Iniciar sesión: Acceso

Visitamos a Aula Newton

O pasado venres, o alumnado do Bacharelato de Ciencias tivo a oportunidade de coñecer a Aula Newton. Trátase dunha aula de aprendizaxe de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM) destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.

Sen dúbida foron unhas horas ben aproveitadas.

INFORMACIÓN PROBAS DE DIAGNÓSTICO

Instrucións do centro

A continuación podes ver a información adaptada e resumida sobre as PROBAS DE AVALIACIÓNS DIAGNÓSTICO deste centro.

No portal educativo da Consellería, no apartado Avalia, podes acceder á  información básica sobre as probas. Avalia é a plataforma telemática para xestión e desenvolvemento do proceso nos centros

A normativa que rexe as probas é a ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, e a RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2023/24.

A avaliación é obrigatoria para todo o alumnado de 2º ESO

A xestión e organización do proceso, incluídas estas instrucións, recae (art.5 da Orde) nunha Comisióndeavaliación formada, neste curso por:

  • Dirección
  • Xefatura de estudos ESO-Bacharelato
  • Xefatura departamento de orientación
  • Persoa titora de 2ºESO

Ademais das persoas que conforman a Comisión haberá outros dous tipos de persoas actoras:

Persoas aplicadoras: que inteveñen/axudan/colaboran no proceso e poden ser de calquera departamento didáctico. A súa tarefa fundamental vai ser entregar e vixiar a proba.

Persoas correctoras: que corrixen as probas e, en ningún caso, corrixirán a alumnado ao que impartan clase.

Datas e Horario das Probas

10 abril

Lingua Galega                                 09:00 – 10:15

Descanso

Lingua Castelá                                11:00 – 12:15

11 abril 

Lingua estranxeira                          09:00 – 10:15

Descanso

Matemáticas                                     11:00 – 12:15

Durante o tempo de descanso o alumnado baixará ao recreo.

Lugar das probas, vixilancia e persoas aplicadoras

Cada grupo examinarase na súa aula. As probas son vixiadas por profesorado do propio centro. O profesorado que vixía non pode asistir a ningunha alumna ou ningún alumno durante a proba, e non pode abandonar a aula. Cada profesora ou profesor vixía toda a proba ininterrompidamente.

A partir de 15 minutos desde o inicio de cada proba, o alumnado que vaia rematando entregará o caderno ou cuestionario e sairá da aula. O alumnado que entregue o caderno deberá abandonar a aula. Este alumnado deberá ir á biblioteca do centro ata o momento do recreo. O alumnado que estea na biblioteca poderá ser enviado de novo á aula ou redirixido a outro sitio segundo considere a Xefatura de estudos. O alumnado estará atendido por profesorado do centro en todo momento. 

As persoas aplicadoras quedan convocadas a unha reunión o vindeiro luns día 8 de abril no segundo recreo e no salón de actos co fin de seren informadas, resolver dúbidas e garantir un mellor desenvolvemento do proceso.

Quen corrixe (persoas correctoras)

Neste caso, a Comisión nomea a todo o profesorado dos departamentos de

  • Lingua Galega
  • Lingua Castelá 
  • Inglés
  • Matemáticas

Á vista das probas, poderíase determinar máis profesorado doutros departamentos.

Todo o profesorado destes departamento queda convocado a unha reunión o vindeiro luns día 8 de abril no segundo recreo e no salón de actos co fin de seren informadas, resolver dúbidas e garantir un mellor desenvolvemento do proceso.

Cualificacións

Os cadernos do alumnado veñen cifrados, e ningún traballador do centro (agás dirección e xefatura de estudos) pode saber a que alumna ou alumno corresponde cada caderno.

Da carga de datos na aplicación encargarase só dirección e xefatura de estudos.

As cualificacións destas probas non teñen ningunha repercusión académica para o alumnado, nin serán nunca publicadas.

Nun momento posterior, tirarase un informe da Consellería cos datos por competencias deste centro, o cal terá que ser analizado na Comisión de Coordinación Pedagóxica do Centro, antes de ser trasladado ao consello escolar, tal e como recolle a lexislación. Estes datos son imprescindibles e necesarios de cara ás medidas de mellora do vindeiro curso.

Quen envía os datos e o resto de material e documentación

Desta tarefa encargarase o Equipo directivo.

 

Concerto de Alteanos

O pasado 18 de marzo tivo lugar o concerto de Alteanos, organizado desde o noso centro, ao que tamén convidamos os IES Pedra da Auga e IES do Barral. Dous foron os pases que deu o grupo, formado por alumnado dos 3 institutos de Ponteareas, pois moito era o público que quixo e puido asistir a disfrutar de grandes éxitos como este "Miña terra galega", de Siniestro Total, que vos deixamos nun pequeno vídeo.

Parabéns, Alteanos, polo voso esforzo! O resultado ben pagou a pena.

 

Las cuevas de Solimán, de Juan Abalde

Deixamos aquí a proba gráfica de que temos intención de entrar nunhas covas, as de Sóliman. O pasado 20 de marzo visitáronnos Juan Abalde e e Paula Abalde (ex alumna do centro, que ben que volveses vir ao teu insti co fermoso debuxo da cuberta de Las cuevas de Solimán) para presentar esta novela ao alumnado de 1º Bacharelato.

Estamos desexando acompañar os catro adolescentes protagonistas da novela!!!

"Cuatro adolescentes verán inesperadamente alteradas sus vacaciones de verano al verse inmersos, sin saberlo, en medio de una investigación policial. Al mismo tiempo, dos familias, aparentemente sin conexión alguna, sufrirán el secuestro de sus hijos.

Sóliman, ubicada ficticiamente en Galicia, será el escenario perfecto para una historia que siempre mira al pasado y que lo proyecta al presente. Al igual que los faros alumbran la costa para los marineros, Sóliman se convertirá en la luz que iluminará la resolución de este caso."

Grazas, Juan e Paula por traemos esta aventura.

Celebramos o mes da Poesía

"Sinalando coas dedas dos seus pés..." son uns versos de Candela cos que celebramos a poesía. O mes da poesía.

O mércores 13 de marzo recibimos As meleiras do Suído, Melissa e Fátima, que nos falaron de como as abellas fan mel que elas, apicultoras de vocación e emoción, recollen, con agarimo e respecto. Déronnos a proba da mel no seu panal e soubemos a que sabe o mel cando "nace". O mel, produto que nos ofrecen as abellas despois de libar as flores.

E o xoves 21 de marzo, veu outra meleira, Noa Moreira, poeta (apicultora da palabra, tamén de vocación e emoción) da Pobra do Brollón,que nos ensinou a facer mel libando nas palabras, ensinounos a facer a poesía. Deunos a proba da poesía cando "nace". A poesía, produto que nos ofrecen as poetas despois de libar palabras.

As poetas son abellas. Os versos son mel. Son a vida, a flor, que chega depurada por mans expertas, de apicultora e de poeta. Son medicina o mel e a poesía. 

Grazas a todas por enchernos a boca de flores e de mel. E grazas, Candela, por lembrarnos que "as abellas nacen dos rizos das serraduras/feitas polas calladas e caladas mans abeleiras".

Coidemos das abellas e da vida. Da polinización. Sen ela(s), a vida está ameazada.

Unha semana chea de novas experiencias

Compartimos convosco algunhas imaxes das diversas viaxes que realizou parte do noso alumnado a semana pasada.

Agardamos que vos gusten!

Álbum: Curso 2023-24 -> Viaxes curso 23-24

APERTURA CENTRO EN SEMANA SANTA

A actividade lectiva remata o venres 22 de marzo e voltamos despois de vacacións de semana santa, o martes 2 de abril.

O centro permanecerá aberto os días 25 e 26 de marzo de 10.00 a 13.00h.

Semana das viaxes no VdT

Rematou unha semana chea de novas aventuras!

Mentres o alumnado de 2º ESO aprendía a esquiar en Andorra, os rapaces e rapazas de 4º ESO pasaban a semana percorrendo as rúas de Barcelona, Tarragona e, como non, PortAventura!

Pola súa parte, o alumnado de 2º Bacharelato practicaba inglés e descubría o encanto de Edimburgo e os seus arredores.

Máis preto da casa, pero non por iso menos interesante, as alumnas e alumnos de Antropoloxía pasaron uns días percorrendo diversos museos da nosa xeografía.

Sen dúbida, unha semana para recordar. Agardamos que disfrutásedes da experiencia!

Obradoiro de aproximación ao cómic, con Marta Outeiriño

Me tiraste un limón, y tan amargo,
con una mano cálida, y tan pura,
que no menoscabó su arquitectura
y probé su amargura sin embargo.

Ai! Se Miguel Hernández soubese todo o bo que dá de si un limón!
Tamén el iría ao obradoiro de ilustración que impartiu hoxe a nosa profe Marta para o alumnado dos Clubs de lectura e para os usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña! Hoxe naceron debuxantes.


Grazas, Marta e Encarna, polo traballo, o cariño e a emoción.

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG