera outra universidade, continuando camiño cara a un futuro que lles auguramos realmente prometedor!

Entrega de premios "Repensando o amor"

O 7 de marzo tivo lugar na biblioteca do IES Pedra de Auga a entrega de premios do IV Certame Filosófico Intercentros "Repensar o amor", convocado co gallo do 14 de febreiro. As persoas gañadoras foron as seguintes:

- Modalidade A (ensaio):

     • ESO: Jimena Pilar Da Fonseca Necega (IES Val do Tea).

     • Bacharelato: Dana Pino Cebreiro (IES Val do Tea).

     • FP: Sara Ibáñez Carrera (IES Pedra de Auga).

- Modalidade B (imaxe):

     • ESO: María Rodríguez Vázquez (IES Pedra de Auga).

     • Bacharelato: Laura Otero López (IES Pedra de Auga).

     • FP: Sara Ibáñez Carrera (IES Pedra de Auga).

Parabéns ás persoas gañadoras e grazas a todas aquelas que participastes!

Concurso: Cazador de Pares Laborais

Aínda existen campos profesionais onde perduran os estereotipos de xénero. En moitos casos non é doado atopar mulleres ou homes en certos traballos.

Con motivo do Día Internacional da Muller, propomos este concurso, para dar visibilidade a aquelas profesionais que están a romper estereotipos no seu campo.

Seriades quen de atopar representantes femininos e masculinos de distintas profesións?

Creade un collage de imaxes nas que, para cada profesión, amosedes unha imaxe de cada un dos representantes de cada sexo.

Xuntade tantas como poidades!

PARTICIPACIÓN INDIVIDUAL OU EN GRUPO

DATA LÍMITE: 8 DE ABRIL ÁS 15:00h

PREMIO: vale de compra de 20€ (por participante) nunha libraría/papelaría.

*Consultade as bases completas no cartaz.

Distribuir contido

Eventos

« Xullo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Contratos-Programa