Iniciar sesión: Acceso

Novas do Equipo de Igualdade

III Encontro de Comandos de Igualdade

Hoxe os membros do Equipo de Igualdade do IES Val do Tea asistimos ó III Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra. Talleres, un pequeno concerto de Su Garrido Pombo, micro aberto e outras actividades formaron parte desta marabillosa xornada.

Volvemos con novas ideas, formación e moita forza para seguir con este proxecto!

Concurso: Cazador de Pares Laborais

Aínda existen campos profesionais onde perduran os estereotipos de xénero. En moitos casos non é doado atopar mulleres ou homes en certos traballos.

Con motivo do Día Internacional da Muller, propomos este concurso, para dar visibilidade a aquelas profesionais que están a romper estereotipos no seu campo.

Seriades quen de atopar representantes femininos e masculinos de distintas profesións?

Creade un collage de imaxes nas que, para cada profesión, amosedes unha imaxe de cada un dos representantes de cada sexo.

Xuntade tantas como poidades!

PARTICIPACIÓN INDIVIDUAL OU EN GRUPO

DATA LÍMITE: 8 DE ABRIL ÁS 15:00h

PREMIO: vale de compra de 20€ (por participante) nunha libraría/papelaría.

*Consultade as bases completas no cartaz.

Programa especial 8M

Desde o Equipo de Igualdade, en colaboración co Departamento de Lingua Castelá e Radio, compartimos convosco este programa especial de radio, composto por tres episodios que cobran especial relevancia coa conmemoración este venres do 8M, Día Internacional da Muller.

11F: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O vindeiro 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e esta mañá tivemos connosco a Cristina Fernández, investigadora de Ciencias do Mar na Universidade de Vigo. Veu falarnos das mulleres referentes e/ou pioneiras nas áreas STEM e máis concretamente da súa carreira, "Unha carreira de ciencias cun toque feminista". O alumnado de 3º e 4º ESO tivo ocasión de coñecer un pouco máis o mundo do mar grazas a esta interesante charla.

Grazas, Cristina, pola túa visita e parabéns polo teu traballo!

 

O papel da muller na cultura de tradición oral, con Nuria Gesteira

Na mañá de hoxe, xoves 18 de maio, tivemos a sorte de poder contar con Nuria Gesteira, coñecedora e divulgadora do noso folclore. O alumnado de 3º e 4º coñeceu da súa man cal foi ao longo da historia recente a importancia da muller na cultura de tradición oral. 

Grazas e parabéns, Nuria, polo teu fermoso traballo!

Emilia Pardo Bazán viaxa ao Val do Tea

Este luns 24 de abril foi un día cheo de actividades no noso centro. Pola mañá, o alumnado de 4º ESO participou nunha animada charla sobre Emilia Pardo Bazán levada a cabo por Julia Santiso, conservadora responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da Coruña. Foi unha sesión que deu para pensar e reflexionar sobre o papel da muller ao longo da historia, a través da propia historia da escritora.

Grazas, Julia, por compartir os teus coñecementos con todas e todos nós.

Obradoiros de Igualdade. Sabemos o que cantamos?

Este luns 27 de marzo, os alumnos e alumnas de 1º e 2º da  ESO asistiron a un obradoiro organizado polo Departamento de Igualdade do centro. Este foi impartido por Raquel González Ferrón, pedagoga e axente de Igualdade con mestrado en Igualdade e Violencia de xénero.

Neste obradoiro a rapazada escoitou polo miúdo as letras das cancións que están de moda na actualidade. Moitas destas destacan polo seu contido sexista que ás veces é explícito e outras pasa desapercibido. Non está demais analizar as músicas que forman parte da nosa vida porque somos tamén o que escoitamos. Teñamos os oídos abertos á Igualdade.

A semana de Poesía e do Teatro

Desde o día 21 ata o 27 celebramos no instituto a Poesía e o Teatro. Primeiro convocounos, de sorpresa, a poesía. O mércores 22 Leti Breijo, Arancha Nogueira e o chío dun paxaro entraron nas aulas de 3º da ESO, sen previo aviso, e con dozura e arroubo para recirtar os seus versos. Quince minutos de poesía condensada. Ademais, ao longo da semana, os alumnos e alumnos do citado nivel recibiron audios de poemas recitados e creados polos integrantes do obradoiro de poesía “Arquitecturas do poema” desenvolvido pola editorial Apiario. Rematamos a semana “turrando polo poema como por un becerro”, xa que venres tivemos a sorte de ter no centro a Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2022 polo seu poemario FelizIdade, libro que lemos este mes no Club de lectura de familias. Arredor da súa poesía e dun venres fermoso, “aprendemos a ladrar”.

E para poñer fin ás actividades poéticas destes días, tivemos un encontro poético e on line con Dores Tembrás, que falou coa rapazada de 3º da ESO (con elegancia e cariño) do feito poético e do oficio de escribir versos, que é seu.

Está claro que nos gusta celebrar, por iso, non quixemos esquecernos do teatro e da súa festa. Para poñer en valor a súa importancia, lemos, cos versos de Olga Novo, o texto dramático “O senso da floración” da dramaturga Laura Porto, ex alumna do centro, e lectora de Olga Novo. Por iso as fixemos coincidir no tempo e na literatura e tamén asistiu ao encontro do venres. Di Laura que “O senso da floración” foi escrito con Olga Novo. Del bebeu e nós quixemos achegarnos ás dúas autora simultanemente. O teatro saíulle ao encontro á poesía.

Que gusto facelas coincidir esta semana no noso insti!

Foi un gusto verdadeiro recibirvos ás catro. Grazas por deixardes aquí as vosas miradas.

 

8M, Día Internacional da Muller

Un ano máis, conmemoramos o 8M reflexionando acerca das condicións vitais e laborais das mulleres na sociedade en que vivimos.

Neste día, Iria, Gabriela, Paula e Andrea, alumnas de 4º ESO, compartiron con todo o alumnado o noso manifesto, a través da súa lectura nas diferentes aulas do centro. 

 

FELIZ E REIVINDICATIVO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER!

MANIFESTO 8M 2023, IES VAL DO TEA

Falemos de sexo con Iria Montes

Na mañá de onte, 1 de marzo, a matrona Iria Montes achegouse ao noso centro para aclarar dúbidas e facer pensar o alumnado de 4ºESO sobre diferentes aspectos de grandes importancia relacionados coa sexualidade. Foi unha interesante charla na que se puideron resolver moitas dúbidas e falsos mitos que a mocidade adoita aceptar como válidos sen cuestionalos.

Grazas, Iria, pola túa visita.

 

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG