Skip to main content

Inauguración do Espazo de Igualdade da biblio

Inaguración do espazo de igualdade
Inaguración do espazo de igualdade

O venres 21 de xuño, derradeiro día do curso, reunímonos para inaugurar o Espazo de Igualdade que se habilitou na biblioteca.

O acto inaugural estivo dirixido polo profesor e membro do Grupo de Igualdade, Gabriel Sánchez, cuxas palabras se alternaron coa lectura de microrrelatos en galego por parte de alumnos e alumnas de diferentes cursos.

Estes textos foron seleccionados entre os gañadores e finalistas do concurso de microrrelatos pola igualdade Mujer, ni más ni menos, organizado pola “Oficina de Información del Parlamento Europeo en España” para conmemorar o Día Internacional de las Mujeres 2015, e que contou coa colaboración do “Instituto de la Mujer”. Trátase de textos orixinariamente en castelán, pero que puidemos desfrutar na nosa lingua grazas á tradución que deles fixo a profesora e compañeira do Grupo de Igualdade Naír García.

Puxo o punto final ao acto o director do centro, Luis Vilán, quen valorou actividade do grupo e fixo saber que este conta co total apoio da dirección.

Este novo espazo atópase no segundo andar da biblioteca e está pensado como un lugar destinado para a conversa, a lectura e a reflexión. Nel, podemos atopar sofás, andeis que se irán provendo de libros relacionados coa materia de igualdade e, expositores e paneis onde colgarán carteis e novas. O espazo o preside un cartel en metacrilato deseñado polo profesor Eduardo Berea coa silueta dunha feminista galega, Rosalía de Castro, e dunhas palabras súas que escollemos como lema:

Eu son libre.

Nada pode conter xa a marcha dos meus pensamentos,

e eles son a lei que rexe o meu destino.

Con este acto, o Grupo de Igualdade despídese ata o vindeiro curso, no que espera seguir crecendo e expandendo a necesidade de concienciación no noso centro e tamén fóra das súas paredes.

 

Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License