Iniciar sesión: Acceso

BOLSAS EUROLINGUA

Infórmase da apertura da 11ª Convocatoria de Bolsas Eurolingua para a realización de Cursos de Inglés en Irlanda de dúas semanas de duración durante o verán nun programa de inmersión todo incluído dirixido a estudantes de Secundaria, Ciclos e Universidade.

O programa está becado ao 100% e inclúe:

  • Programa de 20 clases de inglés semanais.
  • Material didáctico.
  • Aloxamento en familias seleccionadas e residencia.
  • Programa de actividades culturais, visitas e excursións.
  • Certificado de aproveitamento  do curso expedido polo colegio.
  • Teléfono de emerxencia 24 horas.
  • Non incluído, pero xestionable gratuitamente, o billete de avión.


Os requisitos para solicitar a bolsa son:

  • Idade mínima 14 anos.
  • Media académica de polo menos 6 puntos.
  • Estar matriculado neste curso nalgún destes estudos: ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos ou Universidade (masters e doctorados incluídos).
  • Ter nacionalidade de calquera país da UE.


O prazo de solicitude para esta bolsa finaliza o 21 de abril. 

Para máis información: https://www.becaseurolingua.com/

Visita de Dores Tembrás no Club de lectura de familias

O sol tamén quixo estar, Dores, nos teus enxertos. Aí están a fotos : unha fermosa luz solar ilumina a escena por fóra e, esa mesma luz, por dentro. Con todos os enxertos, as infancias, os papás e as mamás, as matanzas, os amorodos, os fillos, o amor que se prolonga, a ausencia de puntos e a música... todo estaba na poeta e saímoslle ao encontro as lectoras. A poesía foi esa tarde unha simbiose de vivencias, as de quen escribe (tan ben recollidas, elexidas as palabras) e as de quen as le.

Dores achegounos "esa procesión de palabras en sinal de respecto" a quen te precede e tanto te ama, a quen te continúa, pero tamén ás lectoras.

Canta emoción neste enxerto teu, canta xustiza. Se fose un rego, Dores, a túa obra estaría ben feitiña, coma un fío na terra que a abre, sen ferila, sen mancala.

Nesa tarde de sol abrimos con Dores a terra (a dela e a nosa), enxertarmos no padrón a puga. Grazas por esa sesión de horticultura, Dores ( e tamén pola túa, Paula), polos "altares vexetais" , "trevos pedras prímulas", polos "dous puntos de rotulador verde na colcha", polas "lecturas ciscadas" pola xenerosidade coas palabras e o que hai detrás delas e por ler, sobre todo grazas por ler (en alto). Les como escribes. Con peso, con fondura, bailando cada verba. Tocándoa.

Grazas, mamás, polos tulipáns que caen na memoria.

"planta unha maceira
ao pé do camiño
para sacarlle a sede
a quen pase"

Dores Tembrás

BOLSAS MINISTERIO DE EDUCACIÓN PARA ESTUDOS DE FP, BACHARELATO E OUTROS ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS: SOLICITUDE E PRAZOS

O prazo para solicitar a bolsa da convocatoria xeral do Ministerio de Educación para o curso 2024-2025 comeza o día 19 de marzo de 2024 ás 9.00 da mañá e remata o 10 de maio de 2024 ás 15.00 horas. Segundo se indica na páxina web do ministerio, é interesante que se solicite a bolsa aínda que non teñamos claro os estudos que vaiamos a realizar, ou se non temos claro que vaiamos a continuar estudando.

En caso de dúbida, podedes contactar co departamento de orientación do centro.

Non o deixedes para o último día.

Enlaces con información:

https://www.becaseducacion.gob.es/portada.html

https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/fp-bachillerato-otros/tipos-de-becas.html

Saint Patrick’s Week

Esta semana no I.E.S. Val do Tea celebramos San Patricio. Esta popular celebración irlandesa está moi estendida por tódolos continentes.

Desde o Departamento de Inglés non quixemos deixar pasar a ocasión e organizamos unha mini-exposición con información relevante sobre esta celebración e algunhas pinceladas da cultura irlandesa que incluíu temas varios como son a literatura, música, danza, mitos, gastronomía e simboloxía.

 A través dun “quest” o alumnado tivo a ocasión de aprender, de traballar en equipo e por suposto de pasalo ben nunha pequena competición por equipos.

Dende o centro desexámosvos un feliz San Patricio e lembrade:

Wear green on Saint Patrick’s Day OR you get pinched!

Boa acollida na primeira xornada da Escola de Nais e Pais

Na nosa primeira sesión da Escola de Nais e Pais do Val do Tea contamos coa psicóloga e pedagoga Luciana Maccio, quen nos fixo reflexionar sobre a etapa da adolescencia, os medos, as frustracións, a mellora da autoestima do noso alumnado, entre outros temas; como abordar estes temas dun xeito práctico.

Moitas grazas a Luciana, e tamén a tódalas nais e pais que asistiron e participaron activamente, así como dúas alumnas de bacharelato que tamén expresaron o seu punto de vista sobre estas cuestións.

Sen dúbida, unha tarde ben interesante.

Xa estamos agardando pola seguinte!

Coñecemos máis de preto a Universidade de Vigo

Parte do noso alumnado de 2º Bacharelato visitou este luns a Universidade de Vigo, na procura de seguir orientando o seu futuro máis inmediato!

O vindeiro curso, moitas das nosas alumnas e alumnos volverán percorrer os corredores da UVigo ou de calquera outra universidade, continuando camiño cara a un futuro que lles auguramos realmente prometedor!

Entrega de premios "Repensando o amor"

O 7 de marzo tivo lugar na biblioteca do IES Pedra de Auga a entrega de premios do IV Certame Filosófico Intercentros "Repensar o amor", convocado co gallo do 14 de febreiro. As persoas gañadoras foron as seguintes:

- Modalidade A (ensaio):

     • ESO: Jimena Pilar Da Fonseca Necega (IES Val do Tea).

     • Bacharelato: Dana Pino Cebreiro (IES Val do Tea).

     • FP: Sara Ibáñez Carrera (IES Pedra de Auga).

- Modalidade B (imaxe):

     • ESO: María Rodríguez Vázquez (IES Pedra de Auga).

     • Bacharelato: Laura Otero López (IES Pedra de Auga).

     • FP: Sara Ibáñez Carrera (IES Pedra de Auga).

Parabéns ás persoas gañadoras e grazas a todas aquelas que participastes!

Concurso: Cazador de Pares Laborais

Aínda existen campos profesionais onde perduran os estereotipos de xénero. En moitos casos non é doado atopar mulleres ou homes en certos traballos.

Con motivo do Día Internacional da Muller, propomos este concurso, para dar visibilidade a aquelas profesionais que están a romper estereotipos no seu campo.

Seriades quen de atopar representantes femininos e masculinos de distintas profesións?

Creade un collage de imaxes nas que, para cada profesión, amosedes unha imaxe de cada un dos representantes de cada sexo.

Xuntade tantas como poidades!

PARTICIPACIÓN INDIVIDUAL OU EN GRUPO

DATA LÍMITE: 8 DE ABRIL ÁS 15:00h

PREMIO: vale de compra de 20€ (por participante) nunha libraría/papelaría.

*Consultade as bases completas no cartaz.

Probas de aptitude para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Publícase o procedemento para o acceso as probas de aptitude para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte no seguinte enlace:

https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/show/1297

Prazo de inscripción: 8 de marzo de 2024 - 2 de abril de 2024

 

Programa especial 8M

Desde o Equipo de Igualdade, en colaboración co Departamento de Lingua Castelá e Radio, compartimos convosco este programa especial de radio, composto por tres episodios que cobran especial relevancia coa conmemoración este venres do 8M, Día Internacional da Muller.

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG