Skip to Content

En lembranza de Laura Luelmo

Faro
 
Hoxe, 18 de decembro, o alumnado do IES Soutomaior sumouse á xornada dedicada ao recordo da última vítima da violencia machista, Laura Luelmo. O acto principal, realizado ao finalizar a xornada da mañá na entrada do centro, contou coa lectura dun manifesto realizado polos propios alumnos e alumnas e un respectuoso minuto de silencio en lembranza da profesora zamorana.

Con textos propios e outros compilados das redes sociais, os estudantes lembraron a profesora zamorana como unha persoa " inconformista, creativa e valente", unha actitude que reflectiron cunha mensaxe que a propia vítima deixou nas súas redes sociais hai case tres anos: "Rexurdindo lentamente, unindo burbulla a burbulla pretendo chegar a ser unha agradable capa de escuma". Tras a lectura do manifesto, que finalizou cun berro de "Xa abonda!" e o aplauso do estudantado, deuse paso a un respectuoso minuto de silencio co que os mozos e as mozas demostraron a súa repulsa ao asasinato "dun membro da comunidade educativa da que todos formamos parte e que en días coma o de hoxe temos que levantar a nosa voz contra a violencia.

MANIFESTO POLA MORTE DE LAURA LUELMO

"Rexurdindo lentamente, unindo burbulla a burbulla pretendo chegar a crear unha agradable capa de escuma", puxo por mensaxe o 9 de xaneiro de 2016. Era unha frase que mostraba quen era Laura, unha persoa que non se rendía, que loitaba pola súa profesión e pola súa arte.

"A túa oportunidade es ti", era a súa foto-tuit polo 'Día Internacional da Muller', o 8 de marzo de 2018. Foi a última mensaxe de Laura nesta rede social. Era o seu logotipo para un día que marcou un antes e un despois na loita feminista en España. O día en que miles de mulleres saíron á rúa para protestar.

Laura era profesora e ilustradora de 26 anos, traballaba nun colexio concertado de Zamora cun contrato de poucas horas a tempo parcial. Pero presentouse tamén ás oposicións en Andalucía, onde había máis vacantes e máis posibilidades de conseguir un emprego estable que en Castela e León. Sacou moi boa nota pero non praza, así que pasou a integrar a lista de interinidades. Cando a chamaron hai uns días para facer unha substitución de Plástica no instituto Vázquez Díaz de Nerva (Huelva), non o pensou. Colleu o seu Kia azul e fixo cincocentos quilómetros. Era unha oportunidade que lle permitía facer méritos para lograr ser fixa.

Laura non era unha moza conformista. Xa abandonara antes o seu barrio natal de Tres Cruces para ir estudar Belas Artes na Universidade de Salamanca despois de terminar o Bacharelato no IES Claudio Moyano. Logo fixo un máster de Deseño na Universidade Complutense de Madrid. Estivo en México de intercambio. E traballou como profesora en prácticas en Valencia. Tamén foi monitora de campamento. Na Biblioteca Nacional lémbrana con agarimo, pois traballou alí facendo caricaturas.

Unha tarde saíu facer unha das actividades que máis lle gustaba, que era correr.

O seu cadáver foi atopado onte luns dezasete de decembro de 2018, ao mediodía. Levaba desaparecida desde o mércores 12. Sen sabelo, vivía fronte a un condenado por asasinato e abuso sexual.

Desde o noso instituto queremos manifestar a nosa repulsa e volver levantar a voz:

BASTA XA DE ASASINARNOS!
BASTA XA DE NON PODER IR TRANQUILAS POLA RÚA!
BASTA XA DE TER MEDO!
BASTA XA DE TANTA VIOLENCIA!
BASTA XA!!!



book | by Dr. Radut