Iniciar sesión: Acceso

Clubs de lectura

Pedro Feijoo e a súa Memoria da choiva

Onte tivemos a sorte de contar coa visita de Pedro Feijoo no noso centro! Achegouse para falar co alumnado de 1º Bacharelato sobre a Memoria da choiva e tamén co club de lectura de familias sobre esta lectura e moitas outras nas que andan inmersas.

Foi un verdadeiro pracer escoitalo, compartir unha tarde chea de curiosidades sobre a súa escrita e tamén ter unha vez máis a Rosalía como referente, e saber coidar a súa memoria como merece.

Grazas, Pedro, agardamos volver lerte pronto!

Visita de Dores Tembrás no Club de lectura de familias

O sol tamén quixo estar, Dores, nos teus enxertos. Aí están a fotos : unha fermosa luz solar ilumina a escena por fóra e, esa mesma luz, por dentro. Con todos os enxertos, as infancias, os papás e as mamás, as matanzas, os amorodos, os fillos, o amor que se prolonga, a ausencia de puntos e a música... todo estaba na poeta e saímoslle ao encontro as lectoras. A poesía foi esa tarde unha simbiose de vivencias, as de quen escribe (tan ben recollidas, elexidas as palabras) e as de quen as le.

Dores achegounos "esa procesión de palabras en sinal de respecto" a quen te precede e tanto te ama, a quen te continúa, pero tamén ás lectoras.

Canta emoción neste enxerto teu, canta xustiza. Se fose un rego, Dores, a túa obra estaría ben feitiña, coma un fío na terra que a abre, sen ferila, sen mancala.

Nesa tarde de sol abrimos con Dores a terra (a dela e a nosa), enxertarmos no padrón a puga. Grazas por esa sesión de horticultura, Dores ( e tamén pola túa, Paula), polos "altares vexetais" , "trevos pedras prímulas", polos "dous puntos de rotulador verde na colcha", polas "lecturas ciscadas" pola xenerosidade coas palabras e o que hai detrás delas e por ler, sobre todo grazas por ler (en alto). Les como escribes. Con peso, con fondura, bailando cada verba. Tocándoa.

Grazas, mamás, polos tulipáns que caen na memoria.

"planta unha maceira
ao pé do camiño
para sacarlle a sede
a quen pase"

Dores Tembrás

Xornada de convivio dos clubs de lectura!

O pasado martes, o Club de lectura junior do noso insti tivo unha quedada cos clubs de lectura de 5º e 6º do CEIP Fermín Bouza Brey e do CEIP Ramiro Sabel!
Primeiro xantaron xuntos/as todos/as os lectores e lectoras e despois viron a película "O fogar de Miss Peregrine para nenos peculiares".
Tralo visionado da peli, unha encomenda: traballar a plástica da película nos seus coles.
Asemade quedaron en plasmar (nun papel corrido, grande coma as súas lecturas) as impresións da peli e máis do libros de Ledicia Costas que están a ler nos diferentes Clubs de lectura: A señorita Bubble (nos coles) e A balada dos unicornios (no insti).

Quedamos emprazados/as para outro xantar no que haberá intercambio de sentires e pareceres lectores.
E se viñese un unicornio?

Saboreando o ceo

Saboreamos onte o ceo coa voz e os contos da nosa alumna Boutaina (que leu para nós en árabe), con pasteis ricos (tamén árabes), coa amorosa presencia das persoas que se achegaron a esta sesión do club de lectura de familias na que lemos Saboreando el cielo, de Ibtisam Barakat.

Chegamos a Palestina, o lugar da resistencia. Deteñamos o xenicidio con doces, con libros, con encontros, con mamás lectoras! Grazas, mamás por virdes sempre, polos doces e os marcapáxinas que nos ganchillastes.

 

Despedimos o club de lectura de Bacharelato e profes ata setembro!

O club de lectura do alumnado de Bacharelato e profes despídese por este curso 22/23 coa lectura da peza teatral As alumnas, de Paula Carballeira. Volveremos en setembro con novas lecturas!

Feliz verán a toda a comunidade educativa!

 

Última sesión do club de lectura de familias

Na última sesión deste curso 22/23 do club de lectura de familias tivemos connosco a Sara e Noa, alumnas de 1º Bacharelato, que viñeron falar de María Casares. As persoas participantes leron con anterioridade a biografía da actriz  (María Casares, a célebre refuxiada, a descoñecida) de Arancha Estévez e tamén tiveron a oportunidade de asistir á obra de teatro Continente María no mes de abril.
Con esta exposición das nosas alumnas poñemos o ramo a un ano de lecturas compartidas. Volvemos en setembro!
 
 

Encontro clubs de lectura

Para despedir o curso 22/23, o noso Club de lectura da ESO xunto co Club de lectura do CEIP Fermín Bouza Brey mantiveron un pequeno encontro a carón do río, no que compartiron lecturas e unha pequena sesión de convivio. Agardamos que fose unha xornada interesante e que volvan o vindeiro curso con ganas de seguir vivindo aventuras a través das lecturas!

Revisitamos o mito de Circe e Penélope da man de Begoña Caamaño

Nunha nova sesión do Club de lectura de profesorado e alumnado de Bacharelato tivemos a ocasión de comentar a novela Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. Unha novela que nos permitiu falar de mitos e de feminismo, achegándonos ao mito da Odisea, e do tan recoñecido Ulises, desde o punto de vista das mulleres da historia, tantas veces relegadas a un segundo plano, Circe e Penélope. 

Vémonos en xuño cunha nova lectura! 

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG