Skip to Content

O IES de Soutomaior súmase á campaña do 25 de novembro

Ao longo desta semana previa ao 25N o alumnado do noso centro participou en diferentes actividades de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero coa fin de erradicar esta lacra social nunha sociedade que queremos libre e igualitaria. No marco da iniciativa "E ti, que fas pola igualdade?", que este ano se presentou baixo o lema #Imparables, o CIM do Concello de Soutomaior desenvolveu un programa de actos para todos os cursos do IES. 

tropa

O martes 20 os mozos e mozas de 1º de Bacharelato asistiron ao espectáculo "Contamos todas", co que Brais e Marta, da compañía Tropa de Trapo, nos achegaron ás historias das mulleres que perseguiron e alcanzaron os seus soños, foran as mociñas da terceira idade da aldea de Torneiros (Allariz) ou as bravas mulleres que conseguiron poñer fin á guerra que masacraba as súas vidas en Liberia. Exemplos de vida, exemplos de mulleres que se enfrontaron a diversos retos. Historias reais, sinceras e inspiradoras. Contos para reflexionar, modelos de empoderamento, de superación, de igualdade e de rebeldía. Logo, a través de diversas dinámicas activas e participativas, soou a voz do alumnado, que debateu sobre a violencia de xénero e a necesaria igualdade cunha intensidade e unha madurez que nos fai ser optimistas de cara ao futuro.

Paula

Pola súa banda, todos os grupos de 1º a 4º da ESO participaron o mércores 21 e o venres 23 nos obradoiros que a psicóloga especialista en igualdade Paula Sánchez Álvarez impartiu un ano máis no noso centro. Da súa man, o alumnado abordou os conceptos de igualdade dende a propia responsabilidade e en positivo, mais sempre dende unha análise crítica coas estruturas patriarcais aínda dominantes na sociedade. A identificación das condutas sexistas e os estereotipos de xénero, a revisión dos roles femininos e, sobre todo, da nova masculinidade e o auxe global do movemento feminista foron outros dos aspectos traballados cunha xeración que avanza de forma imparable cara ao cambio.



page | by Dr. Radut